| O muro da infamia |
| La Jornada | |
| Sábado, 28 de Outubro do 2006 | |
|
[Editorial de La Jornada 27/10/2006. Traducido por altermundo.org] Ao asinar a lei que ordena a construción dun muro ao longo de 1.200 quilómetros do límite territorial con México, o presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, asegurou que esa medida "fará máis seguras as fronteiras" da superpotencia. O proxecto dese valado é, ao cabo, o único en que se puxo de acordo o Congreso do país veciño cando discutiu, a mediados deste ano, medidas para facer fronte ao fenómeno migratorio. Non procedeu a reforma ás draconianas disposicións que sancionan e criminalizan a chegada sen papeis a territorio estadounidense nin a regularización dos millóns de traballadores migrantes que viven alí; prosperou, pola contra, a idea de amurallar a fronteira con formigón, arame de espiño e dispositivos de alta tecnoloxía: o que a Casa Branca chama, se cadra sen decatarse do contrasentido, unha "fronteira intelixente". A pesares do repudio practicamente universal xerado por esta obra demencial –o rexeitamento manifestado en diversos tons por 29 gobernos do hemisferio, polo Vaticano e por persoeiros como Mijail Gorbachov e Carlos Fuentes–, Washington optou por seguir adiante coa erección dun muro infame que contradice as nocións máis elementais de humanidade e que pretende ir a contramán das tendencias de integración rexional impulsadas, desde hai tres lustros, polas autoridades dos tres socios do Tratado de Libre Comercio de América do Norte (TLCAN). Os alegatos sobre a "seguridade" estadounidense son de risa. Con muro ou sen el, a fronteira binacional é e seguirá a ser porosa porque así o dictan a economía, a demografía e a xeografía; no que se refire á delincuencia fronteiriza –cárteles da droga e traficantes de persoas e de armas–, seguirán actuando ás súas anchas na rexión en tanto non se erradique a corrupción das autoridades a ambos os dous lados da liña. No caso concreto do narcotráfico, os mesmos empregados do goberno dos Estados Unidos que fan a vista gorda nas alfándegas ante o ingreso de toneladas de substancias ilícitas, mañá abrirán as portas do muro para que transiten esas mesmas mercadorías prohibidas; polo demais, o valado non servirá para deter a droga que chega por mar ou por aire a territorio do país veciño. En cambio, a fortificación da liña fronteriza multiplicará os perigos mortais que enfrontan quen a cruzan en busca de traballo. O fluxo migratorio non se vai deter, pero o tránsito dun país ao outro se fará máis arriscado e arduo, e as dificultades adicionais xerarán maior corrupción en ambos os dous lados da fronteira. Máis aló dos posicionamentos demagóxicos, a clase política estadounidense ten tres motivos principais para porfiar nestas obras de fortificación. O primeiro é de orde económica e ten que ver, non coa erradicación da chegada de inmigrantes, senón coa súa regulación informal: mediante o relaxamento ou a intensificación das medidas de vixilancia e control ao redor do muro, o goberno dos Estados Unidos poderá permitir maiores ou menores fluxos de persoas, dependendo das necesidades de man de obra do momento, así como abaratar os salarios, de seu miserábeis, que os empregadores pagan a quen carecen de documentos migratorios. A segunda razón é de orde político-electoral: esta claro que o Executivo e os lexisladores do país veciño cortexan, coa decisión de amurallar a fronteira, as paranoias que eles mesmos magnificaron en sectores conservadores do electorado, para os que os migrantes mexicanos e latinoamericanos representan un "perigo"; moi poucos cuestionan, ao norte do río Bravo, semellante prexuízo, e case ninguén se tomou a molestia de aclarar que risco específico podería suscitar para a superpotencia a presenza de traballadores estranxeiros no seu territorio. O terceiro motivo para a erección do muro está estreitamente emparentado cunha das razóns que levaron á Casa Branca á súa guerra criminal contra Iraq: a xeración de oportunidades de negocio para o círculo empresarial achegado á presidencia e á vicepresidencia. Hai cousa dun mes, o secretario de Seguridade Nacional, Michael Chertoff, deu a coñecer que o goberno de Bush outorgara ao conglomerado Boeing un contrato, cuxo monto é calculado por especialistas en preto de 2.500 millóns de dólares, para que construíra e equipara unhas 2.000 torres, equipadas con cámaras e detectores de movemento, e distribuídas ao longo das fronteiras estadounidenses. Chertoff formulou o anuncio acompañado polo vicepresidente de Boeing –fabricante de sistemas de armas e provedor privilexiado do Pentágono–, James Albaugh. En resume: por un pragmatismo económico hipócrita, por cálculos politiqueiros e polo afán de xerar negocios pingües ao complexo militar-industrial, o goberno de Bush se empecina en agraviar a México, a América Latina e á humanidade cunha cerca infame que tarde ou cedo terá que ser demolida, pero que mentres tanto provocará a morte de miles de migrantes.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

