Venezuela e a dialéctica da historia
Alberto Cruz   
Mrcores, 29 de Novembro do 2006

A reelección de Chávez implica a profundización do proceso revolucionario.

[Igadi. Traducido por altermundo.org]

As eleccións do vindeiro domingo en Venezuela pechan o ciclo electoral que se viviu este ano en América Latina e, con el, o auxe espectacular da esquerda en todo o continente: México, O Salvador, Nicaragua, Colombia, Ecuador (co triunfo de Rafael Correa nas presidenciais), Perú, Bolivia, Brasil. Unha esquerda non homoxénea, con importantes renuncias nalgún caso e derivas populistas noutro, pero en todos estes casos existiu o mesmo común denominador e que non foi outro que o intento de iniciar un camiño propio e recuperar os beneficios dos seus recursos naturais, tradicionalmente en mans da oligarquía e das multinacionais estranxeiras. Pódese discutir se os partidos que xa están no goberno nalgúns países están a poñer en marcha un novo socialismo ou, simplemente, andan na procura de fórmulas máis prácticas e eficaces de facer funcionar o capitalismo. Pero o que non se pode discutir é que este auxe é a consecuencia do fracaso absoluto das políticas monetaristas e librecambistas impostas a sangue e lume polo Fondo Monetario Internacional.

E tampouco se pode discutir que este auxe da esquerda continental estivo moi influído polo proceso revolucionario que se vive en Venezuela desde que o pobo deste país derrotou o golpe de Estado que se deu en abril de 2002, a sabotaxe petroleira que se mantivo durante dous meses (decembro de 2002 e xaneiro de 2003) e o referendo revocatorio co que a oligarquía pretendeu desprazar a Hugo Chávez da presidencia en agosto de 2004. Dende esta data, as candidaturas das organizacións que apoian a Chávez (Movemento V República, Patria Para Todos, Podemos e Partido Comunista de Venezuela, principalmente) triunfaron nas eleccións municipais, de gobernación e parlamentarias. Queda o reto das presidenciais, que terán lugar o día 3 de decembro. Se hai que facer caso ás enquisas, Chávez gañará de sobras estas eleccións. E entón? 

Os problemas

1. O principal será o papel que xogue a oligarquía, aceptando ou non os resultados electorais. O seu candidato, Manuel Rosales, aínda non dixo que aceptará o que vote o pobo. Se a diferenza con Chávez supera os 15 puntos porcentuais terá difícil reeditar a campaña de fraude que lanzou no referendo revocatorio de 2004, polo que só lle quedarán dúas mans por xogar: primeiro, a inestabilidade social, o que en Venezuela se coñece como guarimbas, para o que a poboación que defende o proceso está máis que preparada non só civicamente, senón na súa estrutura armada; segundo, o lanzamento dunha campaña separatista no Zulia, similar á que a oligarquía impulsa en Bolivia no departamento de Santa Cruz.

Detengámonos un intre na primeira opción. Os chamamentos á revolta, alegando unha hipotética fraude déronse ao longo de toda a campaña electoral dende os medios de comunicación e nela participaron dende connotados golpistas ata recoñecidos reaccionarios como o escritor hispano-peruano Vargas Llosa. Non faltaron reunións con militares en retiro e chamamentos ás Forzas Armadas para que salgan á rúa “a defender o voto” en alusión ao seu, que sería o pretendidamente ganador. Aquí póñense en marcha dous modelos: o ucraniano, tal e como xa veu recomendando e impulsando EEUU desde hai tempo[1], e o violento (guarimbas). A oligarquía pretende “cercar” os colexios electorais ata que se conte papeleta por papeleta –para evitar a fraude– e, se non o consegue, “incendiar a rúa”. De feito, o pasado día 26 de novembro fíxose público un documento da embaixada de EEUU en Caracas advertindo aos estadounidenses sobre “posíbeis conmocións e perturbacións” de natureza non ben especificada para o día dos comicios. Unha sé diplomática acreditada non se dedica a formular augurios sen segunda intención, o que pon de manifesto que algo sabe do que trama a oligarquía. No entanto, en ambos os dous escenarios haberá resposta popular nunha dobre vía: circunscribindo a protesta aos barrios oligárquicos de Altamira e Os Chorros e enfrontando as guarimbas cunha estrutura armada. O goberno, pola súa banda, dispón dun Plan de Defensa Integral no que se consideran 7 posibles escenarios de desestabilización que poden desenvolverse desde o mesmo día 3 de decembro. Nada será igual ao ano 2002 e as dúas partes sábeno.

