| Tempada de lumes |
| Manoel Santos | |
| Domingo, 14 de Agosto do 2005 | |
|
[ Extraído de Galicia Hoxe ] Tempada de verán. Aparentemente tranquila, sen Xacobeo. Traballo extra no sector servizos que suaviza a desfeita anual do desemprego, ano cuberto para artistas esquecidos e pseudoartistas que só viven dos cartos públicos, desprazamentos masivos que agravan as tráxicas estatísticas de mortes nas estradas, ingresos hosteleiros que safan o ano a moitos e lume, máis ca nada lume. Estamos afeitos xa a identificar a tempada estival coa tempada de incendios, como se as lapas cotizaran no mercado como a froita ou o peixe. Unha mágoa. É o único que, impotentes, podemos dicir cando o lume devora a terra. Portugal veu arder nos últimos cinco anos 820.184 hectáreas do seu territorio. Non é pouco. Trátase do 9% da superficie continental do país. As chamas esnaquizaron a quinta parte dos seus bosques. Que digo eu? Montes, dos seus montes, porque os eucaliptais e os piñeirais de repoboación non son bosques, son perigosos cultivos monoespecíficos –moi pirófitos– sen biodiversidade algunha e cun único futuro: cartos ou cinzas. Somos así, levamos séculos pensando que a natureza é nosa, que somos a especie imprescindíbel, e chegamos xa hai tempo á maldita conclusión de que o monte non vale para nada se non o utilizamos, se non o enchemos de pistas, se non o desertizamos con árbores que viñeron de lonxe, se non lle sacamos rendemento. Na parte grande da Península acontece o mesmo, pero é máis extensa, de bioxeografía más diversa. Bendita diversidade que polo menos vale para suavizar cifras! Pero en España a cousa por aí anda. Máis de 133.000 hectáreas en 2003, 156.000 en 2004 –gran parte en Galicia e Andalucía– e a saber este ano. E logo están as mortes. É o que cambiou nos últimos anos, como se os lumes foran máis sañudos, como se o monte estivera a tomar a súa vinganza. En 1994 España vivíu nesto dos lumes un "anus horribilis". Arderon 395.000 hectáreas e non pasou nada. Porén, hogano a xente morre matando fogos, en España e en Portugal. Agora botamos as mans á cabeza porque nin a técnica, nin a modernidade, nin esa Europa unida que só o parece para as cousas bancarias, son quen de atallar un drama que está a hipotecar a nosa natureza e os nosos recursos para o futuro.Por que arden os montes? A clave sempre estivo aí. Si, o verán é tempada de lumes, mais isto é porque quen queima ten máis posibilidades de éxito, e non polo clima en si. De feito, a meirande parte dos incendios dánse na Iberia húmida. En Galicia somos uns fenómenos para isto. Máis de 10.000 incendios de media entre 1998 e 2003. En Asturias 1.500, en Castela-León 2.000; fronte a 1.000 en Andalucía ou 284 en Madrid. Outra cousa son as hectáreas. En Galicia son sempre lumes pequenos, pode que porque xa non nos queden masas forestais importantes en extensión, pero os galegos, ao cabo, somos os que máis queimamos. Algo terá que ver o abandono dun rural que conta con máis do 50% dos núcleos de poboación de España, o abandono dos usos tradicionais da terra. Leiras a monte, leiras condenadas. Canto traballiño lle queda a Suárez Canal! WWF/Adena publicou en xullo o informe ¿Por que se se queiman os montes españois? concluindo que a análise das súas causas é máis que deficitaria. Sabemos que a meirande parte dos lumes de causa coñecida son intencionados. Destes moitos débense a queimas agrícolas e aos que procuran a rexeneración de pastos. Algúns son creados por pirómanos –enfermos, e non incendiarios con motivacións sociais ou económicas– ou por fumadores irresponsábeis e mesmo hainos para facilitar a caza, para espantar bechos ou por vinganzas contra a administración, por mor dos raios dunha treboada, por problemas coa titularidade de montes, para baixar o prezo da madeira… Centos de causas aparentes, pero o máis grave é que falamos só do 60% dos incendios. Xa que logo, non temos nin a máis remota idea de qué causa o 40% restante, e ademáis, as detencións de culpábeis non chegan, nin de lonxe, ao 2%. Sabemos que para loitar contra o lume debemos traballar fóra de tempada, con prevención. Sabemos que hai que aumentar as sancións e evitar que o lume produza beneficios, que hai que cambiar as políticas forestais –unha boa carballeira non prende así como así–, que debemos incrementar os medios de extinción –e facelos públicos– e incidir na concienciación da poboación para paliar este problema de Estado. Pero sobre todo debemos investigar. Temos dereito a saber quen queima e porque. Se non coñecemos ao pecador, mal poderemos esixirlle penitencia.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

