Corea do Norte no club atómico
Alfredo Iglesias Diéguez   
Martes, 17 de Outubro do 2006

[Tirado de Galicia Hoxe]

O pasado luns 9 de outubro os coreanos realizaron con éxito a súa primeira explosión nuclear, aínda que, en tanto que segundo varias fontes a súa potencia foi moi escasa (arredor de medio quilotón), hai quen a considerou un fracaso; porén, se a ese feito lle engadimos que os coreanos posúen a capacidade para producir uranio enriquecido e que no verán probaron mísiles de longo alcance, non hai dúbida de que a República Democrática Popular de Corea, un pequeno país de non máis de 23 millóns de habitantes situado no Extremo Oriente asiático, acaba de ingresar no selecto club de países posuidores de armas atómicas, integrado polos cinco vencedores da segunda guerra mundial: Estados Unidos, Rusia, Reino Unido, Francia e China, así como pola India, Paquistán e, clandestinamente, Israel.

As reaccións de condena foron inmediatas e non tardaron moito en producirse; con todo, entre as diferentes reaccións manifestadas existiron notables diferenzas. Así, para o goberno dos Estados Unidos, que se esforza en ocultar que polo de agora eles son a única potencia que empregou sobre vítimas inocentes o seu armamento nuclear ao bombardear en agosto de 1945 as cidades xaponesas de Hiroshima e de Nagasaki, o feito supón unha grave ameaza para a paz mundial, polo que esixiron as máis duras sancións: embargo económico, bloqueo naval, aéreo e terrestre..., mesmo reclamaron unha intervención militar que depoña o tirano de Pyongyang, Kim Jong-Il: o vello argumento empregado contra Husein, agora usado contra un pequeno país que grazas ao seu actual dinamismo económico está a superar con éxito a desaparición do mercado socialista, os desastres naturais que afectaron o país nos últimos anos (os asolagamentos de 1996 e as secas de 1997 e 2001) e o embargo norteamericano.

Pola súa banda, China, tradicional aliado do goberno de Pyongyang, foi conciliador na súa reacción; de feito a entrada de Corea do Norte no club atómico é beneficiosa para Pequín, que considera positivo calquera movemento que poña en crise o dominio unilateral dos Estados Unidos e non desexa, como tampouco o goberno de Seúl, unha crise que podería provocar numerosos refuxiados e desprazados. Con todo, ás anteditas razóns, hai que engadirlles outra de máxima transcendencia: evitar que o Xapón, Taiwán e Corea do Sur, os tres aliados norteamericanos na rexión, se convertan en potencias nucleares, o que comprometería a súa seguridade.

Velaí a cerna deste novo conflito entre os EEUU, que ocultaron un informe no que se concluía a procedencia paquistaní da tecnoloxía coreana debido a que Paquistán era un sólido aliado contra Ben Laden e contra China, mentres que os falcóns dos Estados Unidos defenden a escalada nuclear na rexión, mostrándose dispostos a achegarlle armamento nuclear ao Xapón, algo que ve favorablemente o primeiro ministro xaponés Shinzo Abe, China, que comparte o dereito de cada nación a defender a súa soberanía e a súa independencia, móstrase máis favorable a retomar a vía do diálogo, único mecanismo eficaz para construír un mundo multipolar.•


Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >