O tirano moribundo
Lisandro Otero   
Luns, 04 de Decembro do 2006

[Rebelión]

Pinochet acaba de sufrir un infarto. Déronlle a extremaunción e os médicos predicen que entrou na súa agonía final. Extínguese o home que frustrou o experimento da Unidade Popular, asasinou a Salvador Allende e ensangrentou Chile durante varios decenios.

A precaria democracia chilena foi inicialmente unha dádiva dos militares, os "milicos" como lles chaman alá. Cando Pinochet recoñeceu perder o plebiscito non estaba dando unha lección de liberalismo. Chile atopábase nun pésimo momento económico. O plan trazado polos "Chicago boys" e Milton Freedman –a instauración do neoliberalismo en América Latina–, non dera resultado. Existía un 30% de desemprego, o pobo estaba moi descontento. De non ceder, Pinochet tería que enfrontarse a unha rebelión popular nun breve lapso. Non quixo desestabilizar o país unha vez máis, considerou que podía gobernar detrás do trono. E así o fixo.

Durante a súa presidencia Patricio Aylwin sufriu numerosas presións, que denunciou ao cesar no seu cargo. Frei tivo que facer xogos malabares para conservar a súa autoridade fronte á presenza sempre ominosa do alto mando castrense. Entre os políticos chilenos é sabido –aínda que ningún quere admitilo–, que bastaba que Pinochet alzase o seu dedo meñique para que o aparello militar do país se puxese en marcha e derrocase, unha vez máis, ao goberno democraticamente escolleito.

Aos poucos a presión popular foi forzando a enxuizar a Pinochet. O dictador enfrontou decenas de causas polos crimes e torturas que se cometeron baixo o seu mandato. Protexeuse coa inmunidade, que lle outorgaba a súa senaduría vitalicia. As denuncias públicas dos seus numerosos crimes foron profundizando na conciencia da absoluta necesidade de arraigar as institucións democráticas. Tras ser aprehendido en Londres, a liberación de Pinochet, ordenada polo goberno laborista, enlixou a Tony Blair, aínda máis.

En Chile só apoiaba ao tirano un grupiño a penas de nenos fresa, fillos dos militares ou os empresarios beneficiados pola ditadura pero tras eles achábanse os espeluznantes gorilas capaces de infundir todas as consternacións. Sobre a sombra sinistra de Pinochet pesan figuras como o carniceiro Manuel Contreras, xefe da sinistra Dirección de Intelixencia, a sinistra DINA, e os perpetradores da salvaxe Caravana da Morte, que deixou un rastro de dor e traxedias, máis os verdugos da Operación Cóndor, organización internacional que con fereza e perversidade se lanzou por toda América Latina a decapitar aos liberais, á esquerda pensante do noso continente.

Tamén, os responsábeis directos de plantar a bomba, en Washington, no coche do ex-chanceler Orlando Letelier, e quen realizaron o atentado dinamitero, en Bos Aires, que custou a vida ao xeneral Carlos Prats, o último militar pundonoroso que quedaba en Chile ademais dos causantes do atentado ao líder demócrata cristián, Bernardo Leighton, ocorrido en Roma. En Chile andan libres aínda os que cortaron a machadas as mans do guitarrista Víctor Jara –durante o seu encerro no estadio nacional–, cuxo único delito foi cantar coa súa clara voz as realizacións da Unidade Popular. De todos eses crimes sábese que as ordes saíron do despacho de Pinochet.

Os defensores do ditador claman que todo iso foi necesario por defender a cristiandade occidental dun comunismo agresor. O marco da Guerra Fría permitiulle mentir e abusar para mellor desdeñar os dereitos humanos. Allende nin sequera dixo que o seu goberno sería socialista –moito menos marxista–, senón que constituía unha antesala de beneficio social e recuperación da propiedade nacional, para que nun futuro razoábel puidesen mellorar as condicións de vida do pobo chileno.

O golpe foi alentado e organizado pola CIA e poderosas compañías transnacionais como a ITT e a Anaconda Copper. Detrás do zarpazo achábase a intención de recuperar e asegurar moitos miles de millóns de dólares. O sangue foi vertido en nome dos intereses privados de grandes consorcios e Pinochet foi o seu instrumento.

Pero o pinochetismo non está en agonía, como o tirano. Basta advertir os rictus de odio, rabia e insolencia dos seus partidarios, os rostros torvos dos "milicos", dos sinistros esbirros que ensanguentaron o país, aínda impunes, aínda expectantes. O fascismo chileno non morreu aínda que se teña debilitado. Debe manterse a garda democrática para que nunca máis ocorra unha transgresión da legalidade institucional naquel país.•


Lisandro Otero
Sobre o autor ou autora:
Premio Nacional de Literatura e Presidente da Academia da Lingua de Cuba
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >