Eleccións en Ecuador: Proxecto oligarca vs proxecto progresista
Dax Toscano Segovia   
Venres, 24 de Novembro do 2006

Ecuador enfróntase este domingo 26 de novembro a unha etapa crucial. Ou seguen a confiar nos empobrecedores de enriba ou escollen a vía bolivariana dos de embaixo. Unha nova batalla na guerra pola emancipación latinoamericana. Dax Toscano resume as posibilidades.

[El Militante]

Preto de 9 millóns 200 mil ecuatorianos acudirán ás urnas o vindeiro 26 de novembro de 2006 para escoller, en segunda volta, ao novo presidente e vicepresidente da república. Os candidatos finalistas son o empresario Álvaro Noboa Pontón, do Partido Renovador Institucional Acción Nacional (PRIAN) e o economista Rafael Correa Delgado, do Movemento Alianza País.

Álvaro Noboa, considerado o home máis rico do Ecuador, cunha fortuna herdada do seu pai, Luís Noboa Naranjo, que excede os 1.200 millóns de dólares, posuidor de 120 empresas, é o aspirante á presidencia por parte dos sectores da oligarquía e da dereita política ecuatoriana. En cambio, Rafael Correa, que expresou o seu rexeitamento frontal a eses grupos de poder político e económico, representa unha candidatura de esquerda, ao redor da cal se teñen amoreado diversos sectores sociais identificados con posicións nacionalistas, bolivarianas e revolucionarias.

Deste xeito, o panorama político quedou claramente definido. As e os electores ecuatorianos terán que decidir entre dous proxectos radicalmente distintos a nivel ideolóxico, político e económico.

Pero, cales son os plans de goberno dos candidatos finalistas? A que intereses responden? Quen serían os verdadeiros beneficiarios das súas propostas?

As respostas a estas interrogantes non poden darse á marxe do entendemento dos intereses de clase que están en loita.

Non se trata, xa que logo, simplemente dun enfrontamento entre Álvaro Noboa e Rafael Correa.

Os medios de masas son os que sobredimensionaron este enfrontamento entre os dous candidatos, liortas que, doutra banda, xa se evidenciaron noutras campañas electorais entre os postulantes á presidencia do Ecuador. Isto, ademais, é característico dos procesos plebiscitarios das sociedades democrático formais capitalistas. Forma parte do espectáculo político construído polos mass media que someten a discusión o banal, o superficial e non as cuestións de fondo que se ocultan aos pobos.

Consecuentemente, hai que desentrañar o que é esencial nesta conxuntura política para non perder de vista o que pode acontecer no caso de que un ou outro candidato gañe as eleccións.

Os grupos de poder político e económico, os partidos de dereita e populistas ven que os seus privilexios están en perigo. Por iso a oligarquía e as súas organizacións políticas se aglutinaron ao redor da candidatura de Noboa. O Partido Social Cristián (PSC), encabezado polo seu máximo líder, Pascual del Cioppo, membro do Opus Dei, o Partido Roldosista Ecuatoriano (PRE), do destituido mandatario Abdalá Bucaram e as cámaras de empresarios expresaron publicamente que votarán polo candidato do PRIAN.

O apoio incondicional por parte das diferentes faccións da oligarquía ecuatoriana á candidatura do empresario Noboa explícase porque o seu proxecto encarna os intereses da clase á que el mesmo pertence, e da cal é hoxe o seu principal expoñente. Álvaro Noboa personifica a prepotencia destes grupos poderosos que ansían poñer en marcha os proxectos políticos e económicos que lles xeren beneficios, moitos dos cales quedaron eivados debido principalmente á loita popular.

No escenario internacional, o imperialismo ianqui e as mafias opositoras aos procesos revolucionarios cubano e venezolano manifestaron abertamente a súa simpatía pola candidatura de Noboa.

En reiteradas ocasións Álvaro Noboa lanzou virulentos ataques contra os réximes de Cuba e Venezuela, así como contra os presidentes Fidel Castro e Hugo Chávez, declarando, enfáticamente, que se é elixido presidente da república, el non manterá relacións políticas con ambos países.

Queda claro que Noboa gobernará, en caso de gañar as eleccións, en beneficio da clase corrupta e parasitaria á que el pertence, así como dos intereses do imperialismo ianqui.

Os obxectivos sinalados no seu plan de goberno están establecidos precisamente con esa finalidade.

Álvaro Noboa é partidario de chegar a un acordo co goberno de EE.UU. para concretar a firma do Tratado de Libre Comercio (TLC), proxecto anexionista deseñado polos estrategas norteamericanos para favorecer ás súas empresas transnacionais. A dramática situación que viven os traballadores e labregos mexicanos produto da aplicación do NAFTA (Tratado de Libre Comercio para América do Norte), demostran o que se avecina para o Ecuador no caso de que se chegue a asinar o TLC.

O candidato do PRIAN ve como positiva a concesión para a exploración, explotación e refinación do petróleo ecuatoriano a compañías estranxeiras, o que implicaría que os recursos que proveñen do ouro negro sigan en mans destes poderosos grupos que, ademais, foron os causantes da destrución do medio ambiente.

Noboa suscita como un eixe da súa campaña o propiciar o investimento estranxeiro a gran escala, polo que dixo que propiciará unha reforma xurídica que favoreza ás empresas transnacionais.

O candidato da oligarquía pretende atraer aos inversionistas estranxeiros por medio da larpeirada da redución do imposto da renda, copiando as receitas económicas que o goberno neoliberal de Ronald Reagan aplicou na década dos 80 en EE.UU., e que provocaron o deterioro cada vez maior da situación económica da poboación pobre dese país. A política reaganiana, aplicada tamén polo goberno de W. Bush, e que Noboa presenta como a solución aos males que enfronta o Ecuador, favoreceu aos ricos aos que se diminuíu os impostos, mentres aos pobres desatendíallos nas áreas de saúde, educación, vivenda e seguridade social.

O líder do PRIAN é partidario das privatizacións, até de sectores sensíbeis para a poboación. Noboa pretende levar a cabo unha reforma á Lei de Seguridade Social co apoio do Congreso, no que o seu partido ten o maior número de lexisladores, para propiciar a competencia neste sector, tomando como modelo de referencia o que se aplica en Chile, sistema de aseguramento que só favoreceu ás persoas con niveis de ingresos altos. A proposta do candidato do PRIAN atentaría contra os dereitos dos afiliados ao Seguro Social, especialmente dos xubilados. Noboa concibe a seguridade social como un servizo e non como un dereito do pobo.

Para o candidato da oligarquía os dereitos dos traballadores non contan.

No ano 2002 os traballadores da facenda bananeira “O Álamo”, de propiedade de Noboa, organizáronse para formar un sindicato e esixir mellores condicións laborais. A resposta foi a represión brutal desatada por matones e pola propia Policía Nacional. Moitos traballadores foron despedidos. Outros foron ameazados até coa morte. Noboa expresou en reiteradas ocasións o seu rexeitamento e desprezo polos sindicatos.

Organizacións internacionais de dereitos humanos, como Human Right Watch, denunciaron que nas plantacións bananeiras de Noboa traballan cativos dende 8 anos de idade, os que son sometidos a unha explotación brutal, o que constitúe non só unha violación á lexislación ecuatoriana e ás disposicións xurídicas internacionais, senón un acto cruel e inhumano que amosa o que a oligarquía é quen de facer para obter ganancias.

O empresario bananeiro é dono de máis de cen tercerizadoras, as mesmas que actúan como intermediarias na contratación de traballadores para outras empresas. O propósito da tercerización é o de evitar aos empresarios manter unha relación directa cos contratados, para así librarse das obrigas que a lexislación laboral establece en defensa dos traballadores. O candidato da oligarquía tamén é partidario das políticas de flexibilización laboral, que atentan contra os dereitos dos traballadores en materia salarial, de organización sindical e de seguridade social.

Álvaro Noboa encobre os seus nefandos propósitos cun discurso demagóxico e con políticas populistas. Nos percorridos e nos mitins de campaña, o líder do PRIAN reparte camisolas, alimentos, cartos, cadeiras de rodas, computadoras para escolas pobres, microcréditos para pequenos empresarios. Noboa está utilizando unha parte da súa fortuna mal conquerida para mercar a conciencia e o voto das persoas. Lamentabelmente nalgúns sectores da poboación, sobre todo nos que maiores necesidades teñen, estes actos son considerados positivos.

Noboa ofreceu ademais a construción de 300 mil vivendas ao ano para cubrir o déficit habitacional que sofre a poboación pobre do Ecuador. Isto tamén impactou na xente cuxa aspiración é ter unha casa propia. Especialistas e técnicos da construción denunciaron que a proposta de Noboa é irreal e imposíbel de chegar a se cumprir, sobre todo nas condicións actuais que vive o país.

Outra das propostas demagóxicas do candidato do PRIAN é a entrega de microcréditos a persoas que desexen montar as súas propias empresas. Noboa, que compara o seu plan co do actual Premio Nobel da Paz, Muhammad Yunus, manifestou que os pobres do Ecuador chegarán a converterse en persoas da clase media grazas a eses microcréditos, co cal os pobres deixarán de existir no Ecuador.

A solución aos problemas da pobreza e miseria que viven os pobos non está só na entrega de microcréditos. Estes poden axudar ás persoas máis necesitadas a liberarse por uns intres de certas dificultades económicas, pero non as liberará da súa espantosa situación económica.

A pobreza non vai desaparecer se non se apunta a acabar coa causa principal que a xera, e que é o propio sistema capitalista explotador.

O líder do PRIAN sinalou que concederá entre 500 e 1500 dólares á xente para que desenvolvan as súas microempresas. Esta cantidade irrisoria de cartos, nas condicións actuais que vive o Ecuador, non é suficiente para poñer un negocio ou pequena empresa que xere ganancias e réditos económicos.

Co propósito de lograr a adhesión á súa candidatura por parte da poboación maioritariamente católica do Ecuador, Noboa utilizou nos seus mitins mensaxes relixiosas, presentándose como un redentor, un salvador. Cargando unha Biblia e un crucifixo, obxectos cos que se exhibe ante a xente, o candidato do PRIAN chegou en varias ocasións a axeonllarse nas tarimas para, segundo el, implorar a Deus pola salvación do pobo ecuatoriano. A actitude do prepotente empresario foi rexeitada ata por representantes da propia Igrexa Católica. Isto demostra a posición conservadora, reaccionaria e retrógrada da oligarquía.

Como parte da súa estratexia de campaña Álvaro Noboa leva a cabo unha perversa guerra sucia contra o seu contrincante, a quen acusou de ser terrorista, chavista e comunista.

O candidato da oligarquía valeuse das declaracións de Rafael Correa sobre as FARC, nas que o candidato de Alianza País negouse a considerar á guerrilla colombiana como unha organización terrorista, posto que iso conlevaría implicarnos directamente no conflito que vive o país irmán. A través de diversas propagandas nos medios de masas vencellou a Correa coas FARC.

O candidato do PRIAN non agacha o seu respaldo á política do goberno de Álvaro Uribe para combater á guerrilla no irmán país.

Malia que Álvaro Noboa sinale publicamente que se chega a gañar a presidencia o Ecuador non se meterá no conflito colombiano, a realidade é que entre Uribe, Bush e o empresario bananeiro consolidaríase unha alianza non só para combater á insurxencia, senón para se opor ao proxecto bolivariano de integración.

Noboa é partidario de manter a presenza militar estadounidense na base de Manta, polo que afirmou que procederá á renovación do convenio unha vez que este conclúa no ano 2009.

Para desacreditar ao candidato de Alianza País, Álvaro Noboa inculpouno de recibir financiamento do goberno venezolano. Esta acusación maliciosa forma parte da campaña de desprestixio que Washington dirixe contra o presidente Hugo Chávez, a quen presenta como inimigo da democracia e como un desestabilizador da rexión.

O empresario bananeiro dixo que Correa pretende instaurar o comunismo no Ecuador. Isto é visto como un perigo por parte dun sector da poboación que, debido á ignorancia, á manipulación, á alienación á que está sometida diaria e permanentemente, así como a unha poderosa campaña de desinformación baseada no medo e o terror psicolóxico, cren que o comunismo representa a anarquía, o caos, a violencia e a destrución.

Álvaro Noboa sinalou que o comunismo é un delito e polo tanto hai que perseguilo.

En declaracións aos medios Noboa manifestou que reprimirá duramente a quen pretendan ir contra o seu goberno, o cal demostra a natureza autoritaria e represiva que caracterizaría ao seu réxime.

O líder do PRIAN lanzou ameazas contra varios medios que non son afíns á súa candidatura, así como contra comunicadores que son críticos das súas propostas como é o caso de Carlos Vera de ECUAVISA.

No entanto, Álvaro Noboa goza do respaldo dalgunhas canles de televisión, emisoras de radio e xornais cuxos donos son partidarios das súas políticas. Isto obedece a que moitos dos medios que directa ou indirectamente apoian ao candidato do PRIAN, forman parte dos grupos financeiros e monopólicos que controlan a economía ecuatoriana.

Algúns exemplos son: TELECENTRO pertence ao grupo Isaías, GAMAVISIÓN e SONOVISIÓN ao grupo Isaías-Rivas, CANLE 1 pertence a Marcel Rivas, TELEAMAZONAS, adquirido polo banqueiro Fidel Egas, esta baixo control do grupo Pichincha, TELESISTEMA é de propiedade do grupo Noboa, o sistema nacional de radio SUCRE está baixo control do grupo Noboa-Febres Cordero, os xornais O Telégrafo e Diario Manabita son de propiedade do grupo Noboa.

Nos noticieros e programas de “opinión” das cadeas de radio e televisión sinaladas, os ataques contra Rafael Correa son directos.

A cacareada imparcialidade dos medios e a suposta pluralidade que din representar é irreal.

Á campaña de ataques contra Correa súmanse xornalistas, locutores de radio e televisión que respostan aos intereses dos seus amos.

O presentador de noticias Jorge Ortiz, de TELEAMAZONAS, así como o de GAMAVISIÓN, Rodolfo Baquerizo non ocultan a súa antipatía polo candidato de Alianza País, así como o seu aliñamento coa candidatura de Noboa. Durante toda a primeira volta electoral Jorge Ortiz, no programa ESTE LUNS que el conduce, arremeteu constantemente contra Correa. Rodolfo Baquerizo facía o seu o 15 de outubro de 2006, día da primeira volta electoral, cando entrevistou a Noboa no set de televisión de GAMAVISIÓN, na cidade de Guaiaquil. Este lacayuno personaxe festexaba e asentía coa súa cabeza e sorriso estúpido todas e cada unha das cousas que Noboa expoñía. O servilismo foi totalmente evidente.

A campaña sucia dirixida contra Rafael Correa débese a que o seu plan de goberno é a antítesis do proxecto proposto polo candidato da oligarquía.

Correa é partidario dunha transformación profunda do sistema económico e político ecuatoriano. O candidato do Movemento Alianza País suscita que para lograr os cambios que o país necesita, os cidadáns deben levar adiante unha revolución democrática e responsábel. Para Rafael Correa o fundamental é que a democracia representativa sexa substituída por unha democracia verdadeiramente participativa, onde a soberanía radique no poder popular.

Nalgúns pronunciamentos realizados por Correa, o candidato esquerdista falou de levar adiante a construción dunha Patria Socialista.

Con todo, o plan de goberno de Rafael Correa non fai referencia ás medidas que posibilitarían esa transformación profunda que el propón levar adiante, as mesmas que teñen que ver coa nacionalización da banca, da industria e da terra, medidas que afectarían directamente aos intereses económicos da oligarquía.

