Galeano, abridor de ollos
Manoel Santos   
Sábado, 07 de Outubro do 2006

[En Galicia Hoxe. En español en Rebelión]

O Club Internacional de Prensa de Santiago agasallounos este primeiro martes de outono coa presenza dun deses xornalistas resistentes de discurso disidente, dun literato comprometido e dun eficaz sementador de rebeldías: Eduardo Galeano. Este creador de fábulas e recompilador de relatos fincados na máis arrepiante das realidades, no planeta da globalización inhumana, do egoísmo militante e das desigualdades de xigante, deixounos un agarimoso e emocionante feixe de pequenos grandes textos –de cruas verdades por todos sabidas, por poucos aceptadas e por moitos negadas– en forma de pecados capitais. Sete blasfemias vitais, sete vergoñas, que disque os deuses non incluíron en catálogo ningún, se cadra porque non atentan contra o divino, senón contra o biolóxico.

Galeano, patrimonio da humanidade, montevideán lúcido, máster en debullar atropelos mundanos e decoralos cos máis fermosos disfraces, cigarrón da palabra acaída, chegou á Carreira do Conde compostelá embutido en traxe negro e xersei azulado. Loito por fóra e luzada por dentro. Semellaba envolveito por ese anaco da mitoloxía galega que nos fixo soñar coa xustiza baixo os versos da Oda ao País de Nunca Máis. Tan lonxe queda aquel berro orgulloso da terra, que xa forma parte da miña mitoloxía neuronal? A nosa Troia o chapopote e a nosa Helena o mar.

Non nos viña contar nada novo. Quizabes non hai nada novo que contar neste orbe apodrecido; pero si xeitos atraíntes de narrar, obriga de insistir e necesidade de teimar na insurxencia. Galeano ten a capacidade de observar o que nós só vemos, de escoitar o que nós só oímos, de saber o que nós só intuímos e de imaxinar o que nós só soñamos. Canta, o que nós só pensamos. Non estamos perante un conquistador. Non, non é un descubridor. É, simplemente, un abridor de ollos. E como tal lle respostou a xente, coma unha multitude cega que se deixou facer. Para ben.

Con patrón de luxo, a travesía dos pecadentos partiu do peirao do racismo e do machismo, que mutilan o espléndido arco da vella da diversidade humana. As voces que de verdade merecen ser escoitadas raramente se din. Pasou sobre os baixos do autodesprezo, esa patética costume que temos de cuspir ao espello, de facer nosa a mirada que nos despreza, de diferenciar entre arte e artesanía. Atravesou o vendaval do exprimir do próximo, cuarta blasfemia, combustíbel da economía de mercado, na que cada oprimido oprime a alguén que ten debaixo; e logo proseguiu polo arrecife do mundicidio, quinto pecado. Un “matar ao mundo” que se alimenta coa sociedade de consumo, no que as empresas que máis éxito teñen son as que máis asasinan; e no que os países que deciden o destino do planeta son os que máis méritos fan para aniquilalo. Proa ao sexto pecado, o de mentir a vida, o despotismo dos medios –medos– de comunicación que nos incomunican e dos sistemas educativos que nos deseducan. E arribada e atraque no pecado dos pecados, o do medo e a obediencia, ese polo que aceptamos a realidade no canto de cambiala, polo que repetimos a historia no lugar de facela. O medo é a materia prima das prósperas industrias da seguridade e do control social. Unha demanda firme sostén o negocio, de aí que se creen inimigos a medida.

Galeano non escribe nin malgasta. Deixa caer as verbas xustas, as ideas claves e as reais realidades sobre abrancazados anacos de celulosa prensada para logo maxinalas de novo e ceibalas ao aire aos poucos, con ese acento engaiolante e esa axilidade verbomental coas que a nai natura agraciou aos fillos do cono Sur. Dalgún xeito semella unha persuasiva serea de canto doce e suxestivo, que xorde de súpeto na Odisea vital do ouvinte presto a naufragar. Porque o naufraxio existe. O mundo humano é un afundimento provocado polos de arriba para desgraza dos de abaixo, obrigados a vivir eternamente entre augas, sen poder saír a respirar nin ser quen de descansar no fondo. Pero sempre hai un náufrago, abridor de ollos, que loita polo reflote.

Escoitar a Eduardo Galeano, mesmo cando recita o xa lido por nós, é coma se a un lle fustrigaran cun ramo de rosas, das rosas máis recendentes e belidas do xardín da vida, ou das delicias. Ramallazo tras ramallazo gozamos do máis excelso dos aromas e dunha estética impecábel até a apocalipse, cando mancados polas espiñas da realidade fabulada aplaudimos emocionados, rabuñados e ensanguentados na despedida. E que nos queda? Pois un mesto manual de tropelías con refachos de esperanza. Sempre a esperanza.•


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo, director e fundador de Altermundo

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >