| Houbo moitos galegos na loita da revolución |
| A. Losada | |
| Venres, 01 de Decembro do 2006 | |
|
Entrevista á Consul Xeral de Cuba en Galiza, María Sánchez, no suplemento Lecer, do xornal Galicia Hoxe.
[Lecer/Galicia Hoxe] Con máis de 40 anos de experiencia nas embaixadas cubanas, traballa para o goberno castrista dende a caída de Fulgencio Batista, en 1959. Non teme pola saúde de Fidel Castro, pero asegura que, aínda que el falte, nada cambiará no réxime. Asegura que Galicia é un dos territorios que mellores relacións mantén coa illa e que non notou ningunha diferencia entre Fraga e Touriño, falando no terreo diplomático. O Consulado de Cuba en Galicia ocupa o cuarto piso dun vello edificio na rúa do Doutor Teixeiro, en Santiago de Compostela, pero pronto se trasladará dese lugar discreto a unha sede máis grande e moderna, en Santa Isabel. Esa mudanza cáseque coincidirá coa marcha da que foi Cónsul Xeral de Cuba en Galicia durante os últimos catro anos, María Sánchez, unha veterana da diplomacia. Élle cómodo o destino en Galicia? Pois si, a verdade é que esta moi ben. Estiven noutras cidades, pero nunca me sentín tan cómoda como nesta. Os pobos galego e cubano tiveron e teñen uns vínculos moi estreitos, e por iso sempre nos trataron moi ben. En Cuba sempre houbo unha comunidade de emigrantes moi activa, e alí fundouse a Real Academia Galega -na Habana, en 1906-, así que temos lazos que non se poden romper. Ten familiares aquí? Persoalmente, non. Pero calquera cubano pode visitar Galicia, porque se non atopa parentes, atopará amigos. Eu levo aquí xa case catro anos e, agora están a piques de trasladarme, non me podo queixar da xente coa que tratei. En que lugares estivo antes destinada? En Shanghai, en Uganda, en Arxelia... levo 40 anos neste oficio, así que, en case todas partes. Que a levou a facerse diplomática? Eu nacín en Manzanillo, nunha pequena vila das provincias orientais de Cuba, e participei activamente na revolución. Cando triunfamos, comecei a traballar no departamento de educación, pero o pouco tempo paseime o Ministerio de Exteriores. Era moi nova e comecei ordenado documentos e poñendo cuños, como todos os que agora son embaixadores e cónsules de Cuba. Nós vimos de abaixo, e iso é bo, porque te fai entender o que é o traballo de oficina e ser máis comprensiva cos problemas que teñen os que o están a facer hoxe. (Ri). Que lembra vostede do réxime de Batista? (Pensa un intre) Lembro represión e matanzas. Vinas cando estiven na Habana, e vinas na miña vila natal, Manzanillos. Batista era un ditador sanguinario amparado polos Estados Unidos, a quen combatemos e vencimos, nunha loita dirixida por Fidel Castro, e líderes como Jose Antonio Echevarría ou Frank País, que era fillo de galegos, como o comandante. Houbo moitos galegos na loita revolucionaria, e foron moi importantes. Dende 1959, o pobo cubano conquistou a súa liberdade, e ata o de hoxe conseguíu mantela pese as presións dos Estados Unidos. Ten pendente o traslado? Si, os membros do corpo diplomático cubano nunca estamos máis de catro anos no mesmo sitio. Son as normas do Ministerio de Exteriores Con que se queda deste tempo en Galicia, entón? Co cariño que me deu a xente deste pobo, que foi moi bo comigo e me fixo sentir como na casa. As relacións diplomáticas con Cuba non poderían ser mellores, tanto con Manuel Fraga, como agora, con Emilio Pérez Touriño. Notou algún cambio co novo goberno da Xunta? Non, ningún. Non sei se a Touriño lle gustaría escoitar iso... (Ri) Falo de relacións diplomáticas, que na súa política interna non me podo meter. Temos moi bo trato con el, como o temos co concello de Santiago, tanto co alcalde -Xosé Sánchez Bugallo- que colaborou connosco en moitas iniciativas, como con Néstor Rego, ó que lle queremos moito, porque loitou para defender a cultura cubana. Coñece ó vicepresidente? Si, claro. Anxo é unha persoa encantadora e o consulado tivo moito trato con el xa antes de que entrase no goberno galego. En xeral, ás nosas relacións co BNG, son excelentes. Como van as cousas en Cuba agora mesmo? Moi ben. Este ano tivemos un gran crecemento económico, que amosa que Cuba é unha sociedade estable e con posibilidades de futuro. Ademais, vimos de gañar na ONU unha votación que condena o bloqueo comercial que sufre o noso país, con 183 votos a favor e 4 en contra, por consideralo unha medida contra os dereitos humanos. As cousas van ben para nos, e coido que seguiran a mellorar, pese a que non nos podemos esquecer de que sempre temos a espada dos Estados Unidos sobre a nosa cabeza. Que lles preocupa dos EEUU? Que a agresión pode chegar en calquera momento. Bush mantén un plan para derrocar ó goberno cubano e ultimamente ameazounos con desvelar documentos segredos que di ter sobre Cuba. Agardamos que iso non lle sirva como excusa para un ataque. En Sudamérica están a xurdir líderes como Hugo Chávez ou Evo Morales... E gracias a eles a situación de América Latina é moito mellor nestes últimos anos, porque contribuiron a frear a influencia dos ianquis na zona. En Estados Unidos seguen a crer que Sudamérica é o seu patio de atrás, e por iso son unha ameaza para o resto dos países, porque atentan contra a súa soberanía. Ata que punto Cuba influenciou estes novos gobernos? A revolución cubana é un referente, porque os outros países viron que o país non se caeu, que funciona ben, pero o cambio de políticas e cousa dos cidadáns desas outras terras, que se senten libres para elixir. Pense en Bolivia, por exemplo, un país de maioría indíxena que nunca tivera un presidente indíxena ata agora. Iso so se explica pola influencia de EEUU, pero era cuestión de tempo que os bolivianos se liberasen dela. Como se vive a presión do bloqueo comercial? É duro, pero o peor foi cando caeu o bloque socialista e perdimos todo o comercio. Daquela só podiamos ter catro horas de luz ó día, tiñamos ‘alumbróns’ en vez de apagóns, e iso foi un gran problema nunha terra de clima tropical, porque non podiamos refrixerar os alimentos, entre outras cousas. Hoxe en día restablecimos o comercio con Canadá, China ou Holanda, pero seguimos estando vetados para exportar os nosos productos. Non poden vender nada? Vender se vende. Sempre hai posibilidades. Cre que Fidel chegará a reincorporarse ó goberno? Dende logo que si, O comandante está mellorando moito, e tanto o presidente do Parlamento, Ricardo Alarcón (quen tamén descende de galgos, por certo), como o embaixador en España, Alberto Velasco, dixeron que o viron estupendamente. Como o 15 de agosto non puido celebrar o seu 80 aniversario, comparecerá en público para facelo o 2 de decembro, que e cando se cumpren os 50 anos das Forzas Armadas Revolucionarias. Houbo algún cambio dende que Raúl Castro está a fronte do goberno? Ningún en absoluto. Raúl e un home e con anos de experiencia, que acompañou o seu irmán en todas as xestas e que coñece perfectamente a realidade de Cuba. Tal vez non sexa un líder carismático, pero si un home traballador. Que pasará en Cuba tras Fidel Castro? Nada, non pasará nada. Dende logo, botarase de menos a figura do comandante, porque é un home irrepetible, pero Cuba seguirá sendo un estado libre, que coida dos seus propios cidadáns e solidario, que axuda a outros paíse . Verá, unha vez me preguntaron iso mesmo en Shanghai, na época na que caeu o bloque do leste, e eu lle dixen o mesmo, que non pasaría nada. E foi certo. Unha das principais críticas que se lle fan ó rexime cubano é o elevado número de presos políticos... Ó que eles chaman presos políticos son, en realidade, persoas que estan a soldo dos Estados Unidos e tratan de desestabilizar socialmente a Cuba. Na illa temos grupos de disidentes e infiltrados que obedecen ós ianquis e, aínda que agora son máis febles que nunca, seguen a participar en atentados e incitan a desobediencia civil. Outro ataque que se repite é o uso da prostitución para atraer ó turismo... Claro, din eso porque Cuba sempre é noticia, e sempre hai que difamala. Eu invito a calquera que teña dúbidas a que vaia de visita a Cuba. Si, temos prostitutas, como as hai en todas partes, e é un problema social, pero non as usamos como reclamo turístico. En Cuba hai moitas outras cousas que ver, paisaxes, praias, o Museo Nacional da Habana que ten unha gran colección de pinturas de Sorolla... E no plano bo? A sanidade, a educación...? Que somos un pobo pacífico que axuda a quen o necesite, e iso é algo que aprendimos dos galegos. Non somos xente prepontente, e enviamos médicos onde se precisen, damos bolsas de educación no terceiro mundo... Somos marxistas, e por iso mantemos unha loita a prol da cultura, porque é liberdade. Como dixo Marx, o noso ‘apóstolo’, hai que ser culto para ser libre. Por que un rexime de Partido Único? Porque o Partido é a garantía da revolución. O seu labor social e ideolóxico garante a difusión dos principios que fixeron posible o rexime cubano. Os homes pasan, pero as revolucións quedan, por iso estou segura de que a Cuba de hoxe sobrevivirá a Fidel Castro. Iso non bloquea a crítica interna? Non, en Cuba somos moi inconformistas e criticámolo todo, coido que é outro rasgo herdado dos galegos. Fálase de todo e sempre hai un gran debate social, a xente discute as novas medidas políticas, aínda que con menos ‘crispación’ da que teñen aquí. O Parlamento sempre se preocupa por consultar ó pobo sobre as leis máis importantes, porque non terian sentido sen a súa conformidade. Houbo cambios no goberno revolucionario dende a súa implantación? Cando a revolución triunfou, triunfou sen ter ningunha experiencia sobre como gobernar. Cos anos gañou iso, mellorou, e conquistou a garantía da honestidade ante ollos dos cubanos. |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
