| China: eleccións? |
| Xulio Ríos | |
| Luns, 13 de Novembro do 2006 | |
|
[Revista Capital. Tirado do Igadi. Traducido por altermundo.org] Mentres os demócratas en EEUU empezaban a saborear o seu triunfo, alén do Pacífico, na China, dispoñíase a infraestrutura imprescindíbel para que a poboación puidese exercer o seu dereito de sufraxio nas eleccións directas a representantes distritais e de cantóns: unha solitaria urna opaca e engalanada de vermello no centro, unha mesa de administración onde intercambiar a credencial de votación pola papeleta, outra mesa para os informadores, algúns modestos paneis informativos dando conta dos candidatos... A afluencia de votantes, sen colas, garántese, sobre todo, pola instalación das urnas nos centros de traballo onde os empregados son invitados a votar polos candidatos presentados, sempre algún máis que os deputados a elixir e con presenza de “independentes”. Quen se presentan? Poucos lles coñecen. Ninguén puido decatarse das súas propostas, das súas ideas ou ideais porque a campaña política sinxelamente non existiu. Pero unha das razóns que xustifica que as eleccións a maior nivel non sexan directas é precisamente esa: o distanciamento entre electores e elexíbeis que se supera a nivel de distrito cara abaixo cun contacto máis directo dos candidatos coa poboación. Un conto. E ao día seguinte da votación, ninguén pregunta tampouco quen gañou ou cal foi o índice de participación. Nos medios apenas é noticia. E chama a atención que un membro do Comité Permanente do Buró Político que se acha no ollo do furacán desatado por Hu contra a corrupción, Huang Ju, quen non puido presentarse no seu colexio electoral, segundo a axencia de noticias Xinhua, “encargou a un asistente que votara por el”. Para complementar a lectura, outro signo relevante: a nova aparición de Jiang Zemin, ex secretario xeral do PCCh, votando no mesmo colexio que Hu Jintao, imaxe se cadra dirixida a escenificar a unidade do Partido e a demostrar que a campaña anticorrupción, contrariamente ao asegurado polas malas linguas, non vai dirixida a desmontar o clan de Jiang Zemin e os seus correlixionarios. Estes comicios celébranse cada cinco anos e son a base da renovación das asembleas populares a todos os niveis que debe culminar en 2008 co inicio dunha nova lexislatura. A partir de aquí, todos os procesos electorais son indirectos (municipal, provincial, estatal) até chegar á Asemblea Popular Nacional. E así se constitúe o poder lexislativo, máxima expresión da soberanía popular. Cunha formulación de tal natureza é doado convir que o exercicio democrático na China, sen entrar en discusións de meirande calado sobre o pluralismo, a alternancia e demais pormenores, é moi débil, formal até o extremo e carente de substancia. Nunha xornada así, o protagonismo democrático debe ser exercido pola sociedade. Pero o único protagonista de verdade parece ser a indiferenza. No medio rural, onde aínda reside aproximadamente o 70% da poboación chinesa, o formato é un chisco distinto en virtude dalgúns aditivos específicos. Ese “pasotismo” da sociedade chinesa está máis ausente nas eleccións aos comités de aldeáns que se celebran cada tres anos. Os campesiños teñen máis posibilidades de coñecer aos candidatos, o contacto é máis estreito e directo, e iso deparou máis dun desgusto ás previsións oficiais. Sen dúbida, o erario público chinés, rebosante de divisas, aforra moitos cartos cun exercicio tan sobrio da arte de votar, pero a intranscendencia social deste desempeño debería animar á reflexión a quen aspiran a que a participación da cidadanía na política, sexa cal for o sistema, non se traduza nun ritual deprimente (xa sexa en EEUU ou na China) senón nun exercicio vivo de responsabilidade e compromiso co futuro dunha sociedade.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