A segunda hipótese é a máis probable. Dada a fragmentación da chamada oposición, o feito de que se lanzou un candidato máis ou menos unitario fai que un sector estea apostando polo traballo a longo prazo e consolidar esta opción antichavista. Para iso necesítase polo menos superar o 30% da porcentaxe de votos. Pero a oligarquía venezolana non adoita xogar a longo prazo. Fragmentada como está, só aceptará un repregamento “democrático” se considera que a aposta de Rosales pagou a pena superando os 4 millóns de votos que alcanzou no referendo do 2004. En caso contrario, a carta que xogará será a desestabilización na principal zona petrolífera: Zulia. Neste estado prodúcese case a metade do petróleo que extrae Venezuela e o modelo a aplicar é o mesmo que o da oligarquía boliviana en Santa Cruz.

2. O segundo problema ten que ver coa loita contra o latifundio, proclamada con reiteración por Chávez e que se está enfrontando ao auxe do paramilitarismo nos estados agrícolas e gandeiros do país, de xeito especial en Barinas, Táchira e Apure, sen esquecer Zulia, o estado gobernado por Rosales. Aquí veñen actuando paramilitares colombianos e sicarios dende hai tempo, tanto que se calcula que desde 1999 ata agora foron asasinados máis de 2.000 campesiños. Só no ano pasado producíronse 566 mortes, a maioría impunes aínda. A reorganización popular tamén neste sector estase notando, da man da Fronte Nacional Campesiña “Ezequiel Zamora”, aínda que non só. O FNCEZ estimaba en maio que 300 campesiños foron asasinados no estado de Táchira (que é fronterizo con Colombia, como Apure e Zulia) e impulsaba a formación de Gardas Territoriais, en colaboración cos sectores patrióticos da Garda Nacional e do Exército, para previr a infiltración paramilitar e a acción dos sicarios a soldo dos terratenentes. Un pouco máis tarde, o 18 de agosto, o presidente Chávez outorgaba carta de natureza a esta estratexia de protección e anunciaba a creación de unidades civís e militares neses estados coa misión de combater o sicariato e o paramilitarismo.

3. O terceiro ten que ver cos principais problemas a que terá que facer fronte Chávez desde o interior das forzas que o apoian. Hai un sector ben instalado nos postos de poder que suscita desde hai tempo un “chavismo sen Chávez” e que, en síntese, implica un rexeitamento frontal ao aínda difuso “socialismo do século XXI” que se proclama como o principal reto a desenvolver nesta nova etapa tralas eleccións. Pese á vaguedade teórica desta meta, hai un significativo sector dentro do goberno que non quere nin oír falar da co-xestión nas empresas ou a toma de decisións polas comunidades no eido local porque iso suporía a toma de decisións nun ámbito horizontal, non vertical, e facilitaría o combate contra a corrupción e o clientelismo agora existentes.

Nos sectores que se engloban na defensa do proxecto de Chávez hai unha tensión soterrada entre a organización social, comunal e popular e a estrutura política, moitas veces carente de instrumentos e procedementos para unha toma de decisión democrática. Mentres que por unha banda se promove, se reivindica, se contrúen mecanismos de construción democrática no marco desa “democracia participativa e protagónica” que se reclama, pola outra se concentra o poder en poucas persoas que impoñen decisións sen ter en conta ás bases, por non falar do xa reiterado: corrupción, clientelismo e burocracia.

