| Economía galega e autonomía política (III) |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 22 de Outubro do 2006 | |
|
Retornando agora ao plantexamento inicial desta miña análise, sinalaba eu tres dimensións do escenario a considerar: a da diagnose estrutural da economía galega no punto de arranque da autonomía política; a do marco institucional da política económica aplicábel; e a dos condicionantes dados polo contexto externo. Reparemos agora nesta última dimensión, tanto máis relevante canto que a economía galega era daquela -e fórao sempre nos tempos modernos- como unha célula sen membrana, un organismo esfolado, un espazo sen fronteiras. Quero dicir que as fronteiras non son un fenómeno físico, nen xeográfico, nen económico, senón institucional. Venme á memoria unha fermosa entrevista de Julio Cortázar na radio francesa, conducida polo noso paisano Ramón Chao, no que falaba das fronteiras, e dicía que non eran as liñas que aparecían nos mapas, que esas non se percibían na realidade, o mesmo que non se vía o ecuador -e relataba, coa súa fascinante diafanidade verbal, como nas súas viaxes entre Francia e Arxentina en transatlántico, cando se achegaban ao ecuador, o comandante da nave informaba do evento aos pasaxeiros, e a xente debruzábase na borda coa ollada fita no mar, mais non vía liña ningunha, nen rastro do tal ecuador. Discúlpenme o excurso nen tan sequer literario. Estaba a dicir que as fronteiras son fenómenos institucionais, márcanas institucións como as alfándegas e os aranceis, a moeda de curso legal, o sistema tributario, o dereito civil ou laboral -e, no cumial, o ordenamento xurídico-político do poder do Estado, cun ámbito territorial e cidadán de vixencia. De cáseque todo isto careceu Galiza sempre dende o mencer da idade moderna : en todo ese período, "Galiza sen fronteiras" foi unha realidade sempre - non era preciso reivindicala para entrarmos na post-modernidade. Hai cento catorce anos, nesta mesma Universidade compostelán, o catedrático de Economía Política Alfredo Brañas, nunha leición inaugural que fai palidecer ésta miña, despois de disertar sobre "La crisis económica de nuestro tiempo" -a crise finisecular do XIX que marca o declive da hexemonía británica- reivindicaba para Galiza lexislación civil e mercantil propria e exclusiva, institutos armados proprios e -asómbrense- até bater moeda. Brañas reclamaba fronteiras institucionais para Galiza -e chámano "rexionalista". Mais, ao que vou : a economía galega carecía de superestrutura institucional propria, era unha "economía rexional" no rigor semántico do termo - como o era a da Irlanda do tempo de Brañas, non do noso. E, mesmamente, a criación de institucións políticas autonómicas, cuns ámbitos persoal e territorial de poder, dotaba dalgunha forma de fronteiras á formación social galega. Mais só dalgunha forma, lene e fragmentaria. Nada comparábel ás defensas, escudos e valados que siñifican un aparello de Estado convencional a respeito do contorno ou contexto externo do seu espazo económico. Os profesores composteláns Fernández Leiceaga e López Iglesias, nun excelente tratado sobre a estrutura económica de Galiza, suliñan con agudeza os fenómenos aos que estou a referírme como "especificidades das economías rexionais" : "unha superior abertura exterior e especialización produtiva" -e portanto unha "integración comercial e factorial"que "produz a sincronización do ciclo económico rexional co estatal" ; "o carácter interrexional de boa parte -a grande maior parte- das relacións económicas exteriores" -e así pregúntanse e respóndense: "Por qué Galiza comercia tradicionalmente máis con Madrid ou Barcelona que co Porto? Pola pertenza a un mercado nacional unificado: as fronteiras desaparecen (...)" ; e, ao cabo, "a ausencia dunha política económica propria" - pero rexistran tamén que "coa construción do estado autonómico supérase parcialmente a inexistencia dun aparato estatal", non sen engadiren: "aínda que o carácter aberto da economía resta virtualidade" aos instrumentos da política económica reguladores do ciclo interno.Pois ben, o primeiro fenómeno relevante que quero sinalar no contexto externo da economía galega, á altura do arranque da autonomía política, é o da profunda e prolongada crise desencadeada no centro do sistema económico mundial dende comenzos dos anos setenta (1973), a raíz da chamada "crise do petroleo" e da supresión unilateral, polo Goberno norteamericán, da convertibilidade do dólar como valuta do SMI. Esa crise non só vai afectar ao ciclo da economía mundial, senón que vai inducir unha relevante metamorfose estrutural no sistema capitalista e no rol do Estado, como poder político, na regulación da economía e das relacións entre as clases sociais. Non é posíbel nen oportuno entrarmos eiquí nesa problemática, mais quero aludir a algúns fenómenos que considero determinantes para a análise que estou a desenvolver. Primeiro, no plano do ciclo ou, se preferides, da conxuntura. A onda contractiva enxendrada pola crise chega á economía galega cun certo tempo de desfase, como chegan as vagas dun maremoto ás ribeiras máis lonxanas do epicentro do seísmo. Mais desque chegan, os efectos do impacto duplícanse en gravedade -primordialmente pola febleza estrutural do sector "moderno" da nosa economía, e máis porque pilla á estrutura da nosa base produtiva en trance de veloz metamorfose. Só vou reparar, como mostra, no fenómeno seguinte. Durante o precedente período de expansión -anos 50 a 75- os sectores da industria, a construción e os servizos, na economía galega, non deran absorbido toda a forza laboral excedente acobillada nas atrasadas estruturas agrarias -que sobardaba o 50% da poboación activa do país. A