Venezuela e o socialismo do século XXI
Alfredo Iglesias Diéguez   
Martes, 12 de Decembro do 2006

[Galicia Hoxe]

A noite do domingo 3, Hugo Chávez, seguro xa da súa ­reelección, proclamaba dende o balcón do Palacio de Miraflores o comezo dunha nova época que "terá, como idea e forza central, a profundización, ampliación e expansión da revolución bolivariana e da democracia revolucionaria na vía venezolana cara ao socialismo", un proxecto político para o que conta co apoio maioritario da poboación expresado en 7.161.637 votos, o que quere dicir o 62,89% do electorado.

Agora ben, ¿en que consiste a vía venezolana cara ao socialismo? Basicamente en dúas cousas: satisfacer as necesidades básicas da poboación e outorgarlle o poder de decisión ao pobo. Así, para satisfacer o primeiro dos obxectivos, o goberno da nación e a Asemblea Nacional están a aproveitar as importantes reservas petrolíferas e mineiras coas que conta Venezuela para desenvolver un conxunto de medidas lexislativas e de programas sociais, como a comercialización de alimentos de calidade a baixo prezo para manter abastecida a poboación venezolana con menos recursos económicos, o achegamento de asistencia sanitaria (mesmo oftalmolóxica e odontolóxica) á poboación marxinada dos barrios e das periferias urbanas, a erradicación do analfabetismo, a inclusión no sistema educativo de toda a poboación venezolana de acordo coas capacidades persoais e independentemente dos seus recursos económicos, o desenvolvemento dun urbanismo integral no que as familias e as comunidades dispoñen dun hábitat digno e dos servizos educativos e sanitarios precisos, a restitución de dereitos aos pobos indíxenas do país..., que teñen como único obxectivo garantir o benestar social da maioría da poboación venezolana. Así mesmo, para satisfacer o segundo dos requisitos, o Estado está a promover dúas estratexias que favorecen a participación cidadá na toma de decisións: as asembleas cidadás, que son a máxima autoridade comunal, e o cooperativismo e a participación dos traballadores na xestión empresarial, logrando dese xeito o fortalecemento da democracia venezolana ao facer que o pobo sexa o protagonista da historia e ao crear as condicións para que se constrúa un novo Estado dende abaixo, como sinala Marta Harnecker no seu libro Reconstruyendo la izquierda (El Viejo Topo, 2006). En definitiva: pan, paz e República.

Velaí a razón pola que o presidente Chávez, aínda que poida atopar apoios entre os grupos sociais máis acomodados e formados, atopa o seu apoio maioritario entre as clases máis desfavorecidas da poboación, como proba a análise dos resultados electorais achegada polo profesor da Universidade dos Andes Jorge Davila Rojas, que é moi clarificadora a ese respecto: nos estados nos que a pobreza afecta a máis do 40% dos fogares, o apoio obtido polo presidente Chávez foi superior ao 70%; naqueles nos que a pobreza se sitúa entre un 30% e un 40% dos fogares, Chávez obtivo entre o 60% e o 70% dos votos; finalmente, naqueles nos que o número de fogares en situación de pobreza non supera o 30%, obtivo entre o 50 e o 60% dos votos. •

 


Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >