Economía galega e autonomía política (I)
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 08 de Outubro do 2006

Primeira parte da Lección Maxistral de Xosé Manuel Beiras no acto académico de apertura do curso 2006-07 na Universidade de Santiago o 2 de outubro de 2006.

Hai agora vintecinco anos -todo un cuarto de século, xa- Galiza estreaba autogoberno, en forma de autonomía política regulada nun Estatuto plebiscitado eiquí e promulgado como lei das Cortes españolas, no marco da Constitución inda hoxe vixente. Por primeira vez na súa historia, Galiza ía dispor do que até daquela carecera: institucións e trebellos de acción política propria, democráticamente protagonizada pola súa cidadanía, ou sexa, polo povo galego en canto tal. Non vou abordar eiquí a temática desa autonomía política, nen a problemática desa modalidade restrinxida de autogoverno mediante carta outorgada polo poder lexislativo do Estado español: non me corresponde, porque sobardaría os lindes da "área de coñecemento" na que levo cáseque catro decenios a impartir docencia, a tentar transmitir saberes e inducir a matinación reflexiva, con máis certo proveito para min mesmo do que, seguramente, para os meus interlocutores estudantes. Voume cinxir, portanto, ao meu peculiar eido docente, o da estrutura económica, proxectar a análise estrutural sobre a nosa propria realidade e relacionala, iso si, con aquela faciana ou dimensión da autonomía política que estritamente lle atinxe: a da política económica factíbel no marco institucional establecido. E fareino a xeito dun simples boceto, sen pretender, xa que logo, o logro dun retrato acabado -pretensión ilusoria para as miñas posibilidades e fóra de cacho nunha sesión académica inaugural como ésta.

Para encetar ese boceto, convirá deseñar a situación de partida e sinalar o contexto no que a economía galega e a política autonómica, en interrelación recíproca, ían desenvolver a súa andaina até hoxe. Portanto, son inicialmente tres as dimensións do escenario a considerar: feitío estrutural da economía galega de entón, marco institucional da política económica aplicábel, e condicionantes esóxenos actuantes dende o contorno ou contexto externo.

Nas dúas primeiras dimensións, a clave reside na existencia ou non dunha diagnose correcta da patoloxía socioeconómica da realidade, indispensábel para orientar con acerto a acción institucional de política económica. Nefeito, resulta obvio, como custión previa, que todo deseño de política económica ten que estar dotado da consistencia metodolóxica e do entramado teórico referencial acaídos para dárenlle congruencia. Sen iso, caise fadalmente nun practicismo rudimentario, e daquela o poder actuará ás atoutiñadas, dando paus de cego que implicarán enormes custes de oportunidade e destrago de recursos e fondos públicos nutridos por prestacións da cidadanía, e que a máis elemental responsabilidade política obriga a asignar e administrar con rigor en función de prioridades e obxetivos definidos. Noutras verbas: só unha fundamentación teórica idónea e unha metodoloxía axeitada poden dotar ao deseño de política económica da racionalidade e lóxica interna que a fagan viábel e congruente no seu conxunto. Mais ese deseño non constitúe un exercizo académico, senón que vai destinado a actuar sobre unha realidade social, e portanto ten que basearse nos resultados dunha análise veraz e seria da estrutura económica do país e da súa posición no contexto externo, é dicir, nunha diagnose correcta da súa patoloxía socioeconómica. Só a partir desa condición poderá a acción política operar sobre esa realidade para transformala nunha direición progresista, é dicir, orientada cara o benestar do común cidadán, e non ao proveito de quen corresponda.

Na altura en que dá comenzo a andaina autonómica, Galiza dispón xa do colectivo científico capaz de facer a diagnose certeira da súa problemática económica. E de facela por introversión, con lentes proprios, e non por extrapolación nen aplicación mimética de esquemas elaborados sobre realiades cualitativamente distantes. Permitídime demorarme un chisco na glosa destas dúas aseveracións.

O colectivo científico, primeiro. Cando sobrevén a autonomía política, a Faculdade de Ciencias Económicas da Universidade compostelán leva só tres lustros de existencia. Mais ese breve período, máis breve aínda en coordenadas de tempo histórico, fora abondo para darlle un xiro copernicán ao panorama da ciencia económica no noso país. Coa criación da Faculdade de Económicas, "a economía política ingresa na nosa universidade e a nosa universidade ingresa na economía galega": díxeno nestes termos, aínda hai poucos meses, nun acto académico no que a Universidade de Vigo tivo a xentil deferencia de convidarme a falar, e reitéroo hoxe eiquí. O veloz e intenso proceso de desenvolvemento de aquela Faculdade compostelán, matriz das dúas outras nacidas logo por partenoxénese no sistema universitario galego, e hoxe en plena madurez, ese veloz desenvolvemento, digo, enxendrou ben axiña a criación dun corpus e unha escola de pensamento económico en clave galega. En dous planos ou níveis. Un, o da investigación aplicada da realidade socioeconómica do noso país. Outro, o da angueira especulativa de elaboración, ou transformación adaptativa, segundo os casos, dun marco teórico de categorías conceptuais e trebellos metodolóxicos acaídos para o seu emprego na devandita análise da economía galega. E entendédeme ben: cando falo dun corpus e unha escola de pensamento non quero dicir que sexa homoxéneo e inda menos uniforme nos seus contidos, porque non o é. Afortunadamente. Refírome a unha custión de índole epistemolóxica. Refírome a que nen o saber é neutral, nen son tampouco neutrais as formas e vieiros de acceso ao saber. Menos aínda no eido das ciencias sociais. Os lentes cos que se esculca en diferentes realidades nen son iguais nen intercambiábeis, de xeito que cando se esculca nunha realidade con lentes trabucados, a visión resulta deformada. Pois ben: até a entrada en escena da Faculdade de Económicas, os lentes cos que se adoitaba contemplar e examinar a economía galega, agás moi contadas esceicións, eran non só trabucados, senón mesmo os da óptica antitética da necesaria e acaída para chegar a unha diagnose correcta e valedeira da nosa realidade social. A remuda deses lentes é o que fixo o colectivo científico formado a raíz do ingreso da economía política na universidade galega, primeiro en Compostela e logo tamén en Vigo e na Coruña: desbotaron os lentes do oposto dialético e trocáronos por outros de fabricación propria. Só nese senso falo dun corpus e unha escola de pensamento económico e investigación aplicada en clave galega -da conxunción do universal co particular, como compre en todo saber científicosocial non alienado.

Isto acontecera xa cando se bota a andar a autonomía política, e portanto existía xa daquela unha diagnose, ou un conxunto de diagnoses, valedeiras para orientar nunha direición correcta os criterios, obxetivos e mesmo prioridades dunha política económica autónoma. Outra cousa é que as institucións políticas criadas no Estatuto dispuxesen ou non das potestades decisorias e dos instrumentos operativos necesarios para poñérena en obra. Outra cousa, aínda, é que o poder político, ou os seus usufructuarios, estivesen ou non polo labor. E finalmente, aínda é cousa distinta tamén que o contexto envolvente -tanto económico coma sociopolítico e institucional- nos ámbitos concéntricos español, europeu e do sistema mundial, favorecesen ou dificultasen, propiciasen ou atrancasen, a aplicación da terapia axeitada para a curación da patoloxía socioeconómica da Galiza de entón. Mais diso, mesmamente, quixera ocuparme un algo a seguida.

O abano de diagnoses económicas xa existentes hai un cuarto de século -moitas delas fragmentarias, por referírense a fenómenos específicos, e algunhas poucas globais- formaba un repertorio análogo ao das variacións sobre un tema na composición musical. Nefeito sendo diversas -variadas- contiñan todas no cerne unha mesma idea matriz: o carácter subdesenvolvido do feitío estrutural da base económica galega, e máis a súa posición e imbricación periférica e dependente no conglomerado de formacións sociais integrantes do sistema económico mundial. Na terminoloxía da época, diríamos que Galiza non era periferia "lonxana", mais si periferia "próxima": amostraba e padecía unha estrutura subdesenvolvida e unha condición periférica, inda con estar situada no espazo económico do centro do sistema. Estaba en Europa, mais era "periferia europea", por aplicármoslle a expresión recén acuñada daquela polo malogrado Dudley Seers. Desa matriz diagnóstica común desprendíase, como corolario, un postulado decisivo para o deseño dunha política económica autóctona, a saber: que a súa lóxica interna tiña que fundamentarse na teoría e a metodoloxía do desenvolvemento de economías periféricas, subdesenvolvidas, ou non desenvolvidas conforme aos modelos e procesos históricos que caracterizan ás formacións sociais do centro do sistema capitalista. Dito á inversa ou repetido por pasiva: que a política de desenvolvemento para as formacións periféricas, e portanto para Galiza, non podía consistir na simples reprodución a escada reducida das pautas e modelos de política económica aplicábeis ás economías avanzadas do centro, senón nalgo cualítativamente diferente no seu cerne, poisque cualitativamente diferente era tamén a súa xenuína problemática cardinal - mesmamente aquela que compría resolver para normalizar a estrutura económica do noso país, ou sexa, a que até daquela non fora resolta e constituía unha patoloxía endémica. Eis o reto primordial que deberían defrontar as recén criadas institucións políticas de autogoberno en forma de autonomía, tanto as do poder lexislativo -Parlamento- coma as do executivo -goberno ou Xunta de Galiza. Mais, ¿tiñan as potestades e recursos axeitados para facéreno? •


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
Seg. >