| China: o repuntar sindical |
| Xulio Ríos | |
| Mrcores, 25 de Outubro do 2006 | |
|
[La Insignia. Traducido por altermundo.org] Mentres proseguen os ecos do autentico pre-Congreso que foi a VI sesión plenaria do XVI Comité Central do Partido Comunista de China (PCCh), realizada do 8 ao 11 de outubro en Pequín, actores esquecidos nas anteriores fases da reforma chinesa, semellan retornar ao centro do escenario político. En efecto, mentres prosegue o combate contra a corrupción (co recente e rechamante caso dos maxistrados de Shenzhen, acusados de sobornar e ser sobornados, ou do director da Administración Nacional de Estatísticas), e sobe o ton da presión do goberno central sobre os poderes territoriais (varios equipos foron enviados a doce provincias para investigar os proxectos ilegais de investimento, o que deparará numerosas sancións para os respectivos responsábeis), a recuperación dun discurso de perfil máis social trouxo de volta á actualidade chinesa aos sindicatos oficiais. Ás medidas dispostas en numerosos aspectos administrativos e que teñen como elemento referencial central ao mundo rural, súmase agora o proxecto dun novo Código laboral que outorga ás organizacións sindicais moito máis poder nas empresas, especialmente no eido non estatal nin colectivo. O debate do proxecto, en fase de elaboración e discusión interna desde a primavera, promete non ser menos apaixonado que o relativo ao regulamento da propiedade privada, enfrontando aos que reivindican a recuperación dun protagonismo necesario do movemento sindical, presente en calquera sociedade moderna, e aos que cuestionan os seus efectos respecto do investimento e ás empresas estranxeiras perante o medo a perder as vantaxes (baixos xornais, poucos dereitos) que animaron o seu proceso de implantación na China. O anuncio do aumento de salarios (tantas veces reclamado desde algúns sectores de Occidente á mantenta do dúmping) a máis de 100 millóns de traballadores (China é o segundo país de Asia co maior número de ricos, unhas 320 mil persoas cunha conta estimada en 1,59 billóns de dólares) espertou inquietude nalgúns sectores empresariais (de Occidente, moi especialmente) nunha expresión de esaxerado desasosego ante un alzamento dos custes salariais que, en calquera caso, será moderado e progresivo. Ademais, a marxe de beneficios das empresas estranxeiras emprazadas na China é de tal folgura que pode permitir unha doada adaptación ao novo contexto. Wall-Mart, a famosa cadea estadounidense, unha das máis simbolicamente belixerantes coas novas orientacións do poder chinés, tivo que aceptar, de mala gana, a implantación nas súas empresas de organizacións do Partido Comunista (que requeriu, ao parecer, a propia intervención de Hu Jintao) e dos sindicatos. Os anuncios que daban a entender un replantexamento do seu implantamento na China parecen carecer de sentido xa que, segundo fontes ben informadas, está ultimando unha ampliación do seu negocio mediante a compra dunha cadea taiwanesa presente tamén no continente. Co actual discurso, non parece que o goberno chinés estea disposto a ceder no esencial ás presións do capital estranxeiro, nin moito menos do sector privado nacional. Como primeiro obxectivo, Pequín quere acotar desta forma o descontento existente no mundo laboral, vítima do capitalismo salvaxe e de patróns sen escrúpulos, mellorando a un tempo as condicións de traballo e os dereitos laborais. O constante aumento da conflictividade nas empresas por causa do impago de salarios ou o nulo respecto á lexislación laboral vigente, ou as pésimas condicións de seguridade existentes en moitos sectores, constitúen o caldo de cultivo para unha desesperación social que pode pasar, en calquera momento, de explosións illadas e axiña controladas, a movementos máis amplos e desestabilizadores. Porén, os obxectivos van máis aló. Ante a percepción da progresiva perda de control directo do PCCh da economía do país, debido á redución do peso da economía estatal no conxunto, trátase de ancorar na economía privada poderosos resortes organizativos e competenciais que lle permitan efectuar un control irrenunciábel do sector privado, equilibrando os seus intereses e o seu poder, á vez que habilita, a escala global, un contrapeso formal á crecente influencia das federacións e grupos industriais que hoxe carecen de calquera contrapunto sindical. Segundo informes da Federación de Industria e Comercio da China, en 2005, a participación do sector privado no PIB do país alcanzaba o 65% e chegará ao 75% en 2010, ano en que máis do 70% das empresas chinesas serán de propiedade privada. No último lustro, o seu progreso foi de case un 30% anual. Dos 40 sectores industriais, 27 están dominados por empresas privadas. Todo iso suscita retos importantes para o PCCh e o movemento sindical, claramente fora de xogo. Un deles é a necesidade de acomodar a práctica sindical a unha realidade totalmente diferente á existente antes da reforma. Nos últimos anos, a FNSCh (Federación Nacional de Sindicatos da China) limitouse a desempeñar o papel tradicional de correa de transmisión do partido, sen iniciativa propia e dacabalo das esixencias de cada conxuntura, permanecendo á marxe dos auténticos intereses da clase traballadora chinesa. O seu “amarelismo” é o principal aceno de identidade. Cambiará algo? A visibilidade e dinamismo das estruturas sindicais debería ser maior nos vindeiros anos, pero as súas ligaduras permanecerán. A potenciación do sindicalismo oficial non vai significar un aumento da súa autonomía, nin na acción nin no discurso. Permanecerán vencellados ao PCCh, e baixo o seu control, actuando de testaferros en todo aquilo que resulte necesario e, por outra banda, o seu discurso, obligatoriamente incardinado na defensa da harmonía social reafirmará a súa renuncia á conflictividade, privilexiando en todo momento o mantemento da paz social por sobre todas as cousas. Nesas condicións, este novo auxe do social probabelmente non necesitará de programas de reciclaxe dos funcionarios sindicais, pero augura un ascenso case que seguro -se nada empana a súa xestión- do presidente da FNSCh, Wang Zhaoguo, membro actual do Buró Político, ao Comité Permanente que sala escolleito do vindeiro Congreso. E antes, en marzo de 2007, a nova normativa laboral e a adopción doutras medidas equilibradoras quizais poida permitir tamén a aprobación na próxima sesión da Asemblea Popular Nacional do regulamento da propiedade privada, case unha década logo de iniciarse a súa discusión. Unha cousa pola outra.• * Xulio Ríos é director do Observatorio da Política Chinesa (Casa Asia-Igadi).
| |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

