| Pinochet vive en Washington |
| Manoel Santos | |
| Sábado, 09 de Decembro do 2006 | |
|
Cando escribo isto disque Augusto Pinochet está en fase terminal, o que, sexamos claros, non é unha mala nova para a humanidade. Pero dalgún xeito si o é para os individuos que a conforman. Pinochet morre facendo un novo caneo á xustiza, intocábel no seu luxoso arresto domiciliario. Como din os ianquis, mestres na materia: a xustiza existe pero, canta xustiza podes pagar? Ningún malnacido así debera morrer de vello. Até a natureza, en forma de metástase, chegou tarde de mais. Mágoa. Nalgures lin que cando o “ditadorsaurio” morra todas as carnizarías pecharán por día de dó. Porén, non o farán os mercados financeiros nin as sedes das transnacionais. E deberían, pois a el lle deben os seus triunfos fincados na inxustiza social mundial. A el e a ese regueiro de sangue con nome de Cóndor, de Colombo, de Caravana da Morte, de Villa Grimaldi…, a el e a quen coa súa beizón limpou o camiño á ditadura do capital, levando por diante a Letelier, a Carlos Prats, a Víctor Jara e a milleiros de persoas ás que a historia xa nunca fará xustiza. Unha boa parte da salvaxe expansión do neoliberalismo no mundo foi grazas ao moribundo. O primeiro experimento do Consenso de Washington –WC– fíxose en Chile polos “Chicago Boys”, discípulos do escuro Milton Friedman, logo do asasinato de Allende aquel 11S do 1973. O de WC débese a John Williamson en 1989, cando traballaba para o Banco Interamericano de Desenvolvemento, e refírese a todas as institucións que teñen sede na capital imperial e que, ao cabo, dominan a globalización neoliberal: FMI e Banco Mundial, pero tamén a Reserva Federal, o Congreso dos EE.UU, altos cargos da administración, institutos de expertos económicos (think tanks), etc. O dito experimento nunca se podería levar adiante sen o golpe de Pinochet e o apoio estadounidense. O seu custe social requiría a represión e o medo, pois para o seu éxito era precisa a imposición da hexemonía absoluta da economía sobre o resto de eidos sociais. Si, a verdadeira herdanza de Pinochet, alén da personalización da morte, é a súa inestimábel contribución á mundialización, ao librecambio sen límites, á disciplina fiscal, á liberalización das taxas de interese, á privatización das empresas públicas, aos desregulamentos dos mercados de traballo… O seu indecente espírito seguirá, xa que logo, a vivir comodamente en Washington, nunha negra casiña branca.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

