Novas e vellas fórmulas políticas (II)
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 20 de Novembro do 2006

[Galicia Hoxe ]

Pasado ben tempo -hai agora cen anos case esactos- Murguía escribiría: "Cuando abrí mis ojos a la inteligencia, no solamente llevaba Galicia, sangrientas y a la vista, las heridas que un inícuo desprecio había abierto en su costado, sino que en tristísima tarde presencié la derrota de los que se decían sus defensores" -refírese aos combates das forzas de Solís contra o exército do Estado nas rúas de Compostela na rebelión do 1846. E prosegue: "No se habían hecho aún los últimos disparos, cuando ya sentí que en mi alma de niño se levantaba el sombrío despecho de los vencidos, y algo parecido al vago deseo de la rehabilitación y de la victoria. Al calor de los años crecieron las ansias de conseguirla. Fueron aquellos unos hermosos días, que tal vez no amanecerán de nuevo para ninguna de las almas enamoradas de Galicia: tantas eran las esperanzas concebidas, tanta la seguridad de que habían de realizarse".

Vai alá outro século e estamos aínda, xa tí ves, nunha reiterada volta a comezar: "un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus soños non se move". Eu -qué queres- sonche nacionalista e non simplesmente galeguista -ben sei que tí tamén. Funo, no corazón e na mente, dende ben novo, como tántos de nós. A nosa única patria era Galiza, como afirmara Bóveda no simulacro de xuizo que lle fixeran pra asasinalo legalmente -o "eternal fracaso da xusticia, e todo fica aberto", que dí o Ferrín. Para nós España, como contexto e como Historia envolvente e asolagante -o que quedara da España castiza de don Américo- era un pesadelo interminábel, o "corral nublado" que dixera Valle ou o Saturno devorando aos seus fillos de Goya. E o Estado español un mero artificio esmagador montado e utilizado, mutatis mutandis, pola aristocracia reaccionaria do antigo réxime enfeudada cos monarcas absolutos, a Eirexa integrista -lus de Trento e tebras da Inquisición-, os cumes das burguesías central e periféricas implicadas na formación do gran capital, o feixistas en fin, e quen pretendían -diciamolo así daquela- "guardiacivilizar" Europa. Para Galiza, convirtida en colonia intramuros, unha máquina, ás veces tosca e ruda, outras sofisticada e complexa, de alienación colectiva e espoliación.

É unha simplificación abusiva, xa o sei. E máis sei tamén que mudaron sensibelmente certas cousas. Sen irmos máis lonxe, é obvio que coas leis do silenzo de antonte non che podería dirixir hoxe eiquí esta carta -o propio orixinal do "Atraso", pesia os seus eufemismos, concesións no léxico e hipérboles espresivas, pasara seis meses na censura, e dende logo non podería levar daquela o limiar que leva agora. É un vello hábito, iste da propia represión, a autocensura e o recurso ao xogo semántico no límite até o umbral da distorsión, co que os galegos levamos séculos a convivir, forzados por unha dobre presión censora: a común ao feito sociocultural hispano e a específica do fenómeno colonial en Galiza. De aí vacilacións terminolóxicas ou deformacións semánticas como a que che sinalaba en Brañas, pero que son aínda máis nidias e constantes nos Precursores, e áchanse tamén despois, no mesmo Villar Ponte de Nuestra afirmación regional. Mais de aí tamén en boa medida o constante exercizo de aprendizaxe e profundización no ricaz potencial espresivo e semántico do noso idioma culto, proverbial na fala popular -fala, ao cabo, dun pobo oprimido, "fala proletaria do meu pobo" como dixera o Celso Emilio.

E está ben, é un logro a defendermos, que esta situación mudara. Pra algo temos pluralismo parlamentario e institucións autonómicas. Pero tamén temos -groriosa herdanza arrequecida- paro, recaída no subdesenrolo máis depresión, retorno de emigrantes -e non precisamente aquil que nós reivindicabamos nos tempos da enxurrada emigratoria e das bases constitucionais- crise de sectores montados no ár coa euforia do "desarrollismo" sen norde, reforma fiscal abortada, sindicatos amarelecidos, virreinatos, e tensións involucionistas que é como cortésmente se denomina agora ao avesío e sinistro fascismo de sempre.

