| O peche da vida |
| Manoel Santos | |
| Sábado, 18 de Novembro do 2006 | |
|
[Galicia Hoxe. Versión en español en Rebelión] Non hai moitos anos que na miña aldea, como nas de arredor, as portas das casas ficaban abertas -a vagaván ou un chisco entornadas- o día enteiro. Por elas asomaban veciños, peixeiras, afiadores, leiteiras e todos aqueles cos que tiñamos ligazón na vida cotiá. Dependendo da confianza uns cruzaban o limiar sen preguntar e outros arrimaban a cabeza e chamaban polos de dentro. Cun simple "Ei!" ou un "Hai alguén?" abondaba. O piche aínda non asolagara as corredoiras, e cada casa evitaba o po cementando un anaco de terra diante da fachada, que servía tamén para pasar os intres de lecer parolando cos veciños, sentados ao sol neses talleiros de pedra que todas as casas tiñan aos lados da porta, apéndices da construción e das relacións humanas. A esa especie de eira social, ás veces valado formando o curral, chamábanlle rambla, e levaba o apelido dos da casa: a rambla de tía Pepa, a rambla do Armental? Dalgún xeito a rúa formaba parte da vida das casas. Non sei cando nin por que, pero co tempo todos fomos pechando as portas. Primeiro entornámolas de máis, logo arrimámolas de todo e por fin fechámolas. As ramblas e os talleiros esvaecéronse ao tempo que o progreso trouxo sumidoiros, beirarrúas e asfalto. Primeiro vendéronnos hixiene, logo orde e para rematar, medo. E así, cadaquén ao seu xeito, por mor do medo todos botamos o pecho, deixamos de falar entre nós, individualizamos a nosa existencia, cultivamos o egoísmo, e da sociedade que fomos só quedou o nome, pois deixamos de ver os nosos veciños como socios das nosas vidas. O dito peche vital espallouse non sei como polo mundo enteiro, e do encerro intraveciñal pasamos ao encerro intraplanetario, a proxectar muros por todas as partes, sen saber moi ben se valen para engaiolarnos a nós ou aos de fóra. A idolatrada caída do muro de Berlín non foi máis que o preludio dunha construción maior, a do muro do neoliberalismo e do medo, que nos fai ver os nosos veciños de planeta como inimigos. Pregúntome se eses muros que os autoproclamados donos da orde mundial levantaron, levantan e queren levantar -747 km entre Israel e Palestina; 814 entre Arabia Saudita e Iraq; 1.100 entre EUA e México; 2.720 entre Marrocos e o Sáhara?- non serán a obra cume dos que un día decidiron dominar o mundo sementando o medo, dos miserábeis que nos obrigaron a pechar as portas.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