4. A ameaza de agresión exterior non desapareceu. EEUU está financiando a campaña electoral de Rosales cunha cantidade declarada de 26 millóns de dólares a través da USAID e a NED e acaba de anunciar que lanzará unha “ofensiva” para crear unha fronte anti Chávez en Latinoamérica[2] coa intención declarada de “diminuír a influencia do presidente de Venezuela, Hugo Chávez Frías, na rexión”, segundo o secretario para Asuntos Políticos do Departamento de Estado, Nicholas Burns. Non é novo, pero neste sentido hai que mencionar que se está rodeando a Venezuela cunha serie de bases militares. Á xa coñecida de Manta (Ecuador) hai que sumar a que se está construíndo en Curaçao, nas Antillas Holandesas, moi achegada xeograficamente a Zulia.

Os desafíos

Rosa Luxemburgo falaba da necesidade de aprender na dialéctica da historia, é dicir, o dereito da clase obreira a se trabucar e a aprender desas equivocacións porque así é como se continúa o proceso revolucionario. En Venezuela hai unha nova sociedade en construción, que avanza pese aos constantes embistes a que é sometida dende dentro e fóra do país, ata dende o interior de quen din estar con este proceso.

1. O debate vén de lonxe e vaise a reiniciar con forza tralo 3 de decembro. Chávez adoita falar de que en Venezuela estase facendo unha revolución económica, política e cultural. Pero, pode haber unha revolución económica cando a Constitución de 1999 recolle unha definición clásica da defensa da propiedade privada e da economía de mercado? Os chavistas máis críticos pola esquerda din que non, e acóllense ao acontecido coa nacionalización do petróleo. Este sector fala de “desnacionalización”, posto que se outorgou ás empresas privadas unha participación do 40% nas empresas mixtas que se constituíron en marzo deste ano con Petróleos de Venezuela (PDVSA). Outro sector chavista considera que si, e en referencia ao petróleo indica que a empresa quedara moi tocada trala sabotaxe petroleira –que supuxo perdas estimadas en máis de 20.000 millóns de dólares e provocou perdas irreversíbeis en determinados pozos– e que era necesario reestruturar o sector para recuperar a soberanía sobre todos os pozos.

2. Pero a revolución económica vai máis aló do petróleo e abrangue a terra e as Empresas de Produción Social. Este tipo de empresas pretende ser un modelo que supera ás cooperativas desenvolvidas a través da Misión Volvan Caras, cuxo balance abarca dende fracasos sonoros a éxitos incuestionábeis pasando por mostras de corrupción e favoritismo na entrega de créditos xunto á tendencia a satisfacer primeiramente os intereses dos cooperativistas e non das comunidades en que se insertan. As EPS van máis aló, están orientadas a satisfacer as necesidades do pobo e non en producir obxectos para o consumo. Do seu desenvolvemento depende en boa medida o futuro do “socialismo do século XXI” posto que se pretende constituílas en promotoras, e fortalecedoras de redes socio produtivas, de materias primas agrícolas e de valor agregado para xerar encadenamentos socio-produtivos endóxenos. Todo iso co obxectivo de desenvolver unha substitución progresiva da lóxica do mercado por unha economía de equivalencias, onde exista unha nova propiedade colectiva dos medios de produción e unhas novas relacións sociais de produción baseadas na cooperación intelixente: coñecemento, respecto e apoio mutuo.

