Economía galega e autonomía política (II)
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 15 de Outubro do 2006

Segunda parte da Lección Maxistral de Xosé Manuel Beiras no acto académico de apertura do curso 2006-07 na Universidade de Santiago o 2 de outubro de 2006.

O deseño constitucional español do 1978 non é o dun Estado federal ou confederal -como o suízo, o alemán, ou mesmo, actualmente, o belga- senón o do denominado usualmente "Estado das Autonomías". Siñifica isto que non se fundamenta en diferentes suxeitos e fontes de soberanía e poder político articulados meiante un "pacto federal" para construíren un Estado común a todos iles de abaixo arriba, mantendo cada un a súa soberanía de decisión política nos niveis, ámbitos e condicións establecidos no pacto constituínte da federación ou confederación. Portanto, un Estatuto de autonomía non é equivalente á constitución dun Estado federado con outros nunha estrutura federal común. Un Estatuto é unha carta outorgada, en forma de lei orgánica, polas Cortes dun Estado baseado constitucionalmente nun único suxeito de soberanía política -o "pobo español" (art.1.2)- definido ademáis como unha única nación -a española (art. 2). E unha Comunidade Autónoma tampouco é equivalente a un Estado federado -por exemplo, calquera dos "Länder" na RFA, ou Flandes e Valonia no Estado federal belga- senón que é simplesmente unha peza da "organización territorial do Estado", conxuntamente coas provincias e os concellos, todos iles dotados de "autonomía para a xestión dos seus respeitivos intereses" (art. 137). Trátase, pois, dun modelo descentralizado de administración territorial, deseñado no famoso Título VIII da Constitución, que combina dúas castes diferentes de entes territoriais: os da "administración local" de sempre -concellos e deputacións provinciais- dotados de autonomía administrativa, e a nova figura -as Comunidades Autónomas- titulares de autonomía política e dotadas de cámara lexislativa e goberno -na Galiza, como dixen, o Parlamento e a Xunta.

Disculpade este excurso fóra dos lindes do que se adoita entender por economía, mais non do meu eido da Estrutura e os Sistemas Económicos, que abrangue necesariamente a superestrutura xurídico-política, tanto na tradición historicista dende Werner Sombart, coma na marxista dos modos de produción e as formacións sociais. Porque o caso é que estimo indispensábel ter en conta a índole das institucións políticas da autonomía galega, no marco da Constitución e o Estatuto, para comprendermos unha custión crucial, a saber: se o deseño xurídico-político desas institucións de autogoberno as capacitaba ou non para afrontaren o reto enunciado máis arriba, é dicir, a elaboración e execución dunha política económica que abordase frontalmente a patoloxía do subdesenvolvemento e remediase o atraso. Noutras verbas: se dispuñan do poder de decisión necesario para desenvolveren unha política independente e necesariamente atípica a respeito dos modelos concebidos nas pautas do centro.

Vexamos. O Estatuto de Galicia establece varias castes de competencias, ordeadas polo seu rango en marxe de decisión autónoma. Primeiro están as "exclusivas" en sentido proprio, ou sexa, sen outro límite que os preceptos da propria Constitución (art. 27). A seguida sitúanse as que atribúen o "desenvolvemento lexislativo" da "lexislación do Estado" (arts. 28, 33 e 34) e finalmente no nível inferior, as que só atribúen a "execución" desa mesma lexislación estatal (art. 29). Pois ben: se rastrexamos as áreas temáticas cruciais para unha estratexia autóctona de desenvolvemento da base económica galega, comprobaremos que no eido competencial "esclusivo" só figuran incluídas a ordenación do territorio, a rede viaria non estatal, os montes, a pesca en augas interiores e o turismo. Noutras de análoga relevancia estratéxica, como a ordenación do sector pesqueiro, os seus portos, ou o rexime mineiro e enerxético, as competencias só permiten o "desenvolvimento e execución" da lexislación estatal. O mesmo ocorre nas áreas dunha política de "benestar social" -decisiva para unha formación subdesenvolvida- como son a sanidade e a seguridade social. E en materia laboral só cabe a "execución" -non sei se aínda a "garrote vil- da lexislación dictada polo poder central.

