Na morte de Pinochet
Alfredo Iglesias Diéguez   
Mrcores, 20 de Decembro do 2006

[Galicia Hoxe]

Nos últimos días foron moitos os que mostraron unha alegría desbordante tras a morte de Pinochet o pasado 10 de decembro, como se un feito biolóxico tan natural puidese substituír unha sentenza xudicial; porén, á marxe de que case unanimemente se coincidiu en condenar os crimes (desaparicións forzosas, torturas...) cometidos baixo a ditadura de Pinochet co consentimento e coñecemento do ditador, foron moitos os que defenderon o legado de Pinochet debido a que "deixou o país mellor do que estaba", con referencia ao milagre económico chileno.

Non obstante, esa afirmación, sen ser completamente falsa, oculta unha dramática realidade social. Efectivamente, se ben é certo que nun primeiro momento Chile saíu da profunda crise na que se atopaba, habería que sinalar que foron as propias clases acomodadas, as mesmas que apoiaron o golpe de Estado de Pinochet, as que provocaron o caos, promovendo paros patronais como o do transporte e levando o país a un desabastecemento creado artificialmente. Así mesmo, habería que sinalar que ese milagre económico consistiu en reducir os gastos sociais, no despedimento do 30% dos empregados públicos, no aumento dos impostos indirectos e na privatización das empresas estatais, medidas que se ben favoreceron a gran burguesía, que aumentaba así o seu poder adquisitivo, afectaron gravemente á clase traballadora. Neste sentido, sería bo lembrar que o modelo de crecemento que adoptou Chile seguindo as directrices dos Chicago boy's formados por Milton Friedman, provocou unha brusca deterioración social logo da profunda crise de 1982, causada pola excesiva dependencia da economía chilena do mercado exterior, que se manifestou no aumento do desemprego, que chegou ao 20%, e no aumento da inflación, que provocou un drástico descenso do poder adquisitivo das clases traballadoras agravado pola crise do sistema bancario chileno, que deixou sen aforros milleiros de persoas. Efectivamente, tamén é certo que as autoridades chilenas souberon saír da crise logo de 1985, razón pola que se volveu falar de milagre económico, pero outra vez sobre as costas da clase traballadora: velaí está a nova redución do gasto social, sobre todo no relativo a pensións e desemprego, e as novas privatizacións, consolidando un modelo económico baseado na venda de recursos naturais (minería, pesca...) que apenas xera novas fontes de traballo. Con todo, malia que nos anos finais da ditadura se reduciu a pobreza extrema, desaparecendo parcialmente os campamentos de poboacións callampas (cogomelos), non se pode dicir que se lograse unha redistribución equitativa da riqueza, que era o obxectivo do presidente constitucional Salvador Allende.

En definitiva, Pinochet foi un xenocida, un tirano que usurpou un poder legalmente constituído, un ditador que gobernou ó servizo das clases acomodadas e, finalmente, segundo consta no sumario aberto polo xuíz Muñoz en relación coas contas no Banco Riggs, un evasor de impostos que se enriqueceu ilicitamente. ¡Non ten desculpa! •


Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >