A quenda de Venezuela
Xulio Ríos   
Martes, 10 de Outubro do 2006

[Galicia Hoxe]

Na semana próxima, a Asemblea Xeral da ONU deberá elixir os países membros non permanentes do Consello de Seguridade. Será entón cando se decida que país latinoamericano, en substitución de Arxentina, será o novo membro non permanente. Os países da rexión que concorren son Venezuela e Guatemala. O gañador debe recibir o apoio das dúas terceiras partes dos 192 países membros. Ata agora, os países que apoian a Venezuela son moitos máis cós de Guatemala.

O apoio a Venezuela é unha mostra de independencia fronte a EEUU. O chanceler arxentino, Jorge Taina, e Bharrat Jagdeo, presidente da Guiana, país que asume a presidencia rotatoria da Organización de Países Caribeños, efectuaron recentemente senllas declaracións desafiando a presión e os "consellos" exteriores, para manifestar o seu apoio á candidatura de Venezuela. Pero a vitoria de Venezuela non está cantada. Ante todo, debe terse en conta que a votación será secreta. Iso significa que o compromiso público manifestado por algúns países podería mudar de sentido. Algúns estados en desenvolvemento obtiveron claros beneficios de Venezuela e non quixeran desgustala, pero ante as presións de EEUU poderían acabar non votando a favor de Caracas, aínda que supoña desdicirse do compromiso público.

Por outra banda, conforme ao establecido na normativa onusina, en caso de que nin Venezuela nin Guatemala obteñan os dous terzos a favor, deberase celebrar unha segunda votación incluíndo a outro país latinoamericano. E moi probable que co fin de impedir o ingreso de Venezuela no Consello de Seguridade, EEUU tomara medidas diplomáticas para que nin un nin o outro obteñan os votos suficientes e se beneficie unha terceira parte. Condoleezza Rice, expresou abertamente o 27 pasado que Wá- shington non soamente presta atención á primeira rolda da votación, senón tamén á segunda, para o caso de que ningún dos dous candidatos obteña votos suficientes.

As dúbidas apuntan a Chile, país membro non permanente nos anos 2003 e 2004. Falando menos e substituíndo o seu embaixador en Santiago, Chávez acometeu unha aproximación imprescindible para gañar o apoio de Bachelet, claramente desgustada pola extemporaneidade dunhas declaracións do diplomático, xa substituído. Unha segunda rolda de votación sería unha derrota para Venezuela, daría unha oportunidade a Chile pero abriría unha importante fenda na rexión.•

 


Xulio Ríos
Sobre o autor ou autora:
Director do Igadi.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >