| Os mestres da República: meu mestre Pereira |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 17 de Decembro do 2006 | |
|
[Galicia Hoxe] Verán do 1936. Santa Cruz de Ribadulla, parroquia rural á beira do río que determina ese topónimo. Pazo soarengo do marquesado que leva ese nome, feudo da familia Armada. Escola pública unitaria: o mestre, vinteoito anos, ven de casar coa mestra da parroquia contigua, Ponteulla, onde a estrada de Santiago salva o río camiño de Ourense. Ela, María Carballo, é católica practicante. El, Xesús Pereira, é agnóstico. Respeitanse os dous reciprocamente nas suas crenzas. Ningún dos dous ten militancia política. Os dous asumen o modelo republicán de ensino democrático e laico. Os dous son aprezados e respeitados polos viciños das duas parroquias. Mais el especialmente: don Xesús é adorado polos escolinos e as suas familias, labregas na imensa maioría. Mestre por vocación, esprito inocente de inxenua sinxeleza e xenerosa bondade, dotado dun portentoso talento pedagóxico, aplica os métodos da Institución Libre de Enseñanza e engaiola aos rapaces convirtindo a aprendizaxe nun pracer tan deleitoso coma os xogos infantís. Nos tres cursos escasos que leva na escola dotouna dunha escollida biblioteca que circula entre os alunos, que levan os libros a casa e cóidanos coma se foran seus. Sobrevén a sublevación fascista. Pereira non sinte temor ningún: os viciños son boa xente. Si, a xente do común non é ruin. Pero hai malandros falanxistas na comarca, un deles o fillo do marqués. Acúsano de perverter aos nenos, sacalos da misa dos domingos, ofender ao cura e a relixión. Ten máis sorte ca Arximiro: non o pasean, dá cos seus ósos na "falcona", o cárcere sito nos baixos da traseira do Pazo de Raxoi compostelán. Alí comparte encerro con Anxel Casal, alcalde galeguista de Santiago, e máis con Camilo Díaz Baliño, galeguista tamén, artista amigo de Castelao e pai de Isaac Díaz Pardo, o criador con Luis Seoane das cerámicas do Castro e Sargadelos. Anxel e Camilo serán paseados pouco despois. A católica María, a recén casada esposa do mestre Pereira, recurre ao cura párroco e o marqués de Santa Cruz. "Te está bien empleado por casarte con un rojo" –retrúcalle o cura. A nai de Xesús, muller enteira, remexe Roma con Santiago, literalmente. Pereira salva a vida. Mándano ao frente, en Villablino. Déixano sen escola, bótano do corpo. María terá que soster soa á familia. Falo eiquí de Pereira porque foi o meu mestre, tiven esa fortuna. Pouco despois da guerra civil, un grupo de pais contratárono para educar aos seus fillos. Eu era un deses nenos. Na fase máis tétrica e asfixiante do nacional-catolicismo español, eu fun educado en liberdade, instruído socráticamente na sensibilidade e no raciocinio por un mestre galego represaliado polo fascismo. Eu son testemuña vivo do que siñificaba a pacífica e cívica revolución cultural, ética e pedagóxica encetada polos abnegados mestres republicáns. Eu son discípulo póstumo dos mestres represaliados, asasinados, martirizados pola barbarie fascista, e deles son debedor de por vida. Deles somos debedores todos nós. Castelao retratou esa barbarie nos seus álbumes Galiza mártir e Atila en Galiza. Nunha das estampas vése un corpo humán debruzado no chan, ensanguentado, morto. Arredor del, varios cativos, algún de xionllos, algún outro de pé, contémplano envisos, abraiados. O pé da estampa di: "A derradeira leición do mestre." Poderíamos lér: a derradeira leición do Arximiro. Porque é Arximiro, o mestre de Baleira, torturado, mutilado, exánime. É Arximiro, criatura única e ser colectivo, nome xentilicio de tódolos mestres escarnecidos e asasinados pola réplica fascista de Atila que martirizou á Galiza republicán enteira. Mais cando Arximiro foi enterrado, non enterraron un cadavre: enterraron semente. Esta profecia profana de Castelao cumplíuse: o xenocida proxecto de extermínio fracasou, porque os mártires foron semente. O froito desa semente somos nós, os cidadáns libres de arestora, os cidadáns conscientes do prezo que pagou, co seu sangue, a xeración de Arximiro pola nosa liberdade. Os que refugamos esquecer nen perdoar aos que nunca pediron perdón nen nunca se arrepintiron -á caterva dos lobos aqueles que anda outravolta a ouvear nos páramos ermos de celtiberia. "Hai infernos na memoria cando n"os hai na concencia", escribira Rosalía. Os infernos da memoria e da conciencia nos que a xustiza histórica deberá manter confinados aos verdugos do Arximiro para sempre endexamáis.
