O primeiro preso político do sexenio
Luís Hernández Navarro   
Martes, 26 de Decembro do 2006

[La Jornada]

Flavio Sosa, un dos dirixentes da Asemblea Popular dos Pobos de Oaxaca (APPO) máis coñecidos pola opinión pública, foi detido o pasado 4 de decembro na cidade de México. Acababa de saír dunha conferencia de prensa na que a súa organización ratificou a súa disposición a renovar as negociacións coa Secretaría de Gobernación un día despois.

A súa aprehensión foi escandalosamente difundida polos medios de comunicación electrónica. Foi presentada coma se o goberno federal dera un duro golpe á delincuencia no país. Flavio foi trasladado ao penal federal de alta seguridade de Almoloia de Juárez, no estado de México, onde se atopan asasinos, secuestradores e narcotraficantes.

Sosa foi acusado de varios delitos que non cometeu: ataque ás vías de comunicación, roubo específico, roubo cualificado con violencia, secuestro, danos por incendio, resistencia ás autoridades. Sen ser xulgado presumiuse que é culpábel e un individuo de alta peligrosidade. A verdade é que é un dirixente político e social. As acusacións que se lle fixeron son parte da pretensión do goberno de Felipe Calderón de criminalizar a protesta social.

Flavio nunca foi "o dirixente único ou principal" da APPO. Foi, si, un dos seus voceiros máis solicitados polos medios de comunicación. A súa disposición para dar entrevistas, a súa facilidade de palabra, o seu coñecemento da problemática local e a súa capacidade para explicar o movemento convertérono nun interlocutor natural de reporteiros e comentaristas. A súa organización, Nova Esquerda de Oaxaca, é unha máis das case 350 asociacións que fundaron o movemento. El gañouse un lugar dentro da loita pero estivo moi lonxe de ser o xefe máximo das protestas.

Malia a pretensión de mostralo como un facineroso de coidado, Sosa non é un radical. Non é un líder que coma fogo. Coñece o valor do diálogo e do trato político co poder. Deslindouse permanentemente das organizacións armadas e enfrontouse personalmente ás mozas e mozos radicalizados. É, pola contra, unha das figuras máis proclives á negociación dentro do movemento.

Flavio Sosa naceu na comunidade de San Bartolo Coyotepec en 1953. Foi deputado federal na LII Legislatura por parte do Partido da Revolución Democrática (PRD), partido co que rompeu en 2000 para sumarse ás filas do voto útil que apoiaron a candidatura de Vicente Fox. Máis tarde reincorporouse ás filas do sol azteca. Fundou con outros dirixentes indíxenas o Partido da Unidade Popular en Oaxaca, un instituto auspiciado polo gobernador José Murat, para rachar a unidade da oposición que postulou como aspirando a mandatario estatal a Gabino Cué. Foi parte da Unión Campesiña Democrática (UCD) e, despois, da Unión Nacional de Organizacións Rexionais Campesiñas Autónomas (UNORCA).

Con moi pouco espírito autocrítico, esta volatilidade política foi fortemente cuestionada pola clase política e varios medios de comunicación. Ironicamente non é exclusiva del, senón que se converteu nun costume dos políticos profesionais do país. Os hoxe panistas Juan José Rodríguez Pratts, Florencio Salazar, Francisco Barrio e Felipe González (por citar só algúns) militaron nas filas do partido Revolucionario Institucional (PRI) e cambiaron de bando cando non foron postulados para o posto ao que aspiraban.

Logo de 1968 dicíase que o PRI non necesitaba dunha escola de cadros porque para iso tiña ao Partido Comunista Mexicano. A cantidade de militantes de esquerda que entraban ás filas do tricolor facía que o chascarrillo tivese credibilidade. Hoxe as cousas cambiaron. O PRD nútrese regularmente dos desprendimientos do PRI. A mesma Patricia Mercado, que tan acremente criticou a Flavio Sosa, pasou por varios institutos políticos: foi integrante do Partido Revolucionario dos Traballadores e candidata a deputada polo Partido do Traballo.

Como o fixeron multitude de organizacións sociais reivindicativas en Oaxaca e no resto de país, a organización que Flavio dirixe recibiu recursos públicos para atender demandas dos seus afiliados. As organizacións sociais son mediadoras lexítimas para negociar cos gobernos a solución de requerimientos da poboación pobre do país. Este feito, absolutamente natural e lexítimo, quixo presentarse como mostra da súa corrupción. Para algúns medios de comunicación os únicos subsidios xustificados son os que o goberno federal outorga aos empresarios.

Por que o goberno federal decidiu deter a Flavio se non era o líder da APPO, era parte do á máis proclive a negociar e preparábase para dialogar coa secretaría de Gobernación? Porque a administración de Felipe Calderón quixo dar un golpe mediático, detendo a un dos poucos rostros visíbeis da protesta oaxaqueña, públicamente identificado co PRD, á vez que cría colocar ao movemento nunha situación aínda máis difícil. Fíxose de Flavio a "besta negra" do movemento, e os medios de comunicación alimentaron a especie logo do seu encarcelamento.

A decisión foi unha estupidez. Flavio Sosa está na cadea, como o están moitos outros activistas máis, aos que o goberno detén e o goberno libera a discreción. Malia iso, a esixencia de que Ulises Ruiz renuncie como gobernador de Oaxaca segue, as movilizaciones de protesta mantéñense (e estendéronse a 37 países) e ao mandatario estatal case ninguén o obedece. O medo dos cidadáns converteuse en indignación.

Flavio Sosa converteuse no primeiro preso político do sexenio. Felipe Calderón converteuno nunha celebridade internacional. O buscador de Google achega 250 mil referencias co seu nome. Wikipedia ten unha ficha cos seus datos. A menos dun mes de tomar posesión, a nova administración enfronta unha grave crise de dereitos humanos. E, lonxe de minguar, o problema crece.•

 
< Ant.   Seg. >