| Igualdade no agro |
| Rebeca Fernández | |
| Mrcores, 18 de Outubro do 2006 | |
|
Labregas de todo o mundo reunidas en Santiago no Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesiña reivindican o recoñecemento da súa labor á hora de tirar do país e esixen os mesmos dereitos laborais, sociais e familiares dos varóns
[Tirado de Galicia Hoxe] "Non estamos en proceso de conquista dos dereitos. Xa estamos en posesión deles. Agora o que hai é que defendelos". Con esta declaración de intencións arrancaba onte en Compostela o primeiro Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina. A loita sen descanso pola igualdade real entre os homes e mulleres do campo, así como en todos os ámbitos da sociedade, foi a principal reclamación deste encontro que reúne a máis de cen mulleres en representación de organizacións labregas dos catro continentes, co Sindicato Labrego Galego (SLG) como anfitrión. Juana Ferrer, representante da Comisión Internacional da Vía Campesiña, fixo fincapé na "longa loita e resistencia" que de sempre as donas tiveron que sufrir para defender os seus dereitos, sobre todo as "campesiñas", cuxa situación discriminatoria con respecto ó home segue presente en todo o mundo hoxe en día. De aí, a necesidade dun encontro internacional no que poder fixar os obxectivos do colectivo e os métodos para logralos, tal e como demandou a secretaria xeral do SLG, Lidia Senra. Pola súa banda, a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, reivindicou durante o acto inaugural do Congreso o papel "protagonista" da muller nas actuacións a prol do desenvolvemento. Sotelo destacou a "fortaleza e a capacidade de loita" das donas de todo o mundo, que tiran do país, liderando os distintos proxectos de cooperación. Por último, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, fundamentou en catro piares a consecución da verdadeira igualdade entre homes e mulleres: fomentar unha escola coeducativa, rompendo os estereotipos nas aulas e nas propias familias; lograr a participación das donas en todos os ámbitos da sociedade, dende o coñecemento á política, o tecido asociativo ou o mundo laboral; conciliar a vida laboral e familiar, introducindo ós homes no ámbito privado; e erradicar definitivamente a lacra da violencia de xénero. Opinión: A loita comeza por nós mesmasRebeca Fernández Hai que concienciar ás rapazas novas para que non se abandonen nunha igualdade virtual, para que loiten por unha igualdade real, que aínda non está conseguida. As palabras son de Carme Adán, pero resumen o espíritu dun colectivo que debe seguir en pé de guerra para abolir a discriminación na que segue inmerso. Traballamos, votamos, divertímonos, somos independientes e temos capacidade de decisión. Pero ante unha adversidade somos as primeiras en ceder. Non queremos a igualdade, porque xa sabemos que somos iguais. A nosa loita agora é lograr que eles tamén o vexan. |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