Con todo -insisto- o problema de fondo segue a ser o mesmo. Ou, como dis ti, persiste "a ruda adversidade urxente". Non hai, pois, razóns abondo para que eu pense e sinta hoxe doutro xeito. Máis ben todo o contrario. Poisque, o que sí, pasaron, ao meu ver, os tempos en que xa supuña moito definirse como galego consciente da identidade colectiva deste recanto fisterrán, tratar de esparexer polo país adiante esa toma de conciencia, e prestixiar semellante actitude e os valores nos que se fundamentaba perante os sectores influíntes da sociedade e as xentes e orgaizacións de ideario democrático no Estado e mesmo fora dil. Eses obxetivos conqueríranse xa de feito denantes do setenta e sete deica onde podían acadarse. E tanto ou máis pola presencia de forzas enxebres nidiamente nacionalistas na esquerda coma pola diplomacia, sen dúbida fecunda, do prestixio. En calquer caso, eran tempos en que o inimigo imediato estaba ben definido no réxime estabelecido, ser demócrata resultaba sinónimo de estar na oposición -e, se se actuaba como tal, na clandestinidade- e a asunción do galeguismo marcaba aínda unha fronteira. Ben diferente éche a cousa agora, en que galeguista éo oficialmente cáseque tododiós, abandeirado do autonomismo resulta sélo o propio goberno que "armoniza", e a dereita seudopopulista tenta erguer o estandarte do "regionalismo" mentras propugna a reforma do tíduo VIII da Constitución con saudades -se é que se lles pode atribuir capacidade pra este sentimento- da mera descentralización administrativa, e postula -ou ten postulado- o restabelecemento da pena de morte.

¿Cal é logo -pregúntome, querido Xan- a "deleznable ideología demagógica" da que se fala?. ¿A dos patriotas de diverso matiz que, con acertos ou con erros de máis ou menos bulto -"con razón ou sin ela", como dicía máis arriba o Murguía- loitan pola afirmación da identidade nacional de Galiza, como requisito esencial para que este pobo se enfrente ao seu destino con plena conciencia de sí mesmo, ou a do poder alleo que tenciona seguir a manter "domada e castrada", sexa pola brava, sexa solermiñamente á nosa xente? Para min non ten dúbida. Adóitase atribuir, mesmo en escrusiva, á esquerda, e eiquí aos nacionalistas, o exercizo da demagoxia. O diccionario define o siñificado da palabra demagoxia, como "actitude de aqueles que, por conquistaren o favor popular, non vacilan en facer promesas falsas e insostíbeis, en finxir a aprobación das opinións ou prexuizos en boga". Eu acuso serenamente a quen son soportes e portavoces no noso país dos intereses que predominan no aparello do Estado español, de faceren demagoxia en cuestións esenciais para o progreso e benestar do pobo galego, e máis para a solidaridade real e paritaria dos pobos da Penínsua.

Hai moito que facer. En rigor todo o labor esquematizaríase arredor duns poucos eixos de converxencia: a definición dunha estratexia certeira para o nacionalismo, a coordinación da esquerda para a defensa dunha transformación progresista profunda da nosa sociedade, e a solidaridade plena na angueira da descolonización cultural do país. Se cadra é soñar, xa o sei. Se cadra é mesmamente voltar aos plantexamentos que algúns defendíamos hai varios anos, e que non fomos quen de facéremos trunfar. Mais os feitos demostran que tiñamos razón ao plantexar as cousas dese xeito. Unha combinación complexa e nada doada de reciedume, lucidez e ductilidade, de entusiasmo, tenacidade e acougo, de ambición e xenerosidade, de firmeza política e axilidade diplomática. E unha erradicación decidida das custións persoais que tanto levan envelenado -e seguen a envelenar- os ensaios de labor colectivo. Somentes así cabe tirar do medio do trebón cara o seu norde esta "nao senlleira" que o segue a ser deica agora. Somentes así sairemos deste peculiar e dislatado terceiro mundo e retornaremos ao fogar comunal da Europa na que temos as nosas raiceiras e no que se ha xogar o futuro da eclosión anovada da nosa realidade.