Ora, existe aínda outra caste de competencias que o Estatuto denomina "exclusivas", mais coa particularidade de estaren sometidas, non xa aos preceptos constitucionais, senón ás "bases" que estableza a "política do Estado", ou sexa o poder central. Resulta curioso, de primeiras, que nesta caste de competencias tildadas de "esclusivas", pero que non o son, aparezan incluídas precisamente áreas determinantes para un modelo estratéxico de desenvolvemento da base produtiva galega. Non me vou resistir a enumerárvolas. Primeiro, sectores clave no tecido produtivo: industria, agricultura e gandería. Logo, comercio interior e consumo. A seguida, intermediarios financeiros: Caixas de Aforros e "institucións de crédito corporativo, público e territorial". Finalmente, unha xoia de "brindis ao sol", fágovos leitura textual: "Sector público económico de Galicia". Mal sabían os redactores do Estatuto que non só non se crearía un sector público galego, senón que se volatilizaría o estatal existente daquela, e en cuxa xestión, por certo, se atribuía participación á "Comunidade Autónoma Galega".

Dixen antes que, de primeiras, resultaba curioso o contido destas competencias falsamente "exclusivas". A curiosidade disípase se desvelamos a qué decisións políticas do Estado se somete a "exclusividade" desas competencias galegas. Esplicítao o proprio Estatuto: "De acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado". Dito en prata: non se concede liberdade de decisión ao poder autónomo para elaborar e executar unha política macroeconómica propria, e portanto aínda menos para unha política de desenvolvemento autocentrado deseñada cos lentes da periferia, ou sexa, como antes dixera eu, con lentes de "fabricación propria". Esta é a resposta que dá o proprio texto do Estatuto á pregunta formulada hai un pouco: ¿tiñan as recén criadas institucións de autogoberno potestades e armas axeitadas para defrontaren o reto de póren remedio á patoloxía estrutural do subdesenvolvemento?. Pois non, evidentemente non.Ficaba, con todo, unha porta aberta. O artigo 131 da Constitución establece que "o Estado poderá planificar a actividade económica xeral para atender as necesidades colectivas, equilibrar e harmonizar o desenvolvemento rexional e sectorial, e estimular o crecemento da renda e da riqueza e a súa máis xusta distribución". Música celestial, diríamos hoxe, e que portanto non é deste mundo -como demostraron os case trinta anos de idade desta norma constitucional. Mais, fóra rexoubes irreverentes, ao que vou é a que, nese mesmo precepto, establecíase que o goberno central elaboraría esa planificación económica "de acordo coas previsións que lles sexan suministradas polas Comunidades Autónomas". Por esa porta podía participar o poder autónomo galego na elaboración das "bases" da política económica estatal á que tiñan que someterse as devanditas competencias "exclusivas" súas. Dese xeito até podería resultar razoábel a limitación imposta á exclusividade competencial nesas materias, e cobraría sentido a potestade de "fomento e planificación da actividade económica en Galicia" que atribue o Estatuto ao poder galego. Sería un xeito de artellar a política macroeconómica da Xunta coa do Estado no seu conxunto. Sería, si. Mais o caso é que ese artigo 131 da Constitución endexamáis se aplicou; ese precepto constitucional foi conculcado dende o comenzo e convirtido en letra morta. E foino, primordialmente, para non ter que darlle "cancha" ás comunidades autónomas -e nomeadamente ás tres máis problemáticas: as dotadas de identidade nacional e proxectos nacionalistas proprios, non só políticos, senón tamén de estratexia económica emancipadora.

Até o punto de que, xa dende os primeiros mandatos socialistas, e para non violar literalmente o artigo 131 da Constitución, os sucesivos gobernos españois nunca abordaron a "planificación da actividade económica xeral" senón só plans sectoriais -como os das diversas "reconversións"- poisque para ises a letra da norma constitucional non esixía contar co poder autónomo. Só que o esixía o Estatuto galego (art. 30.7), que atribuía competencia, tamén "esclusiva", para "o desenvolvemento e execución en Galicia" dos "plans establecidos polo Estado para a restruturación de sectores económicos". Mais, que importaba iso? Xa se viu na reconversión naval, na siderúrxica, na agrogandeira, na pesqueira, e así seguido. A fin de contas, se as directrices se formulaban en leis orgánicas, tiñan o mesmo rango na xerarquía das leis que o proprio Estatuto. E se non o tiñan, de todos xeitos nen a Xunta nen o Parlamento galego se ian arrepoñer: non se arrepuxeron seriamente nunca en vinte anos.•


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >