| A "cámara clara" de Manolo Blanco |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 01 de Outubro do 2006 | |
|
[Tirado de Galicia Hoxe] Hoxe vai de Roland Barthes... e Manolo Blanco. Estraña mestura, pensaredes, deforme binomio de membros disímiles e desproporcionados. Só en apariencia, penso eu. Axiña veredes porqué. Mais, primeiro quero contarvos, inda que non mo preguntedes, cómo foi que cheguei a este dispar e asimétrico emparellamento binomial que hoxe enuncio sen recato ningún. Ocorre que, a comenzos do vran que ven de rematar, o meu amigo Manolo -Blanco, claro- pedíume unhas liñas para o catálogo dunha exposición fotográfica de obra sua que andaba a preparar. Escribinas e deillas. Ocorre asimesmo que, dende hai un bó feixe de meses, eu andaba a reler ou ler de novas -e sigo ainda- ao Roland Barthes que eu descobrira nos anos sesenta, con ocasión das miñas estadías en Paris, coincidentes co período de erupción volcánica do estruturalismo na filosofía da ciencia, e nomeadamente das ciencias sociais. Teño a impresión de que xa vos comentara algo disto nunha ocasión anterior, e até que o entendía millor agora. Mais só a impresión, de ningún modo a certidume, porque a miña memoria é moito menos boa do que adoitan dicir os amigos do meu trato, e tamén porque a min mesmo sí que soamente rara vez me releo. En tal caso, desculpade. Andaba e ando, dicía, a ler e reler en Roland Barthes, do xeito desordeado e desordeadamente recurrente que é natural en min. Vamos, que é a miña natureza, e déixoa funcionar libremente, cando non preciso sometela á molesta disciplina dun labor inteleitual metódico e sistemático por mor duns resultados a acadar obrigadamente. Vale. Pois é o caso que nesas leituras e releituras foron pasando perante os meus ollos e o meu caletre unha serie de textos referidos á imaxe, aos diversos procesos de criación, transmisión e comunicación da imaxe, sexa fotográfica, pictórica ou cinematográfica. E o que máis interesa: matinacións refulxentes sobre a natureza e sentidos da mensaxe contida na imaxe e veiculizada a traveso dela -e a sua descodificación, a sua "leitura" polo receitor ou o observador. E velaí: nese contexto, ou millor dito, no meio desa romeiría ideatoria, a contemplación da obra fotográfica de Manolo Blanco convirtíuse, naturalmente, nunha leitura guiada, nunha leitura de aquelas imaxes conducida polo vello Barthes dende o alén. E resultou que cadraba, a cousa cadraba, abofé. O binomio, xa que logo, non é deforme nen desproporcionado nos seus membros. A fotografía de Manolo -Blanco- ilumina no meu caletre, con imaxes nidias da concreta realidade que eu coidaba coñecer, que cando menos éme familiar -xentes, natureza e obxetos do meu contorno paisán- as matinacións apreixadas nas miñas leituras do Barthes. Poñamos por caso un tema. En rigor, dous temas conxugados. Os dous afloran nas matinacións agrupadas baixo o rótulo, elocuente il, de "A escritura do visíbel". Acompañádeme, queredes?. O primeiro diles pódese enunciar -co permiso do Barthes- como "o paradoxo da mensaxe fotográfica". En abreviatura, consiste en que, de primeiras, e por definición, o que a fotografía transmite, ou sexa o contido da mensaxe fotográfica, é a escena como tal, a literalidade do real: para pasar da realidade recollida en imaxe á sua fotografía, ou sexa do obxeto á sua imaxe, non é necesario utilizar ningún código. A particularidade xenuina da fotografía consiste en que "é unha mensaxe sen código". Eis a primeira face do paradoxo. Cando un contempla unha foto, non vé a fotografía, senón só o obxeto fotografado -a diferencia dunha pintura, por icónica e realista que sexa: nun retrato pintado un pode "recoñecer" á persoa retratada; nun retrato fotográfico esa persoa "está aí", natural ou "en pose", pero está. E venme á memoria neste intre un xenial ensaio de Carlos Maside sobre a fotografía (retrato) popular, escrito hai máis de meio século, ben anos antes de que Barthes escribise nada do que estou a ler. Mais eiquí aflora xa o segundo tema: a pluralidade de mensaxes contidas nunha imaxe. Tódalas reproducións analóxicas da realidade, as representacións dela en imaxes que a imitan -e sáltame agora ao maxín a esactitude semántica do léxico popular galego, que expresa o parecido co verbo "imitar", e non "parecer"- esas reproducións, digo -perdón, di Barthes, eu só repito- conteñen en primeiro lugar unha "mensaxe denotada", cunha función denotativa: denotan a realidade á que se refiren por analoxía, a realidade que tencionan representar en imaxe. Mais, ben mirado, conteñen tamén unha "mensaxe connotada", expresada por exemplo polo "estilo" artístico: a connotación ven dada -entre bastidores- pola "maneira en que a sociedade dá a ler" o que ela pensa da realidade representada na imaxe. Noutras verbas: a mensaxe connotada si que require, e ten, un código, que ven dado pola sociedade a traveso dos sistemas culturais e dos seus elementos simbólicos, retóricos ou repertorios de estereotipos. Pois ben, esa dualidade non existe, en principio, na fotografía. E pontualiza Barthes: "en todo caso, non para a fotografía de prensa, que nunca é unha fotografía "artística" ". E engade: "por darse como un análogo mecánico da realidade, a sua mensaxe primeira -denotada- dalgún xeito enche plenamente a sua substancia e non deixa sitio ningún para o desenvolvemento dunha mensaxe segunda" -connotada. Nesa peculiaridade residiría a "obxetividade" da fotografía, da reportaxe fotográfica. Mais, furgando debaixo da codia do fenómeno fotográfico, acaba por descubrirse que a mensaxe fotográfica non "funciona" así como parece: non se confina na simple denotación da realidade. A "obxetividade", a fidelidade neutral na representación, e os demáis "caracteres que o sentido común atribue á fotografía", acaban por ser míticos. A fotografía tamén contén mensaxe connotada. Só que a connotación venlle dada, no caso da foto de prensa, por ser "un obxeto escollido, composto, tratado conforme a normas profisionais, estéticas ou ideolóxicas que son outros tantos factores de connotación". E por outra banda, o público que "consume" esa fotografía fai dela unha leitura "vencellada máis ou menos conscientemente a unha reserva tradicional de signos" -e todo signo supón un código de connotación, que compre desvelar e establecer. Aí reside a raiceira soterrada do paradoxo da fotografía: na "coexistencia de duas mensaxes, unha sin código (sería o análogo fotográfico), e a outra con código (sería a "arte", ou a "escritura", ou a retórica da fotografía)". E o paradoxo consistiría en que "a mensaxe connotada (ou codificada) se desenvolve eiquí a partir dunha mensaxe sin código". Outro día, se cadra, comentarei -para os supervivintes da leitura de hoxe- o terceiro nível de mensaxe, ou o "terceiro sentido", desvelábel nunha leitura da imaxe, que Barthes debulla nunha xenial e modélica matinación analítica encol do "Iván o Terríbel" de Einsenstein. Outro día, se cadra, e se aínda fica alguén disposto a facer conmigo esa pelerinaxe profana. Hoxe, en desagravio a Manolo Blanco pola disección en vivo, e sen anestesia, á que sometin de esguello a sua arte "connotada", remato coas liñas -restras de palabras- que dediquei á sua última exposición. Son éstas. "Dicía Roland Barthes, en A cámara clara, que "no fondo, a Fotografía é subversiva non cando abraia, senón cando fai pensar". Lembrárame eu dese certeiro e revelador pensamento, mentras paseaba a miña ollada polas imaxes da grande mostra retrospectiva da sua obra que, o vran pasado, espuxera Manolo Blanco en Compostela. Porque as fotografías de Manolo aseméllanse a il mesmo, ese home de maneiras discretas e apacíbeis, aparentemente manso, nunca estridente, mais que acobilla unha persoalidade de cerne ético rexo e xinea libertaria extremadamente sensíbel e perspicaz. Unha cámara agudamente crítica ou emotivamente tenra. Asegún incite e reclame o obxeto, animado ou inanimado, da sua atención como fotógrafo, o testemuño gráfico resultante berrará unha denuncia silenciosa, recitará unha romanza sen palabras, ou expresará unha emoción solidaria. Manolo trata os temas co sabio oficio e o agarimo sensorial que pon o artesán no manexo dos materiais nobres cos que traballa a sua obra, sexa tallista, orfebre ou ceramista. Ou fotógrafo. E sempre en clave de beleza plástica. Sempre diáfanamente, sempre cunha cámara clara. "Compostelán coma min, a figura de Manolo Blanco acompáñame na memoria dende a miña mocedade, cando íl comezaba a facer fotos para a prensa. Dende aquela, a sua andaina leva percorrido un longo camiño progresivamente ascendente, unha traxectoria de constante maduración. Nese proceso, o artesán transformouse en artista, o reporteiro gráfico en criador de imaxes con valor estético de seu. Dicía tamén Barthes que "unha foto é sempre invisíbel; non é a foto o que vemos" -senón o obxeto retratado, traducido en imaxe. Até que a foto se fai arte, e como tal conmove, por obra da capacidade de criación do seu autor. Veleiquí tendes unha mostra dese prodixio. Non é a ribeira, nen o mar, nen as embarcacións, nen as xentes da ría de Noia, do Son e de Muros o que estades a ver nestas fotos. É a ollada dun home sensíbel sobre os seres e as cousas deste recanto do mundo, verquida en fermosas imaxes pola sensibilidade e a arte de Manolo Blanco a traveso do lente da sua cámara clara".• | |
| < Ant. |
|---|