* * * * * * Até eiquí, o texto que eu escribira por pedido da María Antonia Iglesias para incluílo no seu premente libro testemuñal encol dos mestres republicáns represaliados polo fascismo no trinta e seis e máis dispois. Represaliados: veño de escribir esa palabra, e sóame feble e inerte para transmitir as vibracións da traxedia padecida por aquelas vítimas, en corpo e alma, da insania da caverna celtibérica que aínda non houbo terapia capaz de sandar en tres cuartos de século. Foron milleiros delas, aquelas vítimas inocentes dunha xenocida estratexia de exterminio selectivo contra a intelixencia, a bondade, a cultura e a fraternidade democrática -pois eses valores profesaban, praticaban, e até en moitos casos encarnaban aqueles mestres e mestras. "Os outros santos, os outros mártires", chámaos María Antonia no libro no que recolle, estremecida, a "crónica do espanto" -diría, sen metáfora, Pepe Cáccamo, como xa escribíu en baril poesía ardente- dunha escolma dos casos máis estarrecedores de aquela sanguiñenta represión ao longo e ancho da "pell de brau" de Espriu. E para cada un dos episodios desa crónica pedíulles María Antonia a diferentes amigos seus un breve texto limiar. Había tempo que andaba a remoer nesa idea e xestar ese proxecto, e confiáramo nalgunhas das nosas intermitentes conversas. Mais, como ela mesma relata, a faisca que prendeu o lume da sua esculca foino o azar de topar en Lugo, nunha librería, co conmovedor libriño de X. M. Sarille e Narciso de Gabriel Arximiro Rico, luz dos humildes. Vida, paixón e morte do mestre de Baleira, noviño il aínda cando o mataran, mais inda vivo e venerado no corazón e na memoria de quen fora daquela escolino seu, o vello Antón Arias, que chegou en vida a tempo para dar testemuña aos relatores de arestora. Arximiro, o inocente tenro e valeroso, torturado con asaño polos asasinos, montados dacabalo dil monte arriba mentres lle ían arrincando as partes, a língua, os ollos. Si, compre dicilo, verbalizalo: ten dereito a esa xustiza póstuma, se cadra a única que lle poidamos facer. Nunca o silenzo, no que os infames tentaron sepultar para sempre a noticia dos seus feroces crimes.
