Misterio: Por que a riqueza crea pobreza no mundo
Michael Parenti   
Mércores, 15 de Novembro do 2006

[Znet]

Hai un "misterio" que debemos explicar: Como é posíbel que se as corporacións realizaron investimentos, e a axuda estranxeira e os préstamos internacionais aos países pobres medraron de xeito extraordinario por todo o mundo na última metade do século, tamén o fixo a pobreza? O número de persoas vivindo na pobreza está crecendo nunha porcentaxe máis rápida que a poboación mundial. Que conclusión podemos sacar de todo isto?

Na última metade do século, as industrias e os bancos de Estados Unidos (e outras corporacións occidentais) investiron grandes cantidades nas rexións pobres de Asia, África e América Latina, coñecidas como "o terceiro mundo". As transnacionais están unidas polos ricos recursos naturais, as altas ganancias que veñen de salarios baixos e a case total ausencia de impostos, regulacións medioambientais e gastos para a seguridade no traballo.

O goberno de Estados Unidos subvencionou esta fuxida de capitais outorgando ás corporacións exencións nos impostos sobre os seus investimentos no estranxeiro e até pagando algúns dos seus gastos de reemprazamento, para indignación dos sindicatos aquí en casa que ven evaporarse os seus traballos.

As transnacionais botaron do terceiro mundo aos negocios locais e controlaron os seus mercados. O cartel estadounidense do comercio agrario, subsidiado de xeito extraordinario polos contribuíntes, envía os seus produtos excedentes a outros países a baixo prezo e afunde aos agricultores locais. Como Christopher Cook describe no seu "Dieta para un planeta morto", expropian as mellores terras nestes países para colleitas por diñeiro (cash-crop) para a exportación, normalmente de monocultivos que requiren gran cantidade de pesticidas, deixando cada vez menos acres para o cultivo dos centenares de variedades de colleitas orgánicas que alimentan á poboación local.

Desprazando á poboación local das súas terras e roubándolles a súa autosuficiencia, as corporacións crean uns mercados laborais superpoboados de xente desesperada aos que se lles forza a vivir en barrios de chabolas e a traballar por un xornal miserábel (cando poden conseguir traballo), a miúdo violando as propias leis do país sobre salarios mínimos.

En Haití, por exemplo, corporacións xigantes como Disney, Wal-Mart e J. C. Penny pagan aos seus traballadores 11 centavos por hora. Os Estados Unidos é un dos poucos países que se negou a asinar unha convención internacional para a abolición do traballo infantil e forzado. Este posicionamento derívase das prácticas das grandes corporacións estadounidenses respecto do traballo infantil ao longo e ancho do Terceiro Mundo, e ata no seo dos propios Estados Unidos, onde pícaros de só 12 anos sofren unha alta proporción de accidentes e falecementos mentres que reciben un salario moi a miúdo inferior ao mínimo.

Os aforros que os grandes negocios obteñen dunha man de obra barata no estranxeiro non se traducen en prezos máis baixos para os consumidores doutros sitios. As corporacións non contratan man de obra en rexións afastadas para que os consumidores en Estados Unidos poidan aforrar diñeiro. Contrátanos para incrementar a súa marxe de beneficios. En 1990, os zapatos que facían en Indonesia cativos que traballaban doce horas ao día por 13 centavos á hora, custaban só dous dólares sesenta centavos pero vendíanse en Estados Unidos por cen dólares ou máis.

A axuda exterior dos Estados Unidos vai unida ao investimento transnacional. Subvenciona a construción das infraestruturas que necesitan as corporacións no Terceiro Mundo: portos, autoestradas e refinarías.

A axuda que se entrega aos gobernos do Terceiro Mundo vén con moitas ligaduras. A miúdo débese gastar en produtos estadounidenses e á nación que a recibe esíxeselle dar preferencia aos investimentos de compañías dos Estados Unidos, substituíndo o consumo de mercadorías e alimentos locais en favor dos importados, creando máis dependencia, fame grande e débeda.

Unha boa porción da axuda monetaria, nunca ve a luz pública, indo directamente ás arcas persoais dos funcionarios corruptos dos países que a reciben.

Axuda (ou algo parecido) chega tamén doutras fontes. En 1944, as Nacións Unidas crearon o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional (FMI). O poder de voto nas dúas organizacións está determinado polas contribucións financeiras de cada país. Estados Unidos, en tanto que é o maior "donante", ten a voz cantante, seguido de Alemaña, Xapón, Francia e Gran Bretaña. O FMI opera en segredo cun selecto grupo de banqueiros e funcionarios dos ministerios de economía seleccionados, na súa meirande parte, nas nacións máis ricas.

Suponse que o Banco Mundial e o FMI axudan ao desenvolvemento das nacións. O que realmente pasa é outra historia. Un país pobre pide un préstamo do Banco Mundial para mellorar algúns aspectos da súa economía. Se non fose quen de pagar os grandes intereses debido a un descenso das vendas de exportación ou por calquera outro motivo, verase obrigado a pedir prestado de novo, pero esta vez do Fondo Monetario Internacional.

Pero o FMI impón un "Programa de axustamento estrutural" (SAP, polas súas siglas en inglés) que require que os países debedores outorguen beneficios fiscais ás corporacións transnacionais, reduzan salarios e non fagan ningún intento por protexer ás compañías locais dos importadores estranxeiros e das adquisicións estranxeiras. Presiona ás nacións debedoras para que privaticen as súas economías, vendendo a compañías privadas e a prezos escandalosamente baixos as súas minas, camiños de ferro e servizos públicos pertencentes ao estado.

Vense forzados a abrir as súas fragas á corta e as súas terras para minas ao descuberto sen ningunha consideración polo dano ecolóxico causado. As nacións debedoras tamén deben recortar as súas subvencións á saúde, a educación, o transporte e os alimentos básicos, gastando menos na súa poboación para ter máis diñeiro e poder facer fronte aos pagamentos da débeda. Como se lles require para desenvolver unha agricultura orientada á exportación, vense cada vez menos capacitados para alimentar á súa propia poboación.

Esta é a razón pola que por todo o terceiro mundo os salarios reais diminuíron e a débeda nacional creceu ata un punto en que os pagamentos da débeda absorben case todas as ganancias das exportacións dos países máis pobres, o que crea un maior empobrecemiento ao deixar ao país debedor menos capacitado para prover á poboación das súas necesidades.

Polo tanto, así explicamos un "misterio". Por suposto ese misterio non existe se non te adhires á mistificadora teoría do "pingar" [teoría liberal en función da que a acumulación de riqueza nas capas altas da pirámide de poboación acaba provocando un "pingar" de riqueza cara ás capas inferiores. A imaxe típica é a da pirámide de copas na que, tras encherse a superior, rebosa e vai enchendo as inferiores. N.d T.]. Por que aumentou a pobreza mentres que as axudas estranxeiras, empréstitos e investimentos medraron? Resposta: Os préstamos, investimentos e a maioría das axudas están deseñadas non para loitar contra a pobreza senón para aumentar a riqueza dos inversores transnacionais a expensas da poboación local.

Non hai un pingar, senón un sifón ascendente desde a maioría que traballa duro cara á minoría de adiñeirados.

Na súa perpetua confusión, algúns críticos liberais conclúen que a axuda exterior e os axustamentos estructurais do FMI e do Banco Mundial "non funcionan"; o resultado final é menos autosuficiencia e máis pobreza para as nacións que os reciben, sinalan estes críticos. Por que entón os estados membros ricos seguen a financiar ao FMI e ao Banco Mundial? Son os seus líderes menos intelixentes que os críticos que lles continúan sinalando que a súa política está producindo o efecto contrario?

Non, son os críticos os que son estupidos e non os líderes e os inversores occidentais, que posúen tanto deste mundo e gozan de tan inmensa riqueza e o seu éxito. Continúan cos seus programas de préstamos e axuda estranxeira porque estes programas funcionan. A pregunta é, funcionan para quen? Ciu bono?


As intencións detrás dos seus programas de investimentos, préstamos e axudas non son mellorar ás masas noutros países. Isto non é verdadeiramente o negocio no que están. O propósito é servir aos intereses do amoreamento global de capital, apropiarse das terras e as economías locais da xente do Terceiro Mundo, monopolizar os seus mercados, diminuír os seus xornais, escravizar o seu traballo con débedas enormes, privatizar o seu sector de servizos públicos e impedir que estas nacións emerxan como competidores comerciais non permitindo que se desenvolvan normalmente.

Con respecto a isto, os investimentos, a axuda estranxeira e os axustamentos estruturais funcionan realmente ben.

O verdadeiro misterio é: Por que algunhas persoas cren que esta análise é moi improbábel, unha conspiración inventada? Por que son tan escépticos en crer que os gobernantes dos Estados Unidos, con coñecemento e deliberadamente, exercen esta política despiadada (suprimir xornais, derogar a protección ambiental, eliminar o sector publico, cortar servizos humanos) no Terceiro Mundo? Estes gobernantes están facendo exactamente a mesma política aquí no noso propio país!

Non cren que chegou a hora de que estes críticos liberais deixen de pensar que a xente que posúe gran parte do mundo (e o quererían posuír todo) son "incompetentes" ou "desacertados" ou que "non ven as consecuencias non intencionadas da súa política"? Non estás sendo moi intelixente se pensas que os teus inimigos non son tan listos como ti. Eles saben onde están os seus intereses e tamén nós debemos sabelo.

Os libros mais recentes de Michael Parenti inclúen: O asasinato de Xulio Cesar (New Press), Superpatriotismo (City Lights), A cultura da loita (Seven Stories Press). Para máis información visite: www.michaelparenti.org


* Título orixinal: Mystery: How Wealth Creates Poverty in the World
* Autor: Michael Parenti
* Orixe: Znet Sustainers September 28, 2006
* Traducido por Esther Carrera e revisado por Fernando Soler
* Traducido ao galego por altermundo.org a partir do texto de Rebelión
 
< Ant.   Seg. >