A súa amada Europa social
Ramón Núñez Piñán   
Martes, 21 de Novembro do 2006

[Rebelión. Traducido por altermundo.org]

Para se opor á construción da Unión Europea e á existencia dunha moeda única poden chegar argumentos tan de peso como que calquera autoridade e a propiedade privada, son malas. Pero aínda se pode ir máis aló. A medida que se delega pérdese en democracia. Se a unha persoa a goberna o seu veciño, poderá controlalo mellor que se a autoridade vén dunha cidade que está noutro país, de xente que nin sequera fala o seu idioma e con quen non ten nada que ver. Os partidos da esquerda europea non paran de repetir a necesidade de facer da Unión Europea unha especie de alternativa ao capitalismo voraz de Estados Unidos. Partidos como Esquerda Unida, e os sindicatos do sistema, como CCOO e UXT, repiten ata a saciedade que a Unión Europea vai permitir unha mellora nas condicións laborais, nas lexislacións medioambientais, na participación cidadá, etcétera. Pois nada máis lonxe da realidade. A tan aclamada Europa social é un conto chinés. É imposíbel construír un modelo democrático e igualitario sobre os cimentos do capitalismo e delegando en organizacións supranacionais.

Como exemplo desa contradición (modelo social con integración europea) poñamos a perda de autonomía na política monetaria de cada estado membro. Antes da integración europea, os estados podían, en caso de recesión económica, devaluar a súa moeda para poder absorber os efectos negativos da recesión (desemprego). Unha vez que o control do tipo de cambio o ten o Banco Central Europeo, os estados perden ese instrumento da política monetaria. Con todo, as recesións, os shocks de demanda, aínda se poden dar de maneira asimétrica nunha determinada rexión de Europa (por exemplo a Península Ibérica) mentres o resto goza dunha situación económica favorábel. Neste caso, o BCE non pode devaluar o euro para favorecer a unha soa rexión. Se as persoas tivesen unha movilidade absoluta, é dicir, se non nos importara viaxar de Porto a Múnic deixándoo todo para conseguir un traballo, e enriba as fábricas se contruíran nun vira vira, a situación melloraría, sen necesidade de reducir os xornais. Nese caso os traballadores portugueses irían a Alemaña traballar, se non no seu, en calquera outro traballo, pois niso consiste a perfecta movilidade do factor traballo polo que tanto devecen os capitalistas. Con todo, iso non acontece, e esperemos que non aconteza nunca, pois suporía o seu éxito e, moi probabelmente a perda de sentimentos tales como o apego ao idioma propio, á rexión de orixe, aos seres queridos, etcétera. Como apuntei antes, iso evitaría ter que reducir os salarios para absorber a recesión económica. Agora ben, ao non haber perfecta movilidade de factores de produción, os salarios débense reducir dalgún xeito. Aínda existe unha certa resistencia, e para iso está a chave máxica da economía política europea: as reformas do mercado laboral. Estas reformas, ou contrarreformas, baséanse na liberalización do mercado de traballo, e na flexibilización dos salarios e os contratos laborais. Consisten en facer máis baratos os despedimentos, máis posíbel o minguar de xornais, e reducións das axudas por desemprego. Remátase así cos amolantes prezos ríxidos que impedían completar o paraíso capitalista. Acábase con eles grazas á benevolencia dos sindicatos institucionais e tamén á propia desaparición da clásica clase obreira, agora esnaquizada e alienada, sen rumbo e créndose, como baixo o efecto dunha droga alucinóxena, clase consumidora.

Así pois, é a propia pertenza á Unión Europea e á moeda única a que provoca estas contrarreformas laborais que se dan en cada país, que preparan o terreo para a nova economía, de xeito sixiloso para non dar demasiado medo e así ser aceptadas.

Os partidos da esquerda europea e os seus sindicatos domesticados sábeno. Mentres falan de clase obreira e se lles enche a boca coa palabra “social” teñen detrás aos seus amos marcándolles o compás, deixándolles ben claro que hai un límite na crítica, e que nin sequera se pode deixar entrever que o fallo é o sistema en si. Que non volvan cos seus contos e as súas manifestacións domesticadas por unha Europa social, cando saben perfectamente que é imposíbel, cando saben que estas reformas son necesarias para o desenvolvemento da Unión Europea como tal. É o capitalismo global o que esixe esas reformas, e non vale de nada rogar por dereitos dos traballadores se logo se acepta a Constitución Europea, a entrada no euro e a pertenza á Unión Europea.•

 
< Ant.   Seg. >