No entanto, serán as masas as que máis adiante susciten estes obxectivos, unha vez que sentan a necesidade de radicalizar o proceso. Isto dependerá en gran medida do nivel de organización que elas cheguen a desenvolver. A participación activa das masas na política será un elemento importante para derrotar á oligarquía.

Rafael Correa propón levar adiante unha Asemblea Nacional Constituínte con plenos poderes. Os obxectivos desta asemblea serían principalmente os de elaborar unha nova carta constitucional na que se estableceran os mecanismos necesarios que posibiliten a transformación da orde política e económico vigente, a despartidización dos organismos de control do Estado e a participación efectiva das e os cidadáns nas decisións públicas de importancia para o país. Correa é partidario de que no novo texto constitucional estableza como dereitos do pobo a revocatoria do mandato de calquera funcionario público, incluído o presidente e vicepresidente da república, e a rendición de contas.

Os mecanismos que se establezan para elixir a quen van conformar a Asemblea Constituínte deberán posibilitar que sexan os representantes dos traballadores, campesiños, estudantes, xubilados os que poidan integrar ese organismo que vai realizar as reformas á Constitución. As masas deberán estar alertas para evitar que a oligarquía pretenda tomar o control da Asemblea.

Por outra banda, aínda que a consigna da asemblea constituínte representa a aspiración das masas dun cambio profundo no apodrecido sistema democratico capitalista, ao mesmo tempo debemos advertir que un simple cambio da estrutura política que non cambie a base económica do réxime pode quedar nunha reforma cosmética do sistema burgués.

A partidocracia tradicional e as mafias políticas atacaron esta proposta, pois de chegar a concretarse afectaría aos seus intereses. Os partidos tradicionais e os seus dirixentes políticos temen que a orde e a institucionalidade burguesa vixente, simbolizada por un congreso corrupto e ineficiente, que recibiu o rexeitamento da cidadanía, chegue ao seu fin. Teñen medo de perder os seus soldos exorbitantes, os seus privilexios.

Con relación ao TLC Correa expresou o seu rexeitamento a este proxecto anexionista. O candidato esquerdista sinalou que propiciará a integración bolivariana latinoamericana, coa que se beneficien os pobos e non as transnacionais. Rafael Correa é partidario de buscar un achegamento ao MERCOSUR, pero non descarta a posibilidade de participar nos acordos que leva adiante o ALBA (Alternativa Bolivariana das Américas).

Como parte da política de recuperación da soberanía nacional, o candidato de Alianza País declarou que renegociará a débeda externa ecuatoriana cos organismos económicos internacionais que terán que se ater ás condicións que o Estado ecuatoriano sinale e non á inversa.

O plan de goberno de Correa apunta ao pagamento da débeda social interna, para o que se utilizarán gran parte dos recursos que hoxe se destinan ao pagamento da débeda externa, o que non implicará a declaratoria de non pago da mesma. Con todo, e de acordo ás circunstancias polas que atravese a economía do país, Correa manifestou que se podería suscitar a moratoria ou suspensión do servizo da débeda.

A diferenza do candidato da oligarquía, Rafael Correa é partidario de manter os subsidios ao gas, á gasolina, á enerxía eléctrica, posto que a súa eliminación afectaría sobre todo á poboación pobre.

Correa prometeu acabar coas empresas tercerizadoras e coa flexibilización laboral, para o que terá que esixir unha transformación do marco legal vixente que permite a existencia destes instrumentos de explotación laboral.

Sobre o acordo para o uso da Base da Forza Aérea Ecuatoriana en Manta por militares estadounidenses, Correa foi enfático en sinalar que no ano 2009, unha vez que finalice o convenio, este non se volverá renovar. O candidato de Alianza país sinalou que no Ecuador non pode haber presenza militar estranxeira, porque iso atenta contra a nosa soberanía.

Rafael Correa criticou duramente a política de Bush, gobernante ao que cualificou de torpe.

Que podería suceder no caso de que Correa gañe as eleccións, sabendo que o seu proxecto apunta a afectar os intereses da oligarquía e do imperialismo?

Se efectivamente Rafael Correa cumpre coas propostas do seu plan de goberno, o indubidábel é que a oligarquía elabore e execute un sinnúmero de plans de desestabilización, tal e como os grupos de poder económico fan en Venezuela e Bolivia contra os presidentes Hugo Chávez e Evo Morales.

Perante esta situación o goberno de Rafael Correa terá dúas opcións: 1. ceder fronte á presión dos grupos de poder político e económico, que contarán co respaldo do imperialismo ianqui e as súas axencias de espionaxe; ou 2. apoiarse directamente no pobo, nas masas.

Correa terá que escoller entón entre levar adiante unha política de reformas mornas que manteña intactos os privilexios da oligarquía ou unha política de reformas radicais que beneficie aos desposuídos, o que constituiría un estímulo para as masas na loita pola transformación revolucionaria da sociedade.

Con todo, se os traballadores, campesiños pobres, indíxenas, estudantes, xubilados ecuatorianos permanecen impávidos ante os feitos que se poidan dar, o proxecto de construción dunha sociedade distinta á capitalista verase aprazado, o cal fortalecerá á oligarquía.

León Trotsky sinalou que o que caracteriza a un proceso revolucionario é a intervención directa das masas nos acontecementos históricos.

O triunfo dun goberno progresista pode constituírse nun elemento catalizador para motivar ás masas a que se organicen e loiten pola revolución.

De igual xeito é importante o liderado que neste proceso asuma Correa.

Rafael Correa é un líder novo, carismático que non tivo medo de enfrontarse ás elites políticas, ás mafias da oligarquía explotadora, así como aos proxectos de dominación do imperialismo ianqui, o que permite percibir como unha posibilidade a radicalización dos seus posicionamentos políticos.

As masas deberán contar así mesmo cunha dirixencia política consecuente que saiba aplicar as tácticas necesarias nos momentos e nas circunstancias precisas, para así lograr a realización dos obxectivos estratéxicos.

Os traballadores e labregos necesitan fortalecer as súas propias organizacións e dotalas dun programa revolucionario socialista. A experiencia da última década en Ecuador mostra claramente que non basta con tumbar un goberno ou outro, senón que é necesario unha transformación socialista da sociedade, e iso só se pode conseguir mediante a acción consciente das masas.

Co triunfo de Álvaro Noboa, o proxecto para construír un modelo económico e político diferente verase frustrado de momento. A oligarquía poderá levar adiante os seus plans con relativa facilidade.

O Congreso Nacional está baixo control do PRIAN e do Partido Sociedade Patriótica (PSP) do ex presidente Lucio Gutiérrez. A estes dous partidos sumaríanse os deputados do PSC, do PRE e da UDC (Unión Demócrata Cristiá), o cal lle permitiría a Noboa cumprir sen maiores obstáculos o proxecto político e económico que se trazou. A Función Xudicial, o Tribunal Constitucional, a Contraloría , o Tribunal Supremo Electoral e demais organismos do Estado continuarían baixo o control da partidocracia. A esquerda terá moi pouco marxe de acción dentro do parlamento e da orde institucional capitalista.

Noboa designará para a cúpula militar e policial aos oficiais máis reaccionarios, os mesmos que terán como misión deter calquera mobilización popular en contra do réxime. Os aparellos de intelixencia ecuatorianos traballarán en conxunto co espionaxe estadounidense, principalmente para infiltrar, perseguir e golpear ás organizacións de masas.

Ante a posibilidade de que isto suceda se Noboa gaña as eleccións o vindeiro 26 de novembro de 2006, o Militante-Ecuador expresa o seu apoio crítico á candidatura de Rafael Correa e fai un chamado para que todas as persoas que depositen o seu voto polo candidato de Alianza País estean vixiantes en cada recinto, en cada xunta electoral para evitar que se leve a cabo unha fraude electoral.

Só coa movilización e organización revolucionaria do pobo se poderá impedir que a oligarquía gañe as eleccións.•

 
< Ant.   Seg. >