Venezuela e o soño bolivariano
Tariq Ali   
Martes, 05 de Decembro do 2006

[Counterpunch | Rebelión. Traducido por altermundo.org]

No mundo islámico, grupos relixiosos que son eficaces dende o punto de vista militar pero limitados desde o punto de vista político, dominan a resistencia ao imperio usamericano. Asia está enlarpeirada co capital. Europa está profundamente soterrada na apatía neoliberal, e a esquerda e os movementos sociais da Unión Europea (Italia é o exemplo máis recente), atópanse en avanzado estado de descomposición. Pero en América do Sur xurdiu un eixe de esperanza que pon en xaque á dominación imperial en todos os seus eidos. A democracia, que no Norte foi baleirada de contido e non ofrece ningunha alternativa, estase usando no Sur para revivir a esperanza.

A probábel reelección de Hugo Chávez este fin de semana en Venezuela marcará unha nova etapa no proceso. O seu opoñente, Manuel Rosales, descrito polo Financial Times (30 de novembro) como un candidato de "centro esquerda", estivo implicado no fallido intento de golpe para derrocar a Chávez en 2004. Rosales di "non teño compromisos con ninguén", pero é un segredo a voces que ten fortes ligazóns coa Casa Branca.

A ola de revoltas e movementos sociais que se está a propagar por todo o continente suramericano hoxe en día, é o resultado inevitábel do Consenso de Washington, a escravización económica do mundo. América Latina foi o primeiro laboratorio para os experimentos de Hayek que finalmente produciron o Consenso. Os "Chicago boys", liderados por Milton Friedman, pionero da economía neoliberal, usaron a Chile como laboratorio despois do golpe de Pinochet en 1973. Era unha situación inmellorábel para eles. A clase obreira chilena e os seus dous principais partidos foran esnaquizados, e os seus cadros dirixentes, asasinados ou "desaparecidos". Seis anos despois, a revolución sandinista en Nicaragua foi esmagada pola contrarrevolución apoiada por Usamérica.

A principios de novembro, o líder sandinista Daniel Ortega gañou a presidencia do seu país. Bendicido pola Igrexa, cun antigo contra como vicepresidente e aínda odiado polo embaixador de Usamérica, Ortega pode ser unha sombra do que foi, pero a súa vitoria reflicte, sen un ápice de dúbida, o desexo de cambio dos nicaragüenses. Seguirá Managua as radicais políticas de redistribución da riqueza da antiimperialista Caracas ou se limitará á retórica e continuará sendo cliente do Fondo Monetario Internacional?

As noticias recentes de Quito son aínda mellores. É significativo o triunfo electoral de Rafael Correa, un mozo dinámico, economista educado en Usamérica e exministro de finanzas, que na súa campaña prometeu revertir a participación de Ecuador no tratado de libre comercio para as Américas apoiado por Usamérica, pedir ao exército dese país que desaloxe a base de Manta e unirse á OPEP e ao crecente movemento bolivariano que busca unir a América do Sur en contra do imperialismo.

A vitoria de Correa chega nun intre en que América Latina está de novo en movemento. houbo manifestacións espectaculares da vontade popular en Porto Alegre, Caracas, Bos Aires, Cochabamba e Cuzco, por nomear só a unhas poucas.

Isto ofreceulle unha nova esperanza a un mundo mergullado na indiferenza neoliberal (a Unión Europea, Usamérica, o Afastado Oriente) ou vítima das depredacións militares e económicas da nova orde (Iraq, Palestina, Líbano, Afganistán, o sur de Asia). A loita encabezada pola República Bolivariana de Venezuela en contra do Consenso de Washington desatou a furia da Casa Branca. Xa se fixeron tres intentos de derrocar a Hugo Chávez (incluíndo un golpe militar apoiado por Usamérica e a UE).

Chávez foi escolleito presidente de Venezuela por primeira vez en 1999, dez anos despois de que unha insurrección popular en contra do plan de axustes do FMI fose brutalmente esmagada por Carlos Andrés Pérez, cuxo partido foi unha vez o afiliado da Internacional Socialista coa maior cantidade de membros. Na súa campaña electoral, Pérez denunciara aos economistas na nómina do Banco Mundial como "xenocidas de traballadores a soldo do totalitarismo económico" e ao FMI como "unha bomba de neutrones que mata xente pero deixa en pé os edificios".

