| Novas e vellas fórmulas políticas (III) |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 27 de Novembro do 2006 | |
|
Escribin o que antecede -xa volo dixera- entremedias da estrea do Parlamento galego autónomo e da apertura do proceso constituinte do BNG. Vai aló todo un cuarto de século. No entanto, ao relér ese vello texto, ácholle resoancias solprendentes no actual escenario político da nación e o nacionalismo galego. Talmente como cando ven de completarse unha rotación da espiral histórica que nos situa na vertical do mesmo ponto no que comezara o ciclo xa acontecido. A ver se acerto. A reaparición política do nacionalismo galego republicán acontece á altura da meianoite franquista, cando a xeración moza de postguerra acadara a "idade de razón" sartriana para protagonizala. De primeiras formúlase conforme ao modelo europeu de "partido", en duas das modalidades existentes daquela no catálogo de orgizacións da esquerda: a marxista-leninista (UPG) e a socialdemócrata (PSG). A primeira nace con certos rasgos xenéticos de forzas análogas que están a liderar, nesa época, procesos de liberación anticoloniais na periferia do sistema. A segunda evolue axiña cara un socialismo de xinea marxista, que incorpora tamén elementos do ideario anticolonial. Eses dous fenómenos propician un achegamento converxente cara un "proxecto común" a ámbalas duas: a estratexia da emancipación nacional e, portanto, a direición política do proceso de autodeterminación. A primeira formulación explícita desa converxencia plásmase no sintomático e pioneiro documento conxunto UPG-PSG, elaborado a finais dos sesenta, inda que difundido algo máis tarde. Ese documento constitue a soleira dos proxectos frentistas que se van construir máis logo, como fórmulas destinadas a abranguer e artellar o espectro social e ideolóxico máis amplo posíbel no campo magnético da cuestión nacional galega. O primeiro, inda na fase terminal do franquismo, vaise deseñar con duas pezas clave: a ANPG (asamblea nacional-popular galega) e o CFPG (consello de forzas políticas galegas). Escenário: a malograda "creba democrática". O segundo, xa na transición, configúrase en duas fórmulas: unha, o binomio ANPG-UPG, revestido de BNPG (bloque nacional-popular galego); e outra, Unidade Galega (PSG, POG e PG). Escenário: os primeiros comicios do post-franquismo, tanto ás Cortes coma municipais. Ainda se reeditará unha delas para as primeiras autonómicas, reformulada en trinomio (ANPG-UPG-PSG) co traxe de voda BNPG. Ora, por qué se dá ese proceso no nacionalismo galego, e non no vasco nen, inda menos, no catalán da mesma época? Matinemos un chisco. As forzas nacionalistas son a expresión política da conciencia identitaria dun povo en loita pola soberanía. A sua dimensión social -e, no seu caso, eleitoral- depende do nível e difusión acadados por esa conciencia identitaria na cidadanía. Mais esa cidadanía non é un magma, non é homoxénea, menos aínda uniforme: está socialmente estruturada en grupos e clases, definidos por cadanseus intereses que se expresan en cadansúas ideoloxías -de grupo e de clase, mesmamente. Por conseguinte, aínda dentro do espazo cívico consciente da identidade nacional do povo ao que pertence, cada grupo ou clase terá cadansúa leitura desa identidade común, dos seus intereses no proxecto nacionalista e do seu rol no proceso emancipatorio. De xeito que cada unha desas leituras traduciráse nun proxecto partidario e formularáse orgánicamente nun partido. Se a custión nacional é forza motriz común a eses diversos grupos, o espazo nacionalista terá que articular esa diversidade no eixo dinámico da autodeterminación. O que non cabe é que se funda no molde dun só partido -so pena de totalitarismo, fascista ou estalinista, ou de tentar situarse nun inexistente "centro". Mais as fórmulas posíbeis para ese artellamento son variadas, segundo o tempo histórico, a estrutura social interna, o contexto envolvente da custión nacional, a morfoloxía específica da opresión. E tamén segundo a posición relativa ocupada por cada nación sen estado na estrutura do sistema centro-periferia -que, a fin de contas, leva implícitas as outras variábeis eiquí enunciadas. A escada mundial, a posición relativa determina en boa medida a rotunda diferencia antre as fórmulas articuladoras dun nacionalismo flamenco ou catalán e as dos movementos anticoloniais de liberación nacional no "terceiro mundo". A escada europea, esprica análogamente a desemellanza antre o nacionalismo catalán e o galego antes, durante, e tamén despois da famosa "transición". Na Galiza do período franquista, o nacionalismo só se reorganizou no espazo social e ideolóxico comprendido dende o "centro" para a esquerda. Noutras verbas: non no espazo conservador, no espazo social e ideolóxico burgués propriamente dito. En contraste -cáseque de imaxe invertida no espello- coa Catalunya contemporán. E a diferencia tamén -malia que menos contrastante- do Euskadi do mesmo tempo. Posición periférica, estruturas subdesenvolvidas, condición