| Torturas na comisaría do distrito de Groznenski |
| Anna Politkóvskaya | |
| Xoves, 12 de Outubro do 2006 | |
|
Artigo póstumo da xornalista rusa Anna Politkóvskaya. [Enviado por Pedro Gómez-Valadés] Cada día teño ante min ducias de carpetas. Son as copias dos expedientes das causas penais de persoas detidas ou que se topan baixo investigación por "terrorismo". Por que a palabra "terrorismo" entre comiñas? Porque a maioría desas persoas foron designadas terroristas. E esta práctica de "designar terroristas" non só desprazou no 2006 á auténtica loita antiterrorista, senón que comezou a multiplicar aos desexosos de vinganza, a potenciais terroristas. Cando a fiscalía e os tribunais traballan non en prol da lei nin para castigar aos culpabeis, senón por encargo político e para rendir conta antiterrorista ao Kremlin, as causas penais fabricanse como tortas. A cadea de montaxe para "conseguir confesións" garante de xeito magnífico bos indicadores de "loita contra o terrorismo" no Cáucaso do Norte. Eis aquí o que me escribiron as nais dun grupo de mozos chechenios condenados: "As prisións reformatorias convertéronse en campos de concentración para os mozos chechenios que foron condenados. Son discriminados por motivos étnicos". "Non lles permiten saír das celas nin dos calabozos de castigo. A maioría ou case todos os mozos foron condenados en causas amañadas, sen probas. En condicións de extrema crueldade, sometidos á humillacións da súa dignidade humana, eles comezan a odiar. E é todo un exército de homes que volverán onde nós coas súas vidas e as súas mentes estragadas...". Honestamente, temo o seu odio. Temo, porque rebordará segura as marxes. Tarde ou cedo. E non serán os investigadores que os torturaron quen pagará os pratos esnaquizados. As causas dos "terroristas designados" é o campo no que baten frontalmente dúas posturas ideolóxicas sobre o que acontece na zona da "operación antiterrorista no Cáucaso Norte": combatemos a ilegalidade coa lei? ou golpeamos coa nosa ilegalidade a deles? Estes dous enfoques chocan e botan faiscas hoxe e tamén o farán no futuro. Como resultado da "designación de terroristas" medrou o número daqueles que non queren conformarse con iso. Hai pouco, Ucraína extraditou a petición rusa a Beslán Gadáyev, detido a comezos de agosto durante unha verificación de documentos en Crimea, onde vivía en condición de desprazado forzoso. Eis aquí unhas liñas dunha carta súa datada o 29 de agosto: "... Despois de que me extraditaron de Ucraína a Grozni leváronme a un despacho e preguntáronme inmediatamente se eu matara á xente da familia Salíjov, a Anzor e ao seu amigo, un camioneiro ruso. Xurei que non matara a ninguén e que non derramara o sangue de ninguén, nin do chechenio nin do ruso. Dixéronme: 'Non, ti os mataches'. Volvín negalo. Despois de que por segunda vez dixen que non matara a ninguén comezaron a golpearme. Primeiro, déronme dúas puñadas no ollo dereito. Cando recuperei o sentido despúes deses golpes retorcéronme os brazos e esposáronme coas mans por diante, e entre as pernas, polas costas, introduciron un tubo para que eu non poidese mover os brazos aínda que xa estaba esposado. Entón colléronme, mellor dito colleron o tubo polo extremo ao que eu estaba enganchado e colgáronme entre dous caixóns, a unha altura de preto dun metro. "Inmediamente despois de que me colgaran, fixaronme uns cabos nas mans. Un par de segundos despois comezaron a darme golpes de corrente eléctrica e a golpearme con porras de goma por todo o corpo. Sen poder soportar a dor, comecei a berrar e a invocar o nome do Todopoderoso. Como resposta, para non oír os meus berros, puxéronme unha saca negra na cabeza. Non lembro canto tempo durou aquilo, comecei a perder o coñecemento pola dor. Ao ver que perdía o sentido tiráronme a saca da cabeza e preguntáronme se ía falar. Dixenlles que si, aínda que non sabía de que ía falar. Resposteilles así para me librar do suplicio aínda que fora só por un momento". "Descolgáronme e tiráronme ao chan. Dixéronme: 'Fala'. Respondinlles que non tiña nada que dicir. En resposta ás miñas palabras golpeáronme co tubo no que me penduraran tamén na zona do ollo dereito. Por causa dos golpes caín sobre un costado e, xa case inconsciente, sentín como seguían dándome golpes por doquier... Outra vez penuráronme e todo volveu a repetirse de novo. Non lembro canto se prolongou. Botáronme auga varias veces" "Ao día seguinte bañáronme, embadurnáronme a faciana e o corpo con algo. Á hora de xantar veu verme un policía de civil e dixome que viñeran uns xornalistas e que eu tiña que asumir a autoría de tres asasinatos e un asalto. En caso de que non o fixera, ameazoume con que abusarían sexualmente de min. Aceptei. Despois da entrevista cos xornalistas, obrigáronme a asinar unha declaración en que se dicía que todos os golpes os recibira durante un intento de fuga..." O avogado Zaúr Zakríyev, que defendeu a Beslán Gadáyev, declarou aos colaboradores de (a organización de dereitos humanos) Memorial que na comisaría do distrito de Groznenski que o seu defendido foi sometido a abusos físicos e psicolóxicos. Como se desprende da declaración do letrado, o seu defendido declarouse culpábel dun asalto en 2004 contra efectivos policiais. Porén, os axentes do Departamento Distrital do Ministerio de Interior decidiron que se declarase culpábel dunha serie de delitos na aldea Stárie Ataguí (distrito de Groznenski) que el non cometera. Segundo o avogado, o corpo do seu defendido presentaba lesións causadas polos crueis malos tratos aos que foi sometido. Na enfermaría do centro de detención preventiva Nº1 de Grozni, onde actualmente se atopa Gadáyev (acusado de bandidismo, artigo 209 do Código Penal de Rusia), levantaron acta médica na que deixaron constancia de multiples lesións, cicatrices, mazaduras, hematomas, costelas rotas e visceras danadas. Por todas estas violacións flagrantes o avogado Z. Zakriev presentou unha queixa ante a Fiscalía da republica de Chechenia... PS. Aquí remata o artigo de Politkóvskaya. Ficou inconcluso. A redacción de Nóvaya Gazata tenta esclarecer que episodios quedaron fóra do texto.Nota da Redacción de 'Nóvaya Gazata' Todos nos preguntamos se o asasinato de Anna Politkóvskaya está relacionado coa preparación do seu artigo sobre as torturas, que anunciou durante a súa entrevista a radio Liberdade o pasado 5 de outubro, un día antes da súa morte. Hoxe nesta páxina publicamos fragmentos do material que a nosa compañeira deixou inconcluso. Trátase do testemuño directo do uso das torturas, confirmado polos exames médicos. Ademais, Politkóvskaya recibiu un vídeo no que se ve a supostos membros dos servizos segredos chechenios torturando a dous mozos. Do pescozo dun sobresae un coitelo e sangra abondosamente; o outro fica deitado no chan malferido. Pedimos á persoa que lle enviou o vídeo que contacte con nós. A filmación foi feita polos mesmos verdugos. |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
