| Economía galega e autonomía política (IV) |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 29 de Outubro do 2006 | |
|
Cuarta parte da Lección Maxistral de Xosé Manuel Beiras no acto académico de apertura do curso 2006-07 na Universidade de Santiago o 2 de outubro de 2006.
Os efectos distorsionadores na economía mundial están ben á vista na crónica destes últimos decenios. Graves no centro, e velaí está, por dar unha mostra, o fenómeno analisado e bautismado por Robert Brenner como "burbulla financeira", ou o correlativo das famosas "turbulencias", ás que só falta que lles poñan nomes como aos ciclóns - "economía política da turbulencia global", rotularíao Giovanni Arrighi hai só tres anos. Moito máis graves, porén, e até letais, en toda a periferia do sistema económico mundial. Galiza, como economía periférica -só que europea, convén que reitere- non ficou á marxe dese turbulento acontecer globalizador. De xeito que se agravou unha súa patoloxía "conxénita", digámolo así, a saber : a carencia dun modelo de acumulación endóxena, que puidese cando menos contrarrestar a súa dinámica extravertida, como economía " sen fronteiras", a drenaxe do seu excedente económico monetarizado, o seu problema de crecemento "cara fóra", constantemente reprodutor do seu histórico subdesenvolvemento - parafraseando agora ao recentemente finado André Gunder-Frank. Nefeito, o núcleo do problema das economías periféricas pódese sintetizar en que a súa dinámica non se rexe conforme a modelos de acumulación xenuinos e internos a elas, senón á proxección sobor delas do modelo de acumulación do centro do sistema, a respeito do cal tódalas demáis economías do planeta desempeñan funcións subalternas ou subsidiarias -mesmo no sentido literal da palabra. Dende o remate da IIª Guerra, os rexistros cruciais do modelo de acumulación mundial configuráronse conforme ao deseño do chamado "consenso de 1945", por referencia aos acordos de Bretton Woods -que por certo supuxeron a derrota política, que non científica, das teses de Lord Maynard Keynes. A creba, ou a metamorfose, dese deseño dende os anos setenta, sustituído logo polo "consenso de Washington" coas sucesivas e mutantes peripecias polas que pasou nos dous decenios seguintes, abre precisamente a etapa da "globalización financeira", na que as institucións criadas en Bretton Woods -como o FMI e o BIRD- ou, a seguida, na Habana -o GATT e a OMC, ésta curiosamente hibernada até os anos noventa- pasaron a funcionar á inversa das finalidades para as que foran criadas, até configurarse o que Peter Gowan bautismou, expresivamente, como "rexime dólar-Wall Street" (RDWS), no que o sistema monetario internacional -di Gowan -convírtese nun mecanismo do imperialismo económico dos USA, baseado na posición privilexiada do dólar non convertíbel, equivalente a un dereito de "señoriaxe", é dicir, o tributo medieval que se pagaba ao señor ou ao rei pola acuñación de moeda -e que tamén se empregaba para expresar a diferencia antre os valores real e nominal dela. De xeito que as moedas e economías do resto do planeta subsidian de facto -literalmente, repito- ao dólar e, ao seu través, aos hexemónicos mercados financieiros norteamericáns, ou millor dito angloamericanos, do sistema globalizado -como podía acontecer no Imperio Romano, con licencia pola extrapolación que, por certo, efectúa con rigurosa ironía Emmanuel Todd no seu penetrante "Despois do Imperio". Pero, qué ten a ver isto coa economía galega? -perguntarán a maioría de vostedes, non economistas por fortuna. Pois moito máis do que poda parecer. Voulles pór un exemplo da nosa historia económica máis recente. En plena transición política, acométese a realización do complexo alúmina-aluminio de San Cibrán, na Mariña luguesa. Socios principais : ALCAN e PECHINEY -duas das cinco meirandes transnacionais do planeta, canadiana e francesa respeitivamente- e máis INESPAL, a empresa do INI nese sector. Entre os socios máis cativos, Aluminios de Galicia, do grupo Barrié. Complexo industrial típico "de enclave", localizado eiquí para nutrirse, a baixo custe, da enerxía elétrica da mega-central térmica das Pontes, instalada case simultáneamente. Digo mega-central porque unha soa das suas catro turbinas equival a máis de duas veces a potencia instalada do salto de Belesar, no Miño. San Cibrán entra en produción a comenzos dos oitenta e, case de imediato, fai unha suspensión de pagos. Qué acontecera? O finanzamento externo do complexo fora fornecido primordialmente polo Chase Manhattan Bank, meiante un empréstimo a servir e amortizar en dólares conforme á súa cotización corrente -ou sexa, de cada ano. Dende 1981, co acceso ao poder de Ronald Reagan -que, co de Margaret Thatcher, marcara o comenzo da globalización e a entrada en tromba das políticas ultraliberais- encetárase unha política de alza veloz e constante da cotización do dólar. A repercusión sobre as finanzas do complexo de San Cibran fora fulminante. Por certo, a auditoria sobre esa precoz crise financeira foi realizada por unha empresa de servizos profisionais vencellada ao grupo Chase Manhattan -para que todo ficase na casa. Por certo tamén : a ampliación de capital, acordada para resolver a suspensión de pagos, caíu enteiramente nas costas de INESPAL -ALCAN e PECHINEY non aportaron nen cadela, optando por reduciren a súa porcentaxe de participación no capital. Así comenzou un dos proxectos "estelares" de industrialización da Galiza, simultáneo co arranque da autonomía política -convidado de pedra nese proceso- que combinaba a metalurxia de base, coa produción elétrica e a mineira dos lignitos pardos, dacabalo de Ferrolterra e a Mariña oucidental. Iso si : As Pontes seguirían fornecendo a San Cibrán arredor dun tercio da súa produción elétrica a prezos privilexiados por debaixo do custe de produción, até o virtual esgotamento actual dos seus xacementos de lignito. Xa ven como funcionou, nesta mostra, a combinación da dotación de recursos naturais, coas vantaxes comparativas e os resortes financeiros, para o desenvolvemento da periférica estrutura económica galega no marco do modelo de acumulación do sistema globalizado, mesmo antes da cirstaización do RDWS (rexime dólar - Wall Street) definido por Gowan. Certo é que no plano estricto dos fenómenos monetario-financeiros, e por carecer Galiza de Estado e moeda proprios -que algunha vantaxe tiña que ter esa carencia, digo eu- a economía galega como tal non padeceu un dos máis graves andacios que sufriu a periferia do sistema dende a perversión do modelo Bretton Woods : a exacerbación até dimensións paroxísticas do problema da débeda externa -convirtida na máis brutal forma de expoliación do "terceiro mundo" na etapa da globalización, que o premio Nobel da Paz oriundo de Combarro, Adolfo Pérez Esquivel, non dubida en calificar de auténtico xenocidio nas súas consecuencias sobre as catro quintas partes da poboación do planeta. Venme á memoria unha ilustrativa anédota atribuída a Robert Triffin. Disque nunha ocasión, ao remate dunha sesión de aulas en Yale, saiu a tomar café cun grupo de alunos. No intre de ir pagar as consumicións, mentras algúns estudantes facían aceno de botar man ao peto, il perguntoulle ao camareiro de ónde era o café que viñan de tomar. Contestoulle o mozo : "de Brasil". E vai Triffin e dilles aos rapaces: "Deixádeme convidarvos, que a fin de contas acabamos de tomar café gratis". Naquelas datas, o servizo da débeda externa brasileira en dólares, ascendía a unha cifra superior ao valor das súas exportacións de café. Nese mesmo período Galiza non tiña, formalmente, débeda externa que amortizar. Mais os ingresos polas súas peculiares exportacións de café, digo de forza de traballo, ou sexa as remesas dos seus emigrados en Europa, tal coma chegaban ás oficinas dos intermediarios financeiros en Galiza, íanse na maior parte finanzar créditos e investimentos fóra do noso país meiante as operacións activas deses mesmos intermediarios. E o recén nado poder político autónomo, mesmo denantes da desregulación neoliberal da circulación internacional dos capitais, non só carecía de potestades constitucionais para impedilo, limitalo ou controlalo, senón que tampouco dispuña en realidade de poderes para deseñar un modelo de acumulación autóctono -lembrádevos do xa espricado verbo das competencias exclusivas "ma non tanto", digámolo así agora, con humor. E os resortes dispoñíbeis para regular en certa medida a veiculización do aforro cara a formación interna de capítal, tampouco os utilizou -por exemplo meiante a criación dun entramado institucional que eu mesmo propuxen, no meu labor político parlamentar, mais que os titulares do poder non estimaron, e os votantes non me outorgaron o mandato necesario para facelo eu mesmo. En conclusión, o conxunto de fenómenos aos que veño de facer referencia,e outros análogos que omito, deron lugar a que o motor do crecemento da economía galega funcionase nestes decenios como o dun veículo cos conductos do carburante, o carter e os cilindros furados. O resultado resúmese en que a economía galega, no canto de converxer coas máis avanzadas do seu contorno peninsuar e europeu, seguiu a diverxer delas, e que nos apuntásemos o mérito de entrarmos no MCE, hoxe UE, sendo "rexión obxetivo número un" -ou sexa, das máis subdesenvolvidas entre as máis de duascentas da Unión- e inda hoxe continuemos a estar nese grupo privilexiado. Entramentras, un país periférico como Irlanda, que daquela tiña a súa renda por habitante a un nivel inferior en máis de un tercio á meia europea, hoxe está nos primeiros postos dese ranking. Pero tamén a comunidade Autónoma de Euskadi, que ten o mesmo rango constitucional que a nosa, e padeceu unha grave crise industrial e reconversións ben drásticas, pasou de estar case un vinte por cento por debaixo da meia europea a superala hoxe amplamente. Xa que logo, non todo é atribuíbel ás causas esóxenas e ao contexto da globalización neoliberal : algo teñen que contar as clases dirixentes indíxenas e o gremio ocupante das institucións do poder autónomo. E téñeno especialmente a respeito do segundo dos elementos que eu enunciaba ao comenzo desta demasiado delongada digresión: o que situei na instancia da superestrutura política.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