válvula de escape fóra o "aliviadero de la emigración"- descarnadamente chamado así na época -que acadara o seu apoxeo en direición a Europa. Mais a crise nos países de destino pechara as comportas europeas dese "aliviadero" emigratorio, ao tempo que o impacto da crise nos sectores dinámicos galegos mermara drásticamente a súa capacidade de absorción de paro encuberto no campo, e que, por riba, a modernización - millor diríamos a mecanización -da economía agraria daquela en curso, finanzada polas remesas dos emigrados, seguía a expulsar forza de traballo das súas estruturas. Por certo: mentras tanto, o recén estreado poder autónomo, teimaría en repetir ad nauseam, até antonte mesmo, que seguía a sobrar xente na agricultura, así, sen contextualizalo. Hoxe aseméllase a un deserto verde... e pardo -refírome ao cromatismo dos eucaliptais e dos montes queimados. Pois ben : o resultado imediato foino a velocísima alza dos continxentes e taxas de paro -fenómeno ben estudiado, xa dende os anos oitenta, por varios solventes profesores de Económicas. A consecuencia que máis me importa sinalar: o novo poder político atopouse, dende o comenzo, cun escenario económico rotundamente diferente do coñecido até daquela, imprevisto, e sen poder de decisión nen armas axeitadas para facerlle frente, aínda no suposto de que tivesen imaxinación para intentalo. Lembrade -díxeno antes- que en materia laboral, por exemplo, as competencias da autonomía só eran de "execución" -sen "garrote" agora- da política estatal. Até tal ponto era imprevisto ese escenario, que o flamante sistema de finanzamento da autonomía deseñado neses intres incluía, como un dos baremos favorecedores dos ingresos públicos galegos por transferencias, un coeficiente por taxa de emigración -xusto no intre no que ese fluxo cesaba "a fortiori". Con todo, a consecuencia da crise que considero máis gravemente perniciosa para a economía e a política autónoma galegas na súa mútua relación derívase, non da conxuntura cíclica, senón da metamorfose que enxendra no sistema capitalista neste último cuarto de século. Refírome -xa o sospeitarán- ao contexto da chamada "globalización", a irrupción da ideoloxía e a política ultraliberal -os máis mesurados ca min din "neoliberal" - e o retorno do capitalismo salvaxe- tamén apelidado "neo-americán" -coa liquidación do modelo dito "renano" no capitalismo europeu continental da fase de expansión, edificador do "Welfare State" ou Estado do benestar. Permitídeme unha breve sinopse sobre esta custión, ao meu ver decisiva para a andaina da economía e a sociedade galegas no tempo que levamos de autonomía política. Non vou determe a definir a "globalización", como fase e modalidade máis recentes do proceso de transnacionalización e mundialización do capitalismo. Tampouco vou analisar a crise -ou a condea ao ostracismo- do modelo keynesián de diagnose e acción política macroeconómica. Nen falar do final do fordismo, como modelo de organización das forzas produtivas. Xa abonda que esteña a torturalos a vostedes como non se merecen, pero aínda non me volvín sádico. O que si vou, con todo, é abusar un chisco máis da súa paciencia para suliñar un par de elementos da posibel sinopse da globalización neoliberal que considero causas cruciais, como variábeis esóxenas, do fracaso da política autonómica en pór remedio aos focos patóxenos primordiais da nosa condición periférica subdesenvolvida. Ou, dito en expresión máis directa e descarnada, do fracaso neoliberal na Galiza -como rotula o profesor Xavier Vence un seu recente e espléndido volume de ensaios sobre esta problemática, inteleitualmente riguroso, lúcido e valente. Un deses elementos sitúase na instancia da estrutura económica. O outro, na da superestrutura política. O primeiro podería enuncialo así : o ascenso á posición sobranceira, e mesmo hexemónica, do capital na forma diñeiro, ou "capital bancario", sobor do capital na forma produtiva, ou "capital industrial". Esta mutación estrutural na posición relativa de cada unha das tres formas do capital -a outra é, como se sabe, o "capital mercaduría", ou "capital comercial"- leva aparellados varios corolarios relevantes, dos que só aludirei aos seguintes. O predominio -determinante- da esfera da circulación, e en singular dos mercados financeiros, sobor da esfera da produción, e portanto da asignación de factores ou forzas produtivas, e nomeadamente da forza de traballo -coa correlativa repercusión, de retorno, no mercado laboral. Isto leva aparellada unha crecente disxunción antre produtividade nos procesos produtivos e rendibilidade do capital-accións, que atinxe, agudizándoa, á contradición entre esas duas lóxicas, sempre existente dentro da lóxica cardinal de asignación de recursos e da "racionalidade" do sistema. Ora, a valorización do capital opérase na esfera da produción, onde se enxendra o máis-valor ou incremento de valor, que só se realiza na esfera da circulación, transformada en ganancia. Mais a valorización no proceso produtivo require unha duración, un "tempo de maduración", mentras que a súa realización poder ser instantánea - por exemplo unha operación bursátil nos mercados financeiros. A desregulación, é dicir, a supresión de calquera caste de control ou pexa á plena liberdade de circulación internacional dos capitais e operacións nos mercados financeiros, exacerba o problema enunciado, ademáis de abrir francas as portas á proliferación de operacións esclusivamente especulativas que constitúe un dos fenómenos máis perniciosos entrañados na globalización financeira, até tecer unha pantasmagoría de valores virtuais que enmascara e diverxe progresivamente da economía real.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