En canto ao desenvolvemento da Lei de Terras, que inicialmente favorecía só á agroindustria en detrimento do campesiño e do pequeno productor, terá que enfrontar novos retos e ir máis aló do actual “método Chaz” (acrónimo de Chavez-Azpurúa, un terratenente de Barinas que chegou a un acordo co goberno para entregar parte das terras ociosas –non produtivas- da súa facenda aos campesiños e evitar así a expropiación) que, na práctica, legaliza para os terratenentes terra propiedade do Estado. Os sectores campesiños, que nun primeiro momento aceptaron o que se coñece como “pacto de conciliación de clases”, suscitan agora dar un paso máis: a creación da Axencia Socialista para o Desenvolvemento Endóxeno que rache substancialmente co modelo burocrático actual, desarticulado funcional e territorialmente, o que conleva a non consecución de produtos e resultados sociais esperados.

3. Unha nova estrutura política que rompa definitivamente cos vicios herdados da anterior etapa (que en Venezuela se coñece como IV República) e que se mantiveron no primeiro mandato de Chávez. O 9 de setembro o presidente chamou á creación “dun gran partido da Revolución Bolivariana”, pero as dúbidas son moitas. Uns veno como unha iniciativa interesante “dependendo do contido” que se queira dar a esta nova organización, en especial se serve para profundizar a unidade popular e poñer fin á desorde existente, acaba co clientelismo político e a corrupción e pon en marcha un proceso de democratización política onde prime a dirección colectiva e a participación das bases. Outros entenden que só profundizando a revolución, no sentido dunha revolución social que crebe as estruturas máis opresivas do mando capitalista, burocrático e político existente poderá garantir a unidade necesaria. E hai quen cren que se se cometen os mesmos erros que o FSLN, unha amálgama dos partidos existentes con igual reparto de poder, producirase un retroceso nas propostas de democracia participativa e protagónica con protagonismo das comunidades. En calquera caso, é un intento de enfrontar os plans do imperialismo e consolidar o proxecto bolivariano.

4. A estratexia internacional de Venezuela, centrada na adquisición dun papel relevante dentro da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP). A forma de inserción internacional define o marco político interno, posto que os camiños son diferentes: ou se fai unha política soberana ou unha subordinada. Venezuela optou claramente pola política soberana e adquiriu un relevo internacional como nunca antes na súa historia. Se soada foi a batalla por lograr un posto no Consello de Seguridade da ONU, non o é menos o feito de que Venezuela recupere o control das súas reservas de petróleo, como ben indica o premio Nobel Joseph Stiglitz[3].

É este punto o que preocupa especialmente a EEUU. No mes de xuño, o Comando Militar meridional en América Latina elaborou un escrito no que se dicía que os esforzos de Venezuela, Bolivia e Ecuador por ampliar o control do estado sobre as súas reservas de petróleo e gas “ameazan a seguridade do petróleo dos EEUU”[4]. Aínda que estes países –xunto a México– producen só o 8,4% do total do petróleo do mundo, supoñen o 30% das importacións de EEUU e unha interrupción dos envíos poría en serios apuros á economía estadounidense. Por iso é polo que os EEUU se tomaron moi en serio a ameaza de Chávez de suspender os envíos se se produce algún intento de derrocamento ou intervención aberta. Tanto que o 2 de outubro, nunha reunión de ministros latinoamericanos de Defensa que tivo lugar en Managua, o xeneral Bantz Craddock acusou a Chávez de ser unha forza de desestabilización en América Latina.

Chávez intentou diversificar o comercio de Venezuela: estreitou relacións con China e Rusia, fortaleceu o MERCOSUR, axudado a Ecuador e Arxentina nos pagamentos da débeda externa para eliminar a tutelaxe imposta polo Fondo Monetario Internacional e as súas políticas de axustamento estructural e retirou 20.000 millóns de dólares que tiña investidos na reserva federal de EEUU. Consolidar estas novas alianzas serán definitivas para o proceso revolucionario nesta nova etapa.

Notas:
[1] Alberto Cruz, “Venezuela como prioridade para o movemento antiimperialista”.
[2] Axencia Bolivariana de Noticias, 22 de novembro de 2006.
[3] Alberto Cruz, “Non é Iraq, é Venezuela”.
[4] The Financial Times, 25 de xuño de 2006. 
 
< Ant.