| Cando o rural fervÃa |
| Manuel Mera | |
| Mércores, 27 de Decembro do 2006 | |
|
[Publicado en Diario de Ferrol o 20/12/2006. Tirado da CIG] Este ano cúmprese o 80 aniversario da redención dos foros, feita durante a ditadura de Primo de Rivera. Foi unha decisión meditada que freou a crecente axitación campesiña que abranguía o mundo rural galego, daquela a inmensa maioría social. Os núcleos urbans eran moi pequenos e a industrialización mínima pra alén do sector conserveiro e algunhas explotacións mineiras. Unha medida arelada polos labregos, que remataba cun sistema inxusto que dera lugar a que as terras foran mil veces pagas polos que as traballaban e seguiran sendo propiedade de fidalgos absentistas, unha burguesía rentista, ou dos mosteiros antes da desamortización. Cando se fala da redención dos foros temos que lembrar necesariamente ao Directorio de Teis e Chinto Crespo, ou a figuras atrevidas e de verbo radical como o abade de Beiro, Basilio Álvarez, que dirixiu o xornal La Zarpa e a organización Acción Gallega. Tampouco podemos esquecer as Asembleias Agrarias, e sobre todo a morea inmensa de motíns e protestas labregas, que durante máis de século e medio inzaron de rebeldía o país ao largo e longo de toda a súa xeografía. A protesta rural tiña antecedentes moi próximos na oposición as quintas do exercito e aos trabucos excesivos. Sobre estas loitas dinos Barreiro Fernández en Historia de Galicia (volume XV) o seguinte “O motín máis grave foi, seguramente, o da Estrada, que duraría do 5 ao 18 de xullo de 1870. O día cinco 2.000 homes con sachos e paos arrestaron ao comisionado encarregado de facer os apremios por impago dos impostos. Ante a presenza das forzas de seguridade, practicamente as 50 parroquias que arrodean a vila puxéronse en pé de guerra. O temor domea á maior parte da povoación que fuxe ficando só pra defender a lei 4 gardas civís e 14 veciños ‘de gran significación social’. Tivo que vir o exercito pra retomar a vila...”. En xaneiro dese mesmo ano hai resistencias e amotinamentos contra as contribucións en varios concellos da área de Ferrol, como: Capela, Cabanas e Pontedeume. E, por certo, pouco tempo antes eran despedidos traballadores do Arsenal de Ferrol (en xuño de 1869) por negárense a xurar o novo código constitucional; e dous anos despois producíase nesta mesma cidade un levantamento de mariñeiros que contaría con apoio obreiro, e que tivo como resposta despidos e condenas. As protestas labregas continuarían moito máis organizadas a partir da promulgación en 1906 da Lei de sindicatos agrícolas, e sobre todo da aparición en 1907 do Comité Antiforista de Teis, que se fixa como metas: a abolición dos foros e a loita contra o caciquismo. Esta etapa deu pulo á grandes concentracións e actos reivindicativos, e motíns... porén tamén á represión do governo, tal como se reflicte en feitos tráxicos como os de Nebra (1916) ou Sobredo (1922). Relatos e acontecementos como os mencionados reflicten que a lacra da emigración e a represión que todo o abafou non se aceptou con pasividade nen resignación polo noso campesiñado, e que a rebelión agromou con teimosía unha e outra vez. Foron eles, os labregos e un proletariado nacente, os que serviron de fermento e apoio ás ideas e propostas que despois escritores, historiadores, poetas e políticos, galeguistas e nacionalistas, elaboraron dándolle valor teórico, e non ao revés. Esta parte da nosa historia, a da maioría do povo que silenciosamente fixo patria e solidariedade, está aínda en boa medida por estudar e divulgar. Sen dúbida é unha eiva que compre remediar.• * Manuel Mera é secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da CIG. |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