* * * * * *
Foi a traxedia de Arximiro o episodio para o que María Antonia me pedíu un comento meu. Fíxeno. E ao encararme coa folla en branco, emergullou nela, luminosa e sorridente, a inesquecíbel faciana benamada de don Xesús, o meu mestre Pereira. Aínda non sabía, nese intre, que Pereira coñecera e fora amigo do Arximiro. Sóubeno dispois, díxomo Sarille, o vello, ao coñecer o texto. Nunca don Xesús nos falara da sua peripecia no trinta e seis, nen cando nenos nen dispois. Nen sequer cando foramos de excursión ao pazo de Ribadulla e xantaramos na herba, baixo as árbores ramallosas do fermoso parque: non sospeitabamos o drama que presenciaran. Despois María Antonia pedíume asistir á presentación do seu libro en Madrid. Acudín. O auditorio do Palacio de Congresos rebordaba de xentío: duas mil almas dentro, e varios centos ficaran fóra. A duras penas dei lido o meu texto, en español: acorábame aquela atmósfera de silenzo mesto e denso, como cando a treboada está pra estoupar encol do meu val da Amahía. Néstas, rematado o acto, achegouse un descoñecido, un home maior, enxoito, cabelo branco. Saudoume, tímido, e fíxome entrega dunhas cuartelas grapadas: reproducían en fotocopia un texto mecanografado nunha máquina antiga. Díxome telo atopado no escritorio dunha dependencia administrativa. Escollérame para entregarmo, a min, non sei por qué. Conversamos brevemente. Faloume un chisco do autor do documento. Deille as grazas. Nada lle perguntei. Apuntei o seu nome e un teléfono. * * * * * * O texto é un relatorio dos méritos do autor, narrado en terceira persoa por íl mesmo recén rematada a Cruzada. Transcríbovos o título, no español orixinal: "Campaña desarrollada por el actual Director General de Primera Enseñanza don Romualdo de Toledo en favor de la educación católica en España". Afórrovos o relato das fazañas cavernarias dese protagonista inquisidor, dende a dictadura do 1923 até os governos provisorios franquistas en Burgos. Mais cedo á tentación de transcribirvos literalmente, en español tamén, algún anaco dos seus méritos. Como iste: "Inició su labor en el orden legislativo con la Circular de 5 de marzo de 1938 que ha merecido el mayor elogio en todos los órganos de la Prensa Nacional y católica del Extranjero y especialmente en el Osservatore Romano (...)". Ou iste: "... crea y preside la Comisión Dictaminadora de los libros de textos para la primera enseñanza, prohibiendo en disposición oficial que figuren en la Biblioteca del Maestro más de doscientas obras dictadas en el tiempo del laicismo y sí solamente aquellas obras que pueden servir para la educación de la niñez en la nueva España". Ou, enfin, e primordialmente, iste: "Su labor depuradora mantenida tenazmente durante los dos años de su actuación al frente de la Dirección General de Primera Enseñanza ha dado como resultado, hasta el momento actual, la depuración de 24.000 maestros con separación para 3.000, trasladando y sancionando a más de 7.000 (...) Esta labor depuradora, cuya consecuencia viene a defender como postulado indeclinable el triunfo de nuestras armas"...". As armas, mesmamente, encetaran a máis eficiente depuración dos mestres republicáns: a consistente no exterminio físico. Arximiro na montaña luguesa, o matrimonio Ceferino e Balbina na asturiana, Gerardo en Móstoles, Carmen en Cantillana, Teófilo en Jerez, José Maria en Carcaixent, Miguel en el Grau barcelonés -despois da Victoria, no Primer Año Triunfal- Severiano en Jaraiz, José en El Arahal, Bernardo en Fuentesaúco: son só os resucitados por María Antonia. Logo están os 3.000, 7.000, 24.000 supervivintes físicos e mutilados anímicos represaliados por exerceren a maiéutica socrática e educaren aos picariños na liberdade. * * * * * * Pereira ficou sen escola até meiados dos anos cincuenta. Nesa altura tentou reincorporarse. Sufríu a humillación de ter que pasar un exame. Inda así, só logrou pasalo pola mediación do pai duns seus discípulos privados, médico do cardeal Quiroga: no seu expediente estaba escrito "ojo, rojo", con lápiz bermello, naturalmente. Déronlle escola na montaña asturiana, logo nas Somozas, despois ao pé de Corrubedo. Andaba xa na cincoentena. Ao cabo, fixo oposicións -qué remedio!- para ter praza en poboacións con rango de vila ou cidade... Chegou a mestre na anexa da Escola Normal compostelán. Cando se xubilou, a paga non lle computaba antigüidade polos dous decenios que padecera "separación del cuerpo" -a ialma non lla puideran separar: era intanxíbel e branca como a lus das estrelas que guiaran aos mestres da república, antes de que Atila a tornase tinxida de "rojo", ensanguentada. Don Xesús foi o meu mestre. Mestre verdadeiro, integramente mestre, integro mestre integral. Nunca llo darei pagado. Desalmado será quen pretenda que esquezamos aos mestres republicáns.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