colonial intramuros: eis a primordial espricación. Mais, ao caso: unha trepia con só dous pés non se sostén. Un nacionalismo galego formulado en partidos, sen o pé equivalente a un PNV euskaldun ou a unha Unió catalana, non podía articular unha maioría socialmente diversa arredor do proxecto soberanista meiante un xogo dialéctico interpartidario conforme ao canon político europeu. Non ter interlocutor burgués -ou sexa, a deserción da burguesía autóctona do proxecto soberanista- foi o factor adicional que, no límite, contribuiu á configuración dun frentismo nacional-popular como fórmula de artellamento das alianzas sociais que podían representar e dirixir as forzas nacionalistas nadas como partidos -convencionais- de esquerda. Ora ben. Os ensaios frentistas acontecidos arredor da "transición" seguiron o patrón clásico das "frentes populares" europeas de entre-guerras lideradas por partidos comunistas ortodoxos, ou das conformadas nos paises do leste na segunda postguerra mundial, ou mesmo, se queredes, con trazos das suas metamorfoses nos FLN da descolonización. Con variantes segundo se tratase de abordar un proceso constituinte galego na frustrada "creba democrática" (CFPG-ANPG), ou da participación nos procesos eleitorais da transición estrita -ás Cortes e municipais (UPG-ANPG), (UG); ou primeiras autonómicas (UPG-ANPG-PSG). Pero cos mesmos peares básicos: primeiro, unha plataforma asamblearia (ANPG) de participación e movilización popular, sen iniciativa política de seu; e segundo, unha direición política asumida únicamente, ou hexemónicamente, por un partido comunista autoerixido en vangarda (UPG). Certo que o CFPG non se deseñou así, pero certo tamén que rebentou axiña pola actuación hxemonista da UPG -e non só pola volatilización da creba democrática no Estado. E UG foi, en rigor, unha simples coalición eleitoral de circunstancias. Pasada a transición, o panorama do nacionalismo galego pode plasmarse no seguinte croquis. No espazo burgués, ou conservador, segue sen coallar: só uns anos despois xurdirá a estrela filante da Coalición Galega que, nun só lustro, vai nacer, esgaiarse, arder e esvaírse. No espazo da esquerda, un arquipélago con pontes que se construen e destruen seguido no labirinto das suas canles interiores. Ou sexa: non funciona o esquema europeu de artellamento político do espazo nacionalista meiante partidos. Só no eido dos movementos sociais progresa a consolidación dun ricaz tecido orgánico sindical, cultural, viciñal, en suma, cívico do común con conciencia nacionalista. E por riba, néstas, estoura a ofensiva ultraliberal globalizadora na metrópolis do imperio, e a sua onda expansiva vai chegar axiña a esta periferia fisterrán. Se esa ofensiva vai facer estragos nas potentes formacións políticas das esquerdas estatais europeas, qué catástrofe non vai causar no desguarnecido arquipélago micronésico da esquerda nacionalista galega? Mais velaí que xurde o miragre profano operado polo xenio dun povo imaxinativo e curtido na resistencia secular á adversidade, dun nacionalismo históricamente afeito a asumir estoicamente o destino de Sísifo: volver empurrar monte arriba o petouto da dignidade identitaria, ensaiar outravolta por novos vieiros a escalada da autodeterminación popular. E faino, esta vez, arrombando fórmulas políticas importadas por mímese, tanto de partidos coma de frentes clásicas. Faino meiante introversión, ou sexa, desalienación. Deste xeito, nuns poucos meses do ano 1982, vai construir un artefacto político de deseño inédito. Baseado nun principio de democracia participativa e exercizo directo da soberanía popular: deseño asambleario de afiliación individual, onde tódolos cidadáns militantes teñan voz e voto nas decisións fundamentais para o avance do proxecto estratéxico. Aberto á integración articulada das formacións preexistentes -as illas do arquipélago- ou das que nazan no curso desa andaina común, sen perda de cadansua identidade, mais sen outro poder que o correlativo ao peso de cadansua militancia nas decisións asamblearias da frente. E todos, individuos e grupos, partícipes e vencellados pola obediencia a un proxecto común obxeto de diferentes leituras converxentes: a emancipación nacional e social do povo galego. Ese artefacto é o BNG. A fórmula resulta tan nova e tan xenuina para esta periféria chamada Galiza, que se adianta en máis de tres lustros ás que van agromar na periféria do sistema no seo das loitas sociais contra a globalización ultraliberal, desasistidas polas esclerosadas orgaizacións políticas de fórmula partidaria convencional. E vai ascender vertixinosamente durante tres lustros, tanto en penetración social coma en forza eleitoral. Mais -ben sei- disto hai vintecinco anos. ¿E logo hoxe? ¿Volveuse vella a fórmula, o deseño ou o artefacto? ¿Ou seica rexuveneceron os partidos, limpáronlles o sistema arterial? ¿Ou é que xa non somos periféria, somos Flandes ou Catalunya? ¿Qué fórmulas políticas son vellas ou novas arestora? • | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

