Novas e vellas fórmulas políticas (I)
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 12 de Novembro do 2006

[Galicia Hoxe

Ando estes días a matinar na reforma constitucional interna que arestora se pretende acometer no nacionalismo galego organizado. Ando tamén a cismar un chisco arredor das gabanzas e mensaxes de alento que dirixen aos protagonistas dese intento portavoces variados dos diversos segmentos da "elite do poder" indíxena -por emprestarlle a Wright-Mills a expresión que carimbara hai meio século para a metrópolis do imperio que inda dura. E por máis voltas que lle dou ao veo, non acerto a dar co fundamento da "modernización" que albiscan iles nos resultados dese empeño. Vellas e novas fórmulas: ¿a respeito de cál modelo?; ¿para cál realidade?; ¿en cál contexto?; ¿a prol de cál proxecto e cáles metas?; ¿ao servizo de cáles clases ou grupos sociais?; ¿coa óptica do común ou das elites do poder?

Leo e releo documentos, debates e ensaios alleos -algúns memorábeis, que marcan fitos na era moderna do pensamento político. Remexo en papeis da intrahistoria comunal propria. Remonto na memoria do último cuarto de século, á desembocadura da primeira transición política -agora que deberamos estar na segunda e mais non o estamos, nen semella que queiramos entrar nela. E pego no primeiro texto que eu escribira e publicara após a miña particular tempada no inferno. Situémonos. Vai para un ano do 23-F do 81. Ven de constituirse, meiante eleicións lexislativas, o primeiro Parlamento autónomo da Galiza. Acadou maioría a "franquicia" galega da dereita española, con AP e UCD. O nacionalismo, fragmentado, gañou só catro escanos na aza esquerda dos setenta e un existentes daquela. Inda non se abríu o proceso que conducirá á criación do BNG no outono seguinte, no que vou participar e integrarme. O meu escrito é unha carta aberta a Xan López Facal, dirixente da EG que me convidou ao acto inaugural parlamentar. E asistin, con Paco del Riego e Heribert Barrera, de ERC, daquela President do Parlament de Catalunya. Vóuvola transcribir, con lenes retoques epidérmicos.

Benquerido Xan: Lin o teu agarimoso comento encol da "segunda saída" -como tí dis- de O atraso económico de Galicia. Lino coa humildade e a timidez que deitan no pouso da conciencia certos trances existenciais decote absurdos -son se cadra o absurdo mesmo feito home- que non desexo ao meu pior inimigo. Líno tamén con rubor: son xa varios co teu, e en poucos días, os comentos que atribúen a ese meu libro unha relevancia que eu estaba ben lonxe de conferirlle. Comento e xuizo, para máis, nesta ocasión, dun vello compañeiro de resistencia -nada heróica no meu caso, non así noutros moitos- na erma noite pecha imposta por un xeneral de ollos moles e voz afrautada finalmente sepultado. Adiviño entremedias das ringlas de ideas do teu escrito un desacougo acumulativamente represado no teu peito e unha ascendente carraxe galanamente -mais ao cabo inútilmente- combatida coa ironía ao longo destes derradeiros anos de sistemática, civilizada e tartufa agresión contra a grande espranza que nos alumeara daquela.

Quero dicirche que ao longo destes tempos -un tempo que para min tornárase simplesmente cósmico e valeiro de calquer outro contido e dimensión- reneguei arreo do "Atraso". Cada vez que tomaba nas mans o libro para tratar de relélo -xa non digo reelaboralo- guindábao lonxe de mín, nun estoupido frenético e adoecido desa tensión de revolta interior teimosa e incesante contra o estado de cousas no meu país na que vivira -e vivíramos- dende case a nenez, e que traducira, revirada, en agresión implacábel contra min mesmo dende un día en que, paradóxica e sarcásticamente, mentras no Estado español encetábase un proceso de formalización constitucional dun marco democrático consensuado, neste noso país tronchábanse as tenras ponlas verdes de radicais alternativas imediatas veementemente presentidas e degoradas. Siñificaba dalgún xeito un paso cara diante nunha formalización parlamentar, mais para a "Galiza ceibe e socialista" dos nosos soños e os nosos cegos amores -tal vez incestuosos- supuña cando menos un aprazamento sine die do futuro tántas veces xa demorado, e para algúns en singular a caída nun illó no que te afundes máis canto máis loitas por saír, a vertixe da contemplación en solitario do "fondo sin fondo do meu pensamento" -pecado, iste sí, tan galego por certo.

Na monumental ceremonia da confusión dos nosos días no noso país -na que participan dende colonizadores de toda a vida a políticos galegos de vran, políticos madrileños oriundos do noroeste e incruso algúns compatriotas entrañábeis- xa ben pouco se comprende, por máis que entender se entenda: todo en aras da sensatez -que non custiono, simplesmente eu non son sensato. Mais cando leo cómo se anda a facer língoas do recital de bó sentido dado polos galegos ante todo o Estado nas recentes eleicións ao parlamento autonómico, da leición de "sano regionalismo" -non sei se tamén "bien entendido"- que o comportamento eleitoral dos que votaron dereita seudopopulista supón, e da asisada moderación dos pioneiros dunha inexorábel maioría "natural" -¡se o Rousseau erguese a cabeza!- e demáis intelixentes andrómenas, pregúntome se polo visto "Galicia" dá exemplo cada vez que pon de manifesto a ónde pode chegar unha alienación que non é a dos individuos dunha crase esplotada sen conciencia de séreno, senón a dunhas xentes se cadra instruídas, pero desprovistas do pouso cultural e a conciencia política que identifican e dan persoalidade coerente a un pobo de seu -teña institucións soberáns proprias ou non. Pregúntome se van resucitar a Alfredo Brañas transmutado nalgo así como oráculo inaugural dun "regionalismo" que en modo algún era o dil.

Brañas, que en realidade foi o formulador dun rexionalismo que pouco tiña, en profundidade, de tal máis ca o nome, adoptado como alibi nun contexto histórico, existencial e sociopolítico moi peculiar: un "rexionalismo" de enxebre ascendencia nos Precursores no plano ideolóxico, de nidia vocación superadora do federalismo formal pimargalián no plano institucional, e de xurdio latexo nacionalista no plano emotivo e vivencial. O Brañas que escribía en castelán "El Regionalismo" puña o inequívoco Deus Fratresque Gallaeciae dos Irmandiños como lema do manifesto fundacional do partido Regionalista. E militaba nil á par do Murguía, que tamén en castelán escribira unha Historia de Galicia profunda e intencionadamente nacionalista: "Es en esta tierra bendecida -escribe Don Manuel (Murguía)- en donde por segunda vez se dá en Europa el ejemplo de una nacionalidad desconocida y negada, que queriendo rehabilitarse acude para ello al conocimiento de su pasado. (...) Con razón o sin ella, Galicia hoy, como ayer Bohemia, desea levantarse de su postración y recobrar su individualidad. Con razón o sin ella, me escoge entre todos, igual que aquélla a Palacky, y, como quien dice, por aclamación, pone en mis manos el honor de la patria. ¡Ah, el cielo es bien generoso con este hijo de la nada!". E engade: "No sólo el pasado nos pide el reconocimiento que le debemos: el mismo presente clama justicia contra los que no comprendiendo esta antigua verdad, "la historia es la maestra de los hombres", se arrogan el derecho de dirigir un pueblo que desconocen y al cual arrastran al abismo de sus irremediables desaciertos".

Os nosos clásicos vivían na fisterra de Europa, mais dende alí dexergaban con ollada lucidia a realidade interior e o seu entorno alén Pedrafita e os Pirineus. Brañas facía proselitismo político galego na conservadora e católica, e mesmo integrista, boa sociedade compostelán do seu tempo. En galego escribía a sua combativa obra poética, con aquil "casta dos celtas, érguete axiña..." e o seu brado dirixido aos labregos "¡Como en Irlanda!" -brado que se faría espresión coloquial popular no país, e brado inequívoco para quen non tencione iñorar o papel e siñificado de Irlanda na historia da resistencia das nacións asoballadas na Europa oucidental. A católica Irlanda, mais tamén a Irlanda que había ser ensoñación socialista nun James Connolly, inmolado polos ingleses mesmamente por iso. Ise era o rexionalista Alfredo Brañas, querido Xan -máis ti ben sabes todo isto. É que eu pregúntome finalmente agora, á vista de cousas destas e a volta de tanto renegar do meu propio libro, se "O atraso" está a fin de contas tan lonxe como eu dera en pensar.

A resultas da leitura dos vosos comentos boteime súpetamente a relér as vellas páxinas nun só lance. E á par de evidentes limitacións, follas murchas e carencias moi ben sinaladas por vós, coidei descubrir que o contido ideatorio do libro era máis denso e a sua urdime máis dialéctica do que pensara. Simplesmente "O atraso" responde a un desafío da nosa realidade, e a resposta que contén, con ser definida, é porén aberta, e mesmo por iso faime, outravolta, matinar. E matinar no marco da presente situación económica e política.

Deixemos de lado ortodoxias e escolásticas dun ou doutro signo, e non caiamos tampouco no fetichismo de certas palabras. Deamos por aceitado o feito do subdesenrolo da economía galega -como fenómeno social. Dualismo, dependencia, colonialismo (interior). O dualismo, como termo e como conceito "clásico" está hoxe superado ou incluso desbotado. E porén, unha realidade como a nosa manifesta unha "dualidade" específica que a simple teoría dos modos de produción non acerta a abranguer e espricar satisfactoriamente. Dualidade cuxos elementos son compartimentos interconectados dialécticamente, pro dun xeito estremadamente complexo e con síndromes de incomunicación e impermeabilidade recíprocas a diversos niveis. Velaí un problema aberto. Tocantes á dependencia, non ofrece dúbida que a economía galega é unha economía dependente, mais dun xeito moi distinto en que o eran -e ainda son- as economías que deron lugar á acuñación do termo e á definición do concepto. De feito, a formulación dos seus mecanismos esenciais e o deseño da sua fenomenoloxía característica condúcenos a recalar na problemática do colonialismo -"interior", como precisara eu, ou a secas. En calquer caso, e simplificando eiquí: a hexemonía dunha variábel esóxena sobor da dinámica interna, histórica e presente, da nosa realidade. Con todo o que isto supón, agravado polo feito de se tratar dun fenómeno que incide e actúa simultánea e combinadamente nos diversos planos da estrutura desa realidade, dende o físico, o demográfico e o económico, até o político, o cultural e o ideolóxico. E eiquí batemos, ao cabo, coas claves esenciais que compre elucidar para interpretáremos certeiramente a nosa patoloxía e actuáremos ou procedéremos en consecuencia. E no eido desas claves eu reafirmome na relevancia que seguen a ter, para a comprensión do presente -do "presente como historia"- o que eu denominei custionábelmente "unha frustración social prematura": os acontecementos do século XV como punto decisivo de inflexión dun longo proceso -e velaí unha das raiceiras antergas e profundas do meu nacionalismo, que non por iso olla cara atrás.

Non vou entrar agora no tema. Mais son abraiantes as resonancias imediatas que ten en fenómenos e acontecementos dos nosos días -non digamos xa do noso século. O seudoprogresismo da tese da "pacificación" de Galiza polos monarcas "católicos", por exemplo, co pretendido paso adiante que suporía o establecemento dun estado moderno. Unha vez máis somos vítimas do espellismo da "Historia que se nos obrigou a padecer", como teño dito. Pra nós aquilo o que siñificou foi que as contradicións internas da sociedade galega, que desembocarían tarde ou cedo -estaban a desembocar xa- nunha transición superadora do feudalismo, foron desprazadas da sua dinámica por unha relación de sumisión da nación galega ao Estado monárquico absoluto español. Hoxe -escuso sinalarche as obvias diferencias e distancias- está a acontecer algo semellante: refírome ao seudoprogresismo do consenso, as concertacións e as armonizacións, que non son -na nosa perspectiva- trunfos, senón frustracións e, nalgúns casos, claudicacións. Daquela con Acuñas, Chinchillas e Mudarras, Reais Audiencias do Reino de Galicia e demáis andrómenas. Hoxe con institucións domesticadas e controladas por -remítome a ti- "un galeguismo de acento madrileño, simple contrapunto do madrileñismo de acento galego", un mundo máis propio da Semancia do Taibo que dun estar "sempre en Galiza". No século XV, dos dous proxectos de novo Estado confrontados, frente á alternativa Galiza-Castela-Portugal na que o noso país atoparíase "centrado", saíu adiante a Castela-Aragón con Galiza sometida. "Pacificada": mais Roi Xordo e Lanzós, e tamén Pardo de Cela e Madruga e o mesmo Lemos -abaixo e arriba, respeitivamente, na estrutura de crases do pais- estaban derrotados e mortos ou confinados nun exilio interior, e con eles desfeita tanto a revolta das crases dominadas canto a rebeldía da nobreza resistente á castelanización -e iso viuno con lucidez Emilio González López. Conxelábase así unha dobre dinámica, vital para a causación endóxena do desenvolvemento cara o futuro da Galiza, que quedaría por moitos e moi decisivos séculos á marxe da Historia. •


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
Seg. >