O complexo industrial militar dos EUA
Rodrigue Tremblay   
Xoves, 28 de Setembro do 2006

[Online Journal. Traducido do inglés para Rebelión por Sinfo Fernández. Ao galego por altermundo.org]

Os cinco alicerces do complexo industrial militar dos Estados Unidos.

“Pódense atopar sistemas militares desmesurados en calquera modalidade de goberno que manteña actitudes de rexeitamento ante a liberdade, e que son considerados particularmente hostís ante a liberdade republicana” George Washington (1732-1799). Primeiro presidente estadounidense.
“[A] conxunción dun sistema militar inmenso e dunha gran industria armamentística é algo novo na experiencia estadounidense… Nos consellos de goberno, debemos gardarnos ben de que o complexo industrial militar chegue a ter unha influencia inxustificábel, sexa ou non alentada. Hai potencial, e seguirá habéndoo, para que se produza ese desastroso aumento de poder de xeito evidente inapropiado.” Dwight D. Eisenhower (1890-1969), 34º presidente, discurso de despedida, 17 de xaneiro de 1961.
“Que o noso país vaia agora cara a un modelo de economía baseada nas armas é parte do modelo xeral dunha política desacertada, alimentado con axuda dunha psicosis, inducida artificialmente, de histeria de guerra e nutrida a partir dunha propaganda incesante ao redor do medo.” Xeral Douglas MacArthur, discurso do 15 de maio de 1951.

Na década dos anos vinte do pasado século, o Presidente Calvin Coolidge dixo: “O negocio de EUA consiste en facer negocios”. Na actualidade, pode dicirse que a industria de armas e a guerra permanente convertéronse nunha gran parte do negocio estadounidense, conformándose como unha especie de filial dun complexo industrial militar ben arraigado. Anteriores homes estadounidenses con visión de alcance fixeron advertencias contra esta deriva, homes como o Presidente George Washington e o Presidente Dwight Eisenhower, ao ser intrinsicamente contraposta á democracia e á liberdade. Con todo, á actual administración Bush-Cheney non lle asustan esas tendencias; os seus principais membros son parte delas e, precisamente, están moi ocupados promocionándoas.

As guerras, especialmente as guerras electrónicas modernas, provocan uns masacres terríbeis, pero son tamén sinónimo de grandes contratos que supoñen custes altísimos, grandes beneficios e grandes posibilidades de emprego para todos aqueles que conforman o necesario engranaxe militar. As guerras son o paraíso dos preeiros.

As guerras son tamén unha vía para que políticos mediocres monopolicen as novas e os medios de comunicación no seu favor de xeiro partisano avivando o fervor patriótico e presionando por un nacionalismo de vía estreita. Efectivamente, inflamar o patriotismo e o nacionalismo é un vello truco demagógico que se utilizou sempre para dominar as nacións. Cando iso sucede, hai un claro risco de que a democracia e a liberdade se erosionen, e ata que desaparezan se eses desenvolvementos conducen a unha concentración exacerbada de poder e de corrupción política.

Os ataques terroristas do 11-S de 2001 supuxeron unha bonanza para o complexo industrial militar estadounidense. Foi un acontecemento, un “Novo Pearl Harbor”, polo que algúns estiveran esperando. A razón? Eses ataques deron o pretexto perfecto para desenvolver gastos militares, que se anhelaban logo da desaparición do antigo Imperio Soviético. E, ademais, proporcionaron o fundamento para aumentalos de xeito espectacular, substituíndo unha “Guerra contra o Terrorismo” por unha “Guerra contra os Islamistas” como substituta da “Guerra contra o Comunismo” e a “Guerra Fría contra a Unión Soviética”. Nesta nova perspectiva, as portas do gasto militar podían abrirse e este fluír de novo. O desenvolvemento do cada vez máis sofisticado armamento podería continuar e miles de corporacións e centos de distritos políticos poderían seguir levándose os beneficios. Os custes serían asumidos polos contrinuíntes, polos homes e mulleres novas que morrerían en combate e polas remotas poboacións que xacerían baixo a choiva de bombas que caerían sobre eles e os seus fogares.

Efectivamente, en setembro de 2000, cando o Pentágono emitiu o seu famoso documento estratéxico titulado “Reconstruíndo as Defensas dos EUA”, expresábase a crenza en que o tipo de transformación militar que os planificadores estaban a considerar requeriría dalgún “suceso catastrófico e catalizador”, como un novo Pearl Harbor, para que fora posíbel venderlle o plan ao pobo estadounidense. Foron ou intuitivos ou afortunados porque, un ano máis tarde, xa tiñan o “Novo Pearl Harbor” polo que devecían.

O complexo industrial militar necesita guerras, moitas e sucesivas guerras, para prosperar. O equipamiento militar vello ten que ser reparado e reemplazado cada determinado tempo se hai unha guerra en marcha. Pero para xustificar o enorme custe que supón ter que desenvolver armas cada vez máis mortíferas, necesítase que haxa un clima constante de temor e vulnerabilidade. Por exemplo, hai moitos informes, elaborados por observadores internacionais e persoal médico, no senso de que os ataques israelís contra o Líbano e Gaza durante o verán de 2006 facilitaron o uso de “novas armas feitas nos EUA”. Informouse que esas armas incluían bombas de uranio empobrecido, armas de “enerxía directa” e armas novas químicas e biolóxicas. Estas armas non só logran que o acto de matar sexa máis doado, senón que tamén deixarán contaminado o medio ambiente con partículas de uranio empobrecido radioactivo durante as próximas décadas.

Pero, para construír un pacto suficientemente forte como para levar a un país democrático polo carreiro dunha permanente economía de guerra, necesítase unha alianza de intereses entre militaristas, industriais, políticos, aduladores e propagandistas. Estes son os cinco alicerces do complexo industrial militar que poden atoparse nos Estados Unidos.


1. O sistema militar estadounidense

En 1991, ao final da Guerra Fría, o orzamento de defensa dos EUA era de 298.900 millóns de dólares. En 2006, ese orzamento medrara ata acadar a cifra de 447.400 millóns de dólares, e esa cifra non incluía os 100.000 millóns de máis gastados nas guerras de Iraq e Afganistán. Estimouse que os gastos militares estadounidenses, sen necesidade de esaxerar, achéganse á metade dos desembolsos militares mundiais (48% do total mundial en 2005, segundo cifras oficiais), malia que a poboación estadounidense representa menos do 5% da poboación mundial e ao redor do 25% da produción mundial total. Como porcentaxe, os gastos militares estadounidenses comen un mínimo do 21% do orzamento federal total estadounidense (2006=2.500 billóns de dólares). Un orzamento militar tal é maior que o productor interior bruto (PIB) dalgúns países, como Bélxica ou Suecia. É unha especie de goberno dentro doutro goberno.

En 2006, o Departamento de Defensa dos EUA empregou a 2.143.000 persoas, mentres que os contratistas de defensa privada empregan a 3.600.000 traballadores, o que supón un total de 5.743.000 postos de traballo nos EUA relacionados co sector da defensa, ou o 3,8% do total da forza laboral. Ademais, hai case 25 millóns de veteranos nos EUA. Xa que logo, pódese dicir que máis de 30 millóns de estadounidenses reciben cheques que teñen a súa orixe directa ou indirectamente no orzamento militar do estado. Supoñendo con cautela que só dúas persoas maiores de idade votan por fogar, isto tradúcese nun bloque duns 60 millóns de votantes estadounidenses que teñen intereses financeiros no sistema militar estadounidense. Así pois, atopámosnos co perigo dunha sociedade militarizada que se perpetúa a si mesma politicamente.


2. Os contratistas da defensa privada

Os cinco contratistas máis importantes da Defensa estadounidense son Lockheed Martin, Boeing, Northrop Grumman, Raytheon e General Dynamics. Van seguidos de Honeywell, Halliburton, BAE System e miles de compañías e subcontratas de defensa máis pequenas. Algunhas, como Lockeheed Martin en Bethesda (Maryland) e Raytheon en Waltham (Massachussets) obteñen preto do 100% dos seus negocios dos contratos de defensa. Outras, como Honeywell en Morristown (Nova Jersey), teñen importantes divisións de produtos de consumo. Con todo, todas están preparadas para sacar proveito en canto os gastos de subministros de armas medran. De feito, os contratistas de defensa estadounidenses estiveron gozando dos grandes orzamentos do Pentágono dende marzo de 2003, i.e., dende o comezo da guerra de Iraq. Como consecuencia, contabilizaron aumentos considerábeis nos rendementos totais das súas accións, indo dende o 68% (Northrop Grumman) ata o 164% (General Dynamics) dende marzo de 2006 a setembro de 2006.

Tamén se sinalou que os contratistas da defensa privada xogan outro papel social: son grandes empregadores de antigos xenerais e antigos almirantes do sistema militar estadounidense.


3. O sistema político

Nos EUA, o Presidente George W. Bush, un antigo petroleiro, e o Vicepresidente Dick Cheney, como antigo presidente e director executivo da gran compañía de servizos petrolíferos Halliburton, en Houston (Texas), personifican a imaxe de políticos consagrados ao crecemento e desenvolvemento do complexo industrial militar. A súa administración estendeu o sistema militar e adoptou unha política exterior militarista a unha escala nunca vista dende a fin da Guerra Fría e ata dende a fin da II Guerra Mundial. Efectivamente, baixo a administración Bush-Cheney, a industria armamentística volveuse extremadamente rendíbel. Contratos por miles de millóns de dólares van a toda marcha vendendo avións e tanques a diversos países nun mundo que evoluciona cada vez máis de costas ao dereito. Case as dúas terceiras partes de todas as armas exportadas no mundo saen de Norteamérica.

O Congreso, pola súa banda, está en débeda coas corporacións de defensa que operan nas plantas militares existentes é cada un dos distritos dos congresistas ou nos estados dos senadores, ademais de certas gratitudes aