Economía galega e autonomía política (e V)
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 05 de Novembro do 2006

Quinta e derradeira parte da Lección Maxistral de Xosé Manuel Beiras no acto académico de apertura do curso 2006-07 na Universidade de Santiago o 2 de outubro de 2006.

O ultraliberalismo globalizador operou unha profunda metamorfose na articulación e funcionalidade do Estado. Vexámolo. A mutación opérase, por unha banda, no artellamento e xerarquía entre as tres instancias do poder democrático e as súas respeitivas xurisdicións - lexislativo, executivo e xudicial. Mais tamén, por outra banda, na relación triangular antre poder social –ou, singularmente, poder económico– poder político e cidadanía. Deixarei á marxe das miñas consideracións a primeira desas duas metamorfoses operadas polo neoliberalismo –máis descaradas cando é "ultra". Só quero sinalar que esa deturpación do modelo de Estado - do liberal, paradóxicamente– adoita volverse máis ostensíbel en construcións políticas supra-estatais como a CEE-UE, onde o Parlamento en principio non lexislaba –facíano a Comisión e o Consello– e inda hoxe só "co-lexisla", estraño híbrido : eis o famoso "déficit democrático", tímidamente calificado así nos debates arredor dos sucesivos tratados da UE, dende o de Maastricht en diante, até o malchamado constitucional, averiado polos referendos francés e holandés. Fago esta paréntese pola relevancia que ten esta anomalía para a prática institucional do noso poder político autónomo. Nefeito : sendo o Estatuto unha lei orgánica do Estado, que desenvolve direitamente a Constitución, e atribuíndolle ao Parlamento galego competencia exclusiva para lexislar en determinadas materias, resulta que esa potestade pode ficar obstruída e anulada por unha simples directiva da UE na mesma materia, ou sexa, polo equivalente dunha simples orde ministerial, ou ao sumo dun decreto. Ten acontecido así en debates lexislativos na cámara galega nos tres últimos lustros, un diles moi sonado sobre unha proposición de lei de ordenación gandeira. Comprenderán vostedes a gravedade do problema : ¿a qué fica reducida así a capacidade de pór en prática unha política agraria "ad hoc" para os intereses do campesiñado galego?. E é só unha mostra.

Pero a segunda faciana da devandita metaformofose ten máis grave e direita repercusión aínda sobre a política económica. Trátase de que a mutación operada dá lugar a que o poder económico actue xa fóra do control do poder político, mercede á combinación de desregulación máis privatización xeralizadas, e portanto á marxe do control democrático da cidadanía. As consecuencias son múltiples. A máis medular e totalizadora consiste en que os cidadáns, no canto de poderen actuar como titulares que son da soberanía democrática, acaban reconvertidos en súbditos, controlados e dirixidos con métodos conductistas nas súas actitudes, percepcións e reaccións polo poder económico, maiormente a traveso do poder mediático. Cando os poderes económico e político sintonizan na mesma lonxitude de onda ideolóxica neo-liberal, a situación aproxímase á dun totalitarismo larvado ou disfrazado. Cando as respeitivas lonxitudes de onda non sintonizan –poñamos por caso, con gobernos socialdemócratas– a presión do poder económico sobre o político acrecéntase e pode chegar, e mesmo chega, á chantaxe e o boicot –agravados polo deterioro dos resortes convencionais do poder institucional do Estado denantes aludidos. Este fenómeno resulta singularmente letal para a acción institucional característica do Estado do benestar, como son as políticas orzamentaria, fiscal, monetaria, laboral, de rendas e de redistribución, servizos públios e sociais de cobertura universalizada, e así seguido –que entran literalmente en creba. Non é preciso que me extenda para que comprendades a gravedade do problema para economías e sociedades como a galega, e para a marxe de manobra e decisión en política económica e social dun poder simplesmente autónomo como o configurado nas actuais institucións de autogoberno galegas. Polo demáis, os efectos están á vista, dende o acontecido con sectores económicamente estratéxicos e socialmente vertebrais, até as posicións de cola nos rankings "rexionais", tanto peninsuares coma europeus, dos indicadores de servizos, equipamento e benestar sociais "stricto sensu".

Nesas mesmas claves reside tamén, en boa medida, a espricación dos efectos máis negativos para a economía galega da súa integración na UE, a traveso da adesión do Estado español á daquela CEE. Non estou a dicir que os efectos fosen todos negativos : hóuboos dos dous signos contrapostos. Si que estou a dicir, en troques, que a espricación dos problemas enxendrados por esa integración áchase primordialmente no nível da superestrutura xurídico-política, e non no da base ou estrutura económica mesma. Por unha banda, con ser a economía galega subdesenvolvida e periférica, as condicións e efectos desa súa integración terían sido diferentes se Galiza dispuxer dun aparello de Estado que lle permitise pactar as condicións de entrada direitamente ela mesma e nas coordenadas dos seus proprios intereses prioritarios. Por exemplo, centrándose na defensa dos seus sectores produtivos estratéxicos e do potencial das súas especializacións produtivas na DIT - para empezar, no espazo dese mercado común europeu - no canto de seren utilizados como moeda de cambio na negociación feita polo interlocutor interposto : pesca e complexo mar-industrial, construción naval, economía agraria de carácter atlántico e non mediterraneo, etc.

En troques, nas condicións pactadas polo Estado, a pesca galega, por exemplo, non entrou realmente no MCE : aplicóuselle un longo período de transición durante o cal o sector pesqueiro non se atopou en paridade de status e direitos cos dos outros países membros da CEE, cunhas cuotas de pesca en caladoiros comunitarios fixadas conforme ao "status quo" anterior ao ingreso de España. Ou millor diría que a pesca galega ingresou, si, na Comunidade, pero só para as duras, e non para as maduras. De non ingresarmos, estaríamos na ventaxosa posición pesqueira de Noruega, por caso. E a conserva tamén pasou pola sala de espera, sometida a outra fase transitoria na que o cupo de exportación ao mercado común era inferior ao concedido a Marrocos por un simples tratado comercial preferencial. Mais velaí : os produtos pesqueiros galegos, ao natural ou conservados, criábanlle á Comunidade un sensíbel problema para os seus excedentes de produtos cárnicos no mercado alimentario de proteínas animais, agudizado pola baixa elasticidade-renda da demanda de alimentos de consumo masivo –non de "gourmet". É só unha mostra ilustrativa dos termos da custión– mostra tomada do complexo produtivo que se formou na economía mariñeira e constituíu o primordial motor industrializador e modernizador da economía galega a longo de todo o século XX. E eses termos da custión, repito, evidencian que o problema non estribaba na competitividade ou non da base produtiva galega, senón nas regras de xogo que lle impuña o marco xurídico-político –tanto o estatal coma, neste caso, o da CEE– combinado coa carencia dun marco de decisión política proprio, acaído e suficiente.

Mais, por outra banda, cadrou históricamente que o poder sobranceiro das institucións políticas europeas deu o salto de configurarse como un verdadeiro supra-estado dacabalo da vaga da globalización neoliberal, que escacha na Europa continental precisamente neses momentos. É dicir, que iso condicionou a configuración que, na transformación da CEE en UE, se deseñou nos tratados de Maastricht e Amsterdam. Nefeito, as eivas xa sinaladas na metamorfose do Estado operada polo neoliberalismo, reflictense no deseño da UE, a empezar pola opción de configurala primordialmente como unha unión monetaria e, correlativamente, estruturala para a prática dunha política económica fulcralmente monetarista, antitética das políticas keynesiáns de pleno emprego, redistribución do ingreso e benestar social. É singularmente siñificativo que se deseñasen as institucións rectoras da política monetaria - o SBCE, co Banco Europeu no seu cume - á marxe do control polo poder político e democrático, e que a estratexia do proceso de transición cara a consolidación da Unión, coa entrada en vigor do euro –ou sexa, as chamadas políticas de "converxencia"– consistise nun calco das "políticas de axuste" impostas polo FMI ao ancho do planeta, cos desastrosos efectos ben coñecidos para toda a periferia do sistema. Ese deseño neo-liberal foise exacerbando nos sucesivos tratados e rondas presidenciais da UE, até desembocar na versión alarmantemente ultraliberal do sucedáneo de constitución europea contido no chamado tratado constitucional, aínda pendente de ratificación por mor dos xa mentados referendos francés e holandés.

O enfoque monetarista da unión económica, o deseño progresivamente ultraliberal do aparello supra-estatal da unión política, sen entrarmos polo miudo no seu feitío, todo iso construíuse e moveuse en sentido inverso do necesario para a viabilidade dunha estratexia de desenvolvemento e procura do benestar da economía, a sociedade e o común cidadán da Galiza. E por riba, as sucesivas maiorías parlamentares e gobernos da autonomía galega sintonizaban na onda ideolóxica e política neoliberal que imprimía carácter e direición ao proceso, e contribuían portanto, no seu eido de poder, a conducir á economía galega na direición inversa da que a nosa sociedade precisaba, meténdoa polo carreiro da inevitábel diverxencia mentras invocaban o propósito de converxer con Europa, e destragaban ou malgastaban boa parte das transferencias de fondos europeus, estruturais ou de coesión –ou sexa, os valiosos recursos concedidos para aliviar os impactos negativos, para neutralizar ou paliar a diverxencia. Non foi Galiza só, por suposto. Hoxe, no espazo da UE, as distancias que miden o desenvolvemento desigual– tanto "rexional" ou territorial coma social, en níveis de ingreso e patrimonio, en dotación de bens, servizos e capital sociais, en dimensión das "bolsas de pobreza", en magnitudes do paro e da exclusión –todos os indicadores desas diversas distancias, desas diverxencias internas, desas múltiples formas de desigualdade– incluída a desigualdade perante a lei e o poder político - todas elas son moito máis grandes hoxe que hai un cuarto de século. O "Estado do benestar" convértese nun "Estado do malestar xeralizado", o "Estado providencia en "Estado penitencia", o "Estado social" en "Estado penal" –con rótulos, estes últimos, do lúcido ensaísta Loïc Wacquant, que non cansarei de citar mentras non mude o curso deste proceso que ameaza con destruir, inclusive, o modelo de Universidade pública construído precisamente pola historia social e cultural de Europa no ciclo plurisecular da modernidade.

Renuncio, por razóns obvias de espazo e tempo, a tracexar eiquí o retrato da economía galega ao día de hoxe, en paralelo a como renuncio a analisar avaliatívamente a traxectoria das políticas económicas praticadas polo poder autónomo no período da súa existencia e actuación. Deixo estes temas para unha próxima leición. Só, para concluir a análise diagnóstica eiquí desenvolvida,farei uso dalgunhas palabras do profesor Vence Deza. Son éstas: " o proxecto de progreso social ha de construirse sobre a base do recoñecemento (identitario) e a igualdade como eixos articuladores do proceso de re-socialización e democratización, que poñan cabo á ameaza desestruturadora e depredadora do proxecto neoliberal". E máis estoutras : "Mais compre (pór) xuntas a loita contra as inxustizas na distribución (dos recursos, da riqueza) e a loita contra as inxustizas no recoñecemento das identidades, (...) no ben entendido de que ambas familias de inxustizas van normalmente ligadas e refórzanse mútuamente".

Compre, xa que logo - digo eu agora - recuperar e restablecer na acción de goberno os modelos e políticas de benestar económico fundidas en moldes de benestar social. E compre, asimesmo, obter –pois non se recupera o que non se tivo nunca– as institucións proprias dun poder de libre e democrática decisión política acaído e suficiente para deseñar e executar as políticas de benestar nas claves congruentes coa patoloxía socioeconómica que compre artellar e remediar, a da economía e a sociedade galegas, que seguen a ser atípicas para os modelos elaborados co prisma do centro do sistema. Ou, se me permitides retornar aos postulados iniciais desta disertación : con lentes non deformantes emprestados, senón con lentes de fabricación propria. Dixérao hai ben anos xa don Ramón –Otero Pedraio, claro: cada cultura "é dona dun sistema inicial de interpretación do mundo" e, "inda aceitando a fórmula xeral dun tempo, tradúcea á sua propria maneira de ser".•


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.