Despois, cedeu ás demandas de ambas institucións, suspendeu a Constitución, declarou o estado de excepción e ordenou ao exército masacrar aos manifestantes. Máis de 2.000 persoas foron asasinadas polo exército. Nese momento naceu o levantamento bolivariano en Venezuela. Chávez e outros oficiais novos organizaron a protesta contra o mal uso e a corrupción do exército. En 1992, os oficiais radicais alzáronse contra quen autorizaran a carnicería. Non lograron o seu obxectivo porque aínda era moi pronto logo dos traumas de 1998, pero o pobo non esqueceu. Así foi como os novos bolivarianos chegaron ao poder e comezaron lenta e cautelosamente a poñer en práctica reformas socialdemócratas, semellantes ao "New Deal" de Roosevelt e ao goberno laborista de 1945. Nun mundo dominado polo Consenso de Washington isto era inaceptábel. De aí a necesidade de derrocar a Chávez. De aí o chamamento de Pat Robertson, o líder do cristianismo político de Usamérica, para que Washington asasinase a Chávez. Venezuela, que ata ese momento fora un escuro país, de súpeto convertíase nun faro.

A meirande parte dos que escolleron a Chávez estaban fartos e decididos. Non se sentiron representados durante 10 anos, sentíanse traizoados polos partidos tradicionais e non estaban de acordo coas políticas neoliberais vixentes que servían para expoliar aos pobres e alimentar a unha oligarquía parasitaria e a unha burocracia e uns sindicalistas corruptos. Non estaban de acordo co uso que se daba ás reservas petroleiras do país. Non aceptaban a arrogancia da elite venezolana, que empregaba a riqueza e unha cor de pel máis clara para manter o seu estilo de vida, a expensas da maioría pobre e de pel máis escura. Elixir a Chávez foi a súa vinganza.

Cando estivo claro que Chávez estaba decidido a facer cambios modestos na estrutura social do país, as alarmas acendéronse en Washington. Nunca fora tan evidente a súa intolerancia e fanatismo como nas súas accións e propaganda en contra de Venezuela, co Financial Times e The Economist como puntas de lanza dunha masiva campaña de desinformación.

Únenlles os seus prexuízos en contra de Chávez, cuxa chegada ao poder foi vista como unha aberración, porque as reformas sociais financiadas cos ingresos petroleiros -saúde gratuita, educación e vivenda para os pobres- foron consideradas como unha regresión a outras épocas xa superadas, un primeiro paso no camiño do totalitarismo.

Chávez nunca agachou as súas políticas. Os dous Simóns do século XVIII –Bolívar e Rodríguez- ensináronlle unha lección moi sinxela: non sirvas os intereses doutros, fai a túa propia revolución política e económica, e une a América do Sur en contra de todos os imperios. Este é o núcleo do seu programa, o cal é inaceptable para quen apoian o Consenso de Washington.

A cohesión rexional converte a América Latina nunha ameaza real para Usamérica. Cando fai case dous anos se lanzou en Caracas a canle por cable Telesur, un dos seus primeiros programas revelou un incríbel grao de ignorancia entre os suramericanos. En case todas as capitais, entrevistas realizadas na rúa amosaban que a xente coñecía o nome da súa propia capital e a de Usamérica, pero moi poucos podían nomear dúas ou tres capitais doutros países do seu continente!

Así que para avanzar é necesaria a unidade rexional, a Federación Bolivariana de estados soberanos da que Chávez fala todo o tempo. Washington fará todo canto estea ao seu alcance para evitalo, pois lle convén tratar con cada país de xeito unilateral e non como entidades rexionais (isto é certo ata no caso da Unión Europea). A unidade rexional de América do Sur tamén podería ter un impacto sorprendente “no Norte", onde a poboación hispana medra rapidamente, para gran consternación dos ideólogos de estado, como Samuel Huntington.

O novo libro de Tariq Ali, Piratas do Caribe: O eixe da esperaza, foi publicado por Verso.

http://www.counterpunch.org/tariq11302006.html

Artigo traducido ao español por Chelo Ramos e ao galego por altermundo.org. Chelo Ramos é membro de Rebelión e Tlaxcala, a rede de tradutores pola diversidade lingüística. Esta tradución é copyleft para uso non comercial: pódese reproducir libremente, a condición de respectar a súa integridade e mencionar ao autor, ao tradutor e a fonte.

Tariq Ali
Sobre o autor ou autora:
Escritor paquistaní
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >