Daniel Ortega: O home ó que devoraban as urnas
José Luís Losa   
Mércores, 08 de Novembro do 2006

[Tirado da contra de Galicia Hoxe]

O pesadelo de dona Violeta Daniel Ortega recórdao ben. Foi un día de inverno de 1990, cando todas as enquisas daban como folgado gañador o goberno sandinista fronte a aquela señora, a viúva Violeta Chamorro, apoiada pola CIA, por Bush pai. O pobo nicaraguano levaba unha década de bloqueo, de soportar como a contra, apoiada polo Pentágono, bombardeaba escolas, hospitais, colleitas, portos. O pobo nicaraguano levaba dez anos malvivindo nese acoso. Así que debeu de pensar que pagaba a pena votar co estómago, e non co corazón. Entregarse. E que o "inimigo americano" recuase no seu castigo. Equivocáronse. Déronlle o triunfo coaccionado a Chamorro (Castro aconselláralle a Ortega que non convocase eleccións nesa situación) e quedaron sen o sandinismo, que era alimento moral, e sen a comida que ía chover como café.

A piñata Coa derrota e o desaloxo, chegou o desconcerto. Algúns perderon os papeis e, antes de cederlles o poder ós que financiaba Wáshington, montaron a impresentable "piñata": o saqueo de fondos públicos, a repartición de riqueza. A Daniel Ortega, agora ás portas de volver ó goberno, ese fantasma perseguiuno durante anos. Pero parece que, se as urnas non desdín por enésima vez as enquisas, Nicaragua volverá ser sandinista. Aquel sandinismo ó que obrigou a humillarse Wojtyla, co sacerdote-ministro Cardenal de xeonllos, mentres o mesmo pontífice lle sorría a Pinochet. Aquela Nicaragua, Nicaragüita, de Carlos Mejía Godoy.

Sandinismo reciclado. Non, seguro que o novo sandinismo xa non nos ilusiona como daquela. Cando celebrabamos, bandeira vermella e negra e pano caqui, aquel ¡Sandino vive! dunha revolución democrática en América Central. Afogárona, sometérona. Pero inda que o de Ortega que volve sexa un sandinismo-terceira vía, parece que Managua recupera un aire de utopía, por encima das lacras do pasado. Ortega, o home tantas veces triunfador nas sondaxes e tumbado nas urnas, loita porque esta vez non lle rouben a carteira.•

 
< Ant.   Seg. >