| Nunca en Galiza |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 25 de Decembro do 2006 | |
|
Os do común, ¿temos dereito a indignarnos? -pergunto. "No pongas tus sucias manos en Mozart", era o rótulo dun lúcido artigo de Manuel Vicent que fixera época, hai xa un bo feixe de anos. Escrito en clave sarcásticamente alegórica, e publicado na época do famoso "desencanto", recriminábase nil a sí mesmo polo exceso de condescendente permisividade praticada pola sua xeración a respeito da seguinte, como reacción espontánea de quen padeceran, cando mozos, a asfixiante atmósfera represora do franquismo e propuxéranse franquearlle á xeración dos seus fillos a plenitude dunha liberdade de conducta da que iles careceran totalmente. Até o día en que, ao retornar do traballo a casa, topárase co chan estrado de discos nos que tripaban os descoidados ocupantes ocasionais e reparara en que alguns contiñan grabacións de obras de Mozart. No intre non puidera conterse: indignado, botáraos da casa a todos. Non nos enganemos: o texto de Vicent non era, en modo algún, un alegato contra a mocedade. Era unha advertencia do risco de trivialización dos valores cando non hai consciencia -por experiencia vivida nen por aprendizaxe transmitida- do custe humán que supuxo crialos, acadalos e facelos realidade social e cultural adequirida para todos e para sempre. Non sei ben por qué me lembrei dese escrito un destes días, mentras tentaba debullar o encerello de declaracións e contradeclaracións, sentenzas e contrasentenzas, ofertas e contraofertas, rebaixas e contrarrebaixas que estaban –e están– a inzar na feira política a respeito da Galiza e, case sempre, en nome dela. Se cadra pola miña confesábel paixón mozartián. Ou máis ben se cadra pola indignante inxustiza histórica de que a Mozart o maltrataran en vida os seus máis poderosos e disque cultos contemporáns e agora, dous séculos despois, sexan os máis poderosos e disque cultos equivalentes actuais dos de aquela os que fan panexírico e fortuna da sua fama e a sua obra que finxen apreciar sen coñecérena máis ca de ouvido e polo forro. Talmente o funesto destino, dixérase, da Galiza e dos mártires e rebeldes que a construiron como idea e proclamaron a sua identidade histórica, cultural e política contra o vento e a maré da barbarie reaccionaria en cada tempo e lugar. ¿A qué xogan os que arestora mercadean con Galiza na feira da política institucional?. Non teño aínda a resposta certa. Si que sei, entroques, con qué andan a xogar. Están a xogar con valores que históricamente custaron o suor e a fame dun povo de labregos "escravos da terra", servos foreiros até o mesmísimo século XX. A carne de traballo de moitedumes emigrantes e exércitos inermes de "viuvas de vivos". As bágoas salgadas de carraxe de Rosalía -"ela chorou por todos e pra sempre", enganárase ao dicilo Pimentel, poisque o drama ainda non rematou. Os soños emancipadores dos Precursores, as arelas redentoras do Rexurdimento, a afirmación identitaria das Irmandades, a introversión desalienadora da Xeración Nós, a rebeldía de "os inadaptados", a enerxía manifesta de "Máis alá", o combate soberanista republicán do Partido Galeguista, o sangue da "Galiza mártir", o heroísmo dos "fuxidos" partisanos e exiliados, a angueira dos que recolleron e soergueron o Facho, o sacrificio dos clandestinos antifascistas, a loita política do nacionalismo popular na banda esquerda do corpo social -e á esquerda apunta o corazón, sabédelo ben. Velaí Galiza. Velaí a nación. Velaí a xente do común, por orixe ou por vontade. Velaí a máis consciente identidade comunal e colectiva. Velaí a consciencia de nós e de noso. Velaí, sí, velaí a Galiza enteira -a non esnaquizada, a non esborrallada, a non colonizada, a non vencida. Velaí a Galiza viva de seu na sua historia, na sua tradición e na sua vangarda. Velaí con qué andan a xogar os malabaristas das palabras desprovistas de valores e conceitos na feira institucional. Uns din que disque Galiza non é nación. Outros, que o é –¿ou foi?– de Breogán. Outros, que o debe ser cando menos no preámbulo –ou sexa, na antesala do corredor por onde o povo está a facer camiño, con "estadullo" ou sen il. Hainos tamén que a queren confinar no pasado, como "nacionalidade histórica" –ou sexa, peza de museu, momificada e todo, non sei se con incensario botafumeiro ou pauciños de sándalo en ignición lenta. Haivos de todo, xa estades a ver. De todo menos coñecemento e asunción do proceso histórico de forxa da identidade nacional do povo galego e de combate democrático e pacífico por afirmala e convirtirse en suxeito político de pleno dereito. Haivos tamén quen chega a dicir que Galiza non é nacionalista. Así de sinxelo. Fala por ela, como se Galiza fose ventrílocua e precisase dun moneco para emitir a voz dende o bandullo -que, por certo, é onde Castelao dixera que non se sinte a necesidade de falar galego. Cousa que non lle impide expresar a sua vontade de encontrarse no galeguismo. Un galeguismo que -dínos a Historia- profesou un ideario nacionalista explícito dende as Irmandades da Fala, aló polo 1916, até hoxe -mais iso non o saben, porque iles non esculcaron na Historia da Galiza, só lles aprenderon a Historia de España en Galicia, que é a sua antítese. Non é preciso ser nacionalista para amar a Galiza. Pódese ter sentimento e até conciencia identitaria galega sen ter chegado -aínda- a expresalos nun ideario e verquelos nos moldes dunha ideoloxía nacionalistas. Mais, pola contra, a emerxencia e consolidación dun ideario nacionalista, e o desencadeamento dun proceso duradeiro de combate social, cultural e político identitario -ou sexa, un proceso de autodeterminación- é proba inequívoca e irrefutábel, na historia dos povos, de que a realidade social na que eses fenómenos emerxen e se desenvolven constitue unha realidade nacional. Iso é, nen máis nen menos, unha nación. Nesas condicións, negalo só pode atribuirse a iñorancia, escuridade, imbecilidade -e non son epítetos aldraxantes da miña colleita, senón palabras pondaliáns do noso Hino, hoxe oficial e institucional. Matinen nisto, señorías –por favor. Ora, para asumir a nosa identidade, exercela e defendela, compre unha sinxela e elemental condición indispensábel: estar sempre en Galiza, vivila dentro do seu ser colectivo. "Sempre en Galiza", como escribira Castelao. Escribiuno, si, mais sobor de todo praticouno. Dende o fin da guerra, Castelao morou no exilio, e no exilio morreu. Mais, o que é vivir, viviu sempre en Galiza, e na Galiza segue a estar vivo mesmo por iso, e seguirao a estar. Na Galiza, na nación galega, no corazón, na memoria e até no imaxinario colectivo dos galegos e galegas de nación. Enténdano aquiles que moran en Galiza, e mesmo eiquí fan negocios ou política. Moran, mais non están, non viven en Galiza porque non viven a Galiza: non saben quen é, non coñecen a sua identidade. Á inversa do Castelao, moran, mais non viven, non están nunca en Galiza. Nunca en Galiza. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