Porque se estamos nun a xeito de "terceiro mundo", iso non quere dicir que o fóramos de raiz. Non se trata, para escomenzar, dunha noción a-histórica nin tampouco dun estadio polo que teñan pasado as sociedades avanzadas dos nosos días. Non é unha noción a-histórica porque se trata dunha estrutura incardinada no acontecer histórico dos nosos tempos, e máis porque foi a corrente da Historia que se nos impuxo a que nos trouxo a esta poza. E non ser un estadio polo que teñan pasado tódalas sociedades avanzadas dos nosos días siñifica que se trata dunha situación específica que a dinámica das relacións dominantes tende a consolidar, mesmo disfrazada e encuberta -e velaí por qué, no caso de Galiza, haxa unha concatenación lóxica soterrada antre nacionalismo e progresismo, que compre, iso sí, tirar a plena luz para facéremos trunfar, tamén neste terreo, o "logos" sobor do "mythos", o pulo abesullador sobor das tebras oscurantistas, a lúcida determinación sobor do sectarismo, o entusiasmo consciente sobor da fascinación alienadora, a capacidade de futuro sobor do etorno retorno.

Compriría de novo ter ideas craras, e, sobor de todo, folgos pra replantexar tántas cousas e relanzar a este país á percura activa da sua identidade. Sen saudades do que puido ser e non foi, senón con arelas anovadas do que pode e debe aínda ser. E cando escribo "este país" penso, outravolta, nas xentes traballadoras -artesáns, obreiros, empregados, labregos e mariñeiros- xunguidos aos intelectuais e artistas e máis tamén a un sector da pequena e media burguesía. ¿Populismo? Certamente non; conxunción das crases que máis padecen, combinadamente, a esplotación económica e a alienación sociocultural, e compromiso solidario de quen teñen como misión específica o pensamento e a creación. ¿Verdade que semella haber tempo xa que non se din así cousas destas? Pois non será por careceren de vixencia, nestas horas de rebrote das forzas centrípetas no Estado, de subrepticia volta a un neopositivismo larvado no eido das ciencias sociais, e de descarado pragmatismo na política. Ou seña, noutras verbas -e salvo excepcións patentes- de desfeita das utopías e abandono dos idearios a cámbio dunha cunca de ervillas.

Está ben -mesmo moi ben- abordar, poñamos por caso, a elaboración de trebellos de análise cuantitativo da economía galega. Mais outra cousa é coidar que con eses instrumentos penetramos, linterna en man, nos problemas "de fondo" da nosa realidade socioeconómica. E moi distinto aínda, en fin, supoñer que se vai poder empregar eses trebellos na posta en prática dunha política económica cuxos resortes de poder fican ben lonxe -e noutros roteiros- do ámbito e atribucións dunha autonomía formal e recortada. Unha política de desenrolo ten de ser unha política de esquerdas, rara vez coincidente coa estratexia dos intereses dominantes sobor dun país coma o noso. E iso compre dicilo inda que non produza resultados imediatos sobor do curso dos acontecementos. O grave é que algúns que terían autoridade pra dicilo non o din. Se así resultara, o de menos sería que o atraso fora un feito incustionábelmente aseverábel, ou que a doenza consistise nun desartellamento interno da estrutura económica ou nun crecemento dependente. Eu non lle teño tanta lei aos modelos, e dende logo detesto os dogmas. O que importa é saíremos das rodeiras nas que nos meteron.

Xa ti ves. Eu de sempre tan cartesián na miña maneira de producirme, con ese "coidado permanente pola forma literaria que -según tí- é con frecuencia máis que veículo case fórmula", escríboche agora premiosa e trambilicadamente, nun fervedoiro de ideas e vivencias difícilmente comunicabeis. Ao cabo non sei se o caso segue a estar, hoxe, "na ruda adversidade urxente". Mais o que si sei é que che digo e che pregunto, para rematar fundido nesta aperta fonda e solidaria, co Ferrín e o Salvador: "Era unha vez Galicia, espranza angosta". "Galicia verdadeira, ¿cando?". Que as sombras benfeitoras de Castelao e Bóveda e Quintanilla e Casal e Camilo, e tamén os outros, e os mestres na sua derradeira e perene leición, permanezan "ao pé dos teus cabezales".•


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >