| 25 anos diante da Casa Branca |
| Diego Espiña Barros | |
| Domingo, 01 de Outubro do 2006 | |
|
Concepción Martín Picciotto, galega, nada en Compostela leva 25 anos apostada diante da Casa Branca sendo obxecto dos flashes dos turistas e das iras da policía e patriotas radicais por ser a conciencia que recorda o malo do sistema estadounidense.
[Tirado de Galicia Hoxe]
Á altura do 1600 da Avenida Pensilvania, en Wáshington, está Concepción Martín Picciotto. Alí, no mesmo domicilio postal que a Casa Branca, baixo un plástico que lle serve de improvisada tenda de campaña leva máis tempo vivindo que calquera presidente dos EEUU. A vella inmortalizada nunha das imaxes finais do filme Farenheit 9/11 de Michael Moore é unha galega, nada en Compostela que resposta ó nome de Conchita para os españois que se achegan a falar con ela, e Connie, para os estadounidenses que apoian a súa protesta. En agosto pasado fixo 25 anos que se estableceu na beirarrúa de Lafayette Park como incansable e molesta veciña do presidente de EEUU. Calquera que sexa. Toda historia ten a súa orixe, e a de Conchita ten que ver coa desesperación e co apelido Piccioto, tomado do seu ex marido, que foi o comezo e tamén a fin do seu soño americano. Nos anos sesenta, Concepción casara cun cidadán italoamericano, "moi poderoso", segundo ela. Eran bos tempos e a muller que hoxe sorrí sen dentes encadea sen parar un discurso no que as consecuencias de 25 anos vivindo na rúa son palpables. En 1974 chegou o divorcio e ela, coa nacionalidade norteamericana, quixo voltar a España e criar aquí a filla froito do seu malogrado matrimonio, pero topou coa oposición do marido e a súa familia política. "Sabedores da miña intención comezaron unha campaña de acoso para quitarme a miña filla", di Concepción sentada na súa casa con vistas á porta principal da residencia do presidente de Estados Unidos, George W. Bush. Tras un longo proceso, finalmente, un tribunal de Manhattan concedeulle a custodia ó seu ex marido e nunca voltou ver a nena. Agora tería 42 anos e probablemente nin sequera saiba da existencia de Conchita. Ela moveu Roma con Santiago na busca de axuda "pero ninguén me fixo caso, nin aquí nin en España", láiase. No Ministerio de Exteriores español mesmo argumentaron que perdera a súa nacionalidade. Desolada, no se rendeu e tomou a firme decisión de "non quedar calada e denunciar a hipocrisía deste país corrupto", recorda. De pasearse diariamente cunha pancarta fronte a morada do home máis poderoso do mundo, pasaou a vivir alí comezando unha vixilia de protesta que dura ata hoxe. Conchita fala un inglés cun forte acento galaico, e cando se lle pregunta de onde é, contesta que "é unha cidadá do mundo", pero cando se lle fala en español e na conversa sae Galicia, un brillo melancólico ilumina a súa mirada de homeless tomada por tola, pola maioría da xente que se para a escoitala. Ó seu redor continúan os flashes dos turistas. Todos fan o mesmo movemento. Sorriso apoiado nas verxas da Casa Branca, coa fachada principal, detrás, inmortalizada para ensinarlles ós amigos, e volta para sacarlle a foto a esta vella convertida na conciencia molesta do sistema americano. Todo baixo a atenta mirada de policías con cara de ex marine cabreado no medio de Bagdade e con problemas de respiración pola presión producida por unha roupa interior, probablemente de combate. Meter medo é unha declaración de intencións maís que intimidatoria. Ela, allena ó balbordo lanza un speech con imaxes da barbarie nas mans onde denuncia que "Estados Unidos é o país sen democracia", "Bush o asasino terrorista" e "as armas de destrución masiva son as que utiliza o Goberno norteamericano". "Neste tempo vin pasar cinco presidentes de EEUU. Carter, Reagan, Bush pai, Clinton en Bush fillo", enumera, "e sen dúbida a peor época para min foi cando estaba Reagan". Foron tempos de detencións, de presións e de artimañas para impedir a súa protesta. Desde entón, sobrevive fronte ó acoso policial, o mal tempo, as provocacións de patriotas radicais e as agresiós. O Servizo de Parques e Xardíns que custodia a zona –armados ata os dentes–, prohíbellle durmir en saco, sentarse nunha cadeira ou portar mais dunha pancarta. Ademais, estas non poden ter máis dunhas medidas estipuladas que a policia se encarga de verificar a cada momento. Franqueada por dous paneis onde se expoñen fotos de guerra pasa as horas pintando o que ela chama as "pedras da paz", que regala a cambio das esmolas ou os donativos que recibe para a causa. "O peor é pola noite cando á policía se lle da por molestar e pon o coche aceso diante e bótanme o fume. Ás veces péganme, por iso levo un casco", di, mentres sinala o que se supón un casco camuflado sobre unha perruca marrón. Ó principio, Connie tivo un compañeiro, Thomas Doubting, un activista británico que iniciara dous meses antes unha protesta contra a proliferación de armas atómicas. Thomas marchou hai anos pero Conchita quedou. Aínda vive en Wáshington e el a súa muller son practicamente o único apoio de Conchita. "Procuro non abandonar o forte –sorrí ela– para evitar calquera cousa e ás veces vou á súa casa a lavarme e a comer pero o resto do tempo estou aquí". A veciña de Bush non leva conta dos días nin das horas. Só recorda cando comezou a súa vixilia e di non saber os anos que ten. 25 na rúa fan que parezan aínda maís, e xa son moitos. Sobre o que lle queda, unha soa frase. "Ata que Deus queira. Eu só sairei de aquí cós pes por diante".• |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
