Novas e vellas fórmulas políticas (IV)
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 03 de Decembro do 2006

[Galicia Hoxe]

Remataba eu a miña entrega do día pasado espetándovos varias interrogacións, que converxían e se condensaban nésta: ¿qué fórmulas políticas son vellas ou novas arestora? Así de curiosamente -e socráticamente, se permitides esta licencia- concluía o meu periplo, nesta serie de artigos, pola espiral histórica da nación e o nacionalismo galego no último cuarto de século -que por certo encetara eu con interrogacións, tamén, no canto de aseveracións inaugurais. Voltemos a elas: vellas e novas fórmulas, ¿para cál realidade?, ¿a prol de cál proxecto?, ¿a respeito de cál modelo?; ¿en cál contexto?. Aventuremos algunhas hipotéticas respostas para o día de hoxe. ¿Cál realidade?: a nación e o nacionalismo galegos. ¿Cál proxecto?: o da nosa autodeterminación. ¿Cál modelo?: o deseño do BNG -marca rexistrada no 1982. ¿Cál contexto?: o combate da humanidade desalienada fronte á tiranía do sistema -capitalista- globalizado.

Se fose tan doado dar por certeiras e elevar a firmes conclusións esas sinxelas respostas hipotéticas, non sería preciso dármoslle voltas ao veo, nen habería controversia dentro do común nacionalista, nen estaría en xogo a reforma constitucional interna promovida polo actual poder establecido no BNG. Mais non é así. Daquela comprirá pensarmos que esas sinxelas respostas, tan asisadas en aparencia, non fan outra cousa que abriren cada unha delas, á sua vez, outra cadea de interrogacións que buligan no noso cerebro colectivo. Vamos aló.

Primeiro, a realidade actual da nación e o nacionalismo galegos. Ao dicir nación galega estou a pensar na fisonomía e estrutura da sua sociedade nos seus diferentes niveis ou estratos -base económica, estrutura de clases, formas culturais e superestruturas ideolóxico-políticas. E ao dicir nacionalismo estou a referirme, non a un ideario nen unha orgaización, senón ao segmento do común cidadán consciente da identidade do povo galego e posicionado, en diversa medida e maneira, a prol da afirmación identitaria na acción política.

Pois ben, esa realidade, ou parella de realidades xémeas, mudou sen dúbida nestes vintecinco anos. Dixen mudou -morfolóxicamente. Mais non deixou de ser nación -realidade nacional- nen de ter consciencia desa identidade -cidadanía nacionalista. Mesmo resulta evidente que medrou moito a dimensión social e cívica desa consciencia. Tamén é certo que o traxe -a orgaización política do común nacionalista- ficoulle curto, estreito e apretado: dificúltalle os movementos ao corpo social embutido nil -e venme ás mentes un sucedido de xastres que non vos vou contar. Pero o máis relevante -e criticábel- é que o BNG non abordou en profundidade a necesaria revisión dos mapas da realidade social galega cos que viña navegando dende a sua fundación, nen a conseguinte reformulación da sua diagnose en clave política. Eu tenteino, vai para tres anos, nun informe que o poder interno pechou con chave nunha gabeta do seu escritorio, porque estimou que reflexionar era perder un tempo precioso para a acción e estorbaba ao pragmatismo -¿imos parar todo para pensar?, dixéranme daquela. Portanto, tampouco se fixo agora. Así, no canto de explorar as mutacións no corpo social, tomarlle as medidas e redeseñar o traxe do xeito máis acaído, fóronse ao corte inglés e mercáronlle un modelo de executivo made-in-usa: é o que lle queren enfundar ao corpo social nacionalista para poñelo finamente á moda. E, agora si, douvos a resposta do parroquiano ao xastre no sucedido que non vos contei: "moda ou non moda, o cú quérollo de dentro" -dos pantalóns, claro.

De xeito que non val o croquis da fisonomía sociopolítica galega tracexado no 1982: compre actualizalo. Val, iso sí, a sua definición como nación sen estado, e por tanto oprimida no seu dereito á soberanía política. Aquel "A Nosa Terra non é nosa, rapaces", do Castelao transmutado en petrucio co machado ao lombo, segue a ter plena vixencia. Mais tampouco val dicir que a Galiza é, hoxe, como Catalunya: a formación social galega segue a padecer unha condición periférica que non padece a catalana, e que non atinxe só ás suas estruturas económicas e sociais, senón asemade ás superestruturas culturais, ideolóxicas e institucionais, así como á sua incardinación no sistema globalizado. Por iso -para empezar- non lle poden valer ao nacionalismo galego pantalóns, americana e garabata do corte inglés, nen sequer made-in-ciu.

Segundo, o proxecto político da nosa autodeterminación como povo. "¿De qué me estás a falar?" -sería normal que me perguntasen algúns dos meus conxéneres, se acaso estivesen a lerme. Non me non confundín: digo que sería normal, e non que sería absurdo, como semellaría lóxico. Porque eses algúns perderon, na praxe política, o norte da autodeterminación até tal punto que xa nen pronuncian a palabra -nen tan sequer como xaculatoria ritual. De xeito análogo ao de aquil que, interpelado por un vello camarada de loita sobre os valores da ética revolucionaria, retrucoulle cun xélido "¿aínda andas nésas?".

A meiados dos oitenta, o BNG acordou transixir coa esixencia formularia de acatamento da constitución para non ser excluído do "parlamento de cartón" e poder empregar a política institucional como alavanca para o avance social. E acertou: os resultados ulteriores corroborárono. Logo, a meiados dos noventa, asumíu ser alternativa de governo na "autoanemia": chegar a gobernar no marco constitucional do Estado das autonomías -nomeadamente se acadaba a presidencia da Xunta- sería unha rampla de lanzamento para un "salto cualitativo" no seu proxecto soberanista -ademáis de permitirlle ofrecer aos cidadáns galegos do común unha acción de goberno que a dereita españolista non quería nen sabía desenvolver. E volveu acertar. En ámbolos dous pasos adiante, que modificaban tácticamente posicións de partida sobre o valor da acción política no marco do rexime establecido na transición española, o combate institucional reformulábase ao servizo do proxecto estratéxico do nacionalismo, da autodeterminación, da emancipación social e nacional do povo galego. Hoxe, co acceso ao governo da Xunta, chegado o BNG ao primeiro dos sete círculos celestiais da divina comedia hispanogalaica, invírtense as tornas: confínase o proxecto estratéxico no chanzo autonómico e supedítase ás razóns de semellante estado de gravidez nese anémico poder. Até o ponto de que se pretende reformar a constitución interna do nacionalismo para concentrar nun só órgao encarnado nunha mesma persoa as potestades e funcións de tres roles diferentes e inverosímilmente conciliábeis: vixía do rumbo do proxecto estratéxico, piloto da política táctico-institucional, e picouto do poder executivo autónomo. Napoleón -que non Gulliver- en Liliput, ou? Iso si: post-moderno.

Terceiro, o deseño BNG. Mais, ¿cál diles?. ¿O orixinario fundacional do oitenta e dous?. ¿A reconversión partidaria de corrente alterna propugnada por algunha das illas do arquipélago pre-frentista incorporadas nos noventa?. ¿A reversión subrepticia -inversión contrapuntística do tema- tentada na alba sen groria do s. XXI por unha das células-nai das primeiras frentes vello estilo?. ¿O asamblearismo atomístico dalgúns non adscritos de antontes, arestora perfeitamente adscritos a quen corresponde? ¿A refundición partidario-piramidal promovida hoxe polo poder instalado no aparato de governo intra e extramuros do bloque, ad pedem litterae?. En rigor, o deber ser do modelo xa ficou deseñado o día pasado. Urdime horizontal: democracia participativa con exercizo directo da soberanía popular, ou sexa, base asamblearia na que tódolos militantes teñan voz e voto directo -non delegábel- nas decisións fundamentais para o avance do proxecto estratéxico. Vértebras do carrelo: integración artellada dos subconxuntos ideolóxicos que perfilen cadansua leitura do proxecto común da frente, sen dereitos de cooptación na sua estrutura orgánica. Forzas motrices, ou sexa, valores ético-políticos: autodeterminación, fraternidade, igualitarismo, esquerda, república -é dicir, liberdade entendida como non-dominación, nos termos que levan esclarecido pensadores actuais como Domènech. Non existe -perdón, non coñezo- outra fórmula para un nacionalismo emancipador con vocación de abranguer democráticamente unha maioría social nun país coma o noso nesta altura da nosa historia -digo nosa: de nós e do xénero humán.

E cuarto, o contexto actual dos povos en loita contra a tiranía do poder no sistema globalizado. Ou sexa: o contexto das forzas motrices da humanidade neste presente histórico. Compriría ser cego -é dicir, estar alienado- para non percibir esa evidencia. Non foron cegas as xentes e orgaizacións do nacionalismo galego contemporán -sociais, de clase, de xénero, cívicas, ecoloxistas, e non só a política, o BNG- que naceron e medraron en posicións antiimperialistas e antiglobalización, participaron na xénese dos movementos alterglobalizadores, e implicáronse dende o comenzo nos sucesivos encontros e foros continentais e mundiais nos que foi cobrando forma o pensamento e a prática do novo internacionalismo de arestora.

Aí é onde están a forxarse as novas fórmulas políticas, é dicir, os novos deseños das pontes de enlace dos cidadáns do común coa instancia política, do vencello biunívoco da democracia participativa coa representativa, de fluxos de ida e volta antre a sociedade e as institucións xurídico-políticas. En suma: da necesaria metamorfose orgánica do poder político, como resposta á crise dos obsoletos aparellos de Estado, dos esclerosados "aparatos" partidarios, dos modelos convencionais de partidos e forzas políticas ancorados no pasado, momificados, convirtidos en brancuxados esqueletes oligárquicos e divorciados dos cidadáns que, iso si, danlles ritualmente os seus votos sen poderen vixiar activamente o cumplimento dese contrato de fideicomiso. O BNG -ficou espricado días atrás- foi precursor dos novos deseños que emerxen no tránsito de entreséculos coa reactivación das cidadanías en combate contra o belicoso ultraliberalismo da actual etapa histórica da humanidade. ¿Vai agora camiñar de recú? Depende de nós, cidadáns nacionalistas do común libres e iguais. Sob pretexto de modernizar, téntase homologar ao nacionalismo coas vellas fórmulas. É máis: téntase domesticalo. A nosa resposta déraa xa Castelao por boca do raposo: "eu non vos nacín pra can". •


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >