| E para rematar, Chávez |
| Manoel Santos | |
| Sbado, 02 de Decembro do 2006 | |
|
Hoxe, 3D, se cadra por enfeite desa dama chamada política, tócalle a Venezuela pechar un ano electoral especialmente intenso en América Latina. Brasil, México, O Salvador, Costa Rica, Colombia, R. Dominicana, Nicaragua, Ecuador, Perú, Bolivia… e para rematar, Chávez, desta vez si como candidato. Até hoxe a súa figura estivo presente en case que todos os comicios continentais, fundamentalmente polo empecinamento dos candidatos neoliberais –e dos Estados Unidos (EUA)– en ver en Chávez o problema, obviando o andazo endémico de inxustiza social que sempre asolagou o cono sur e arredores. Sería de cegos negar que se algo non pode agochar o ciclo electoral que hoxe remata é o auxe das opcións esquerdistas en Latinoamérica. Unhas xogan co neoliberalismo, outras buscan sen moita claridade un capitalismo moderado –ou social– e outras camiñan cara o socialismo revolucionario, pero todas teñen como combustíbel o estrepitoso fracaso das políticas librecambistas e imperialistas en todo o cono sur e arredores. Todas andan na procura do seu propio camiño e todas reclaman a súa soberanía, o control dos seus recursos naturais, a defensa da súa identidade e coinciden no rexeitamento ás políticas neoliberais e os seus buques insignia, as transnacionais que empobreceron o continente. Iso é o que teñen en común, e non a Chávez. Malia isto non se pode negar a influencia do líder bolivariano nesta especie de rebelión continental e, xa que logo, a súa case segura reelección pechará o ano con máis éxitos que fracasos. Ningún goberno de esquerdas foi derrotado. O seu contrincante, Manuel Rosales, o home dos 26 millóns de dólares –cantidade declarada por EEUU, por medio da USAID e a NED, para crear unha fronte anti-Chávez no continente– non semella ter a máis mínima posibilidade nin sequera de chegar a unha segunda volta. Chávez arrasará. E o fará de novo nuns comicios inmaculados. El mesmo é particularmente escrupuloso neste eido, para contrarrestar con feitos probados as contaminacións informativas das oligarquías aliñadas co imperio do norte, que sempre acaban falando de ditadura, réxime e fraude sen fundamento algún, como se a tan regurxitada democracia de occidente só o fora cando gañan eles. Rosales, como o imperio, teme ao pobo, á marea vermella, a eses dous millóns de “rojitos” que asolagaron Caracas no peche de campaña de Chávez, e teme máis ca nada ao pobo pobre. Doutro xeito non se explica que se laie do medre espectacular do censo electoral –de 11 millóns en 2003 a 16 millóns en 2006–, resultado da campaña gobernativa para que a xente se inscribira. Xente que ademais é potencial votante do líder bolivariano. Repito a frase aquela de Rangel: “Definir aos que se atopan a favor de Chávez resulta sinxelo, porque sinxela é a pobreza”. Logo da vitoria de Chávez de novo falarán de populismo. Teñen razón, el é populista, pero o dito termo político abrangue sempre duas dimensións, a pexorativa e a positiva, que fala de accións de goberno que devolvan o poder aos de embaixo, en detrimento das elites políticas e corporativas, mesmo do estado. No populismo de Chávez, por pouco que nos acheguemos ao seu proxecto, pesa moito máis a segunda dimensión. Porén, tamén son de agradecer as doses que emprega da primeira, porque ás veces a agresividade verbal –a dos outros ten forma de bomba– fai espertar aos pobos. E Chávez é un espertador de luxo.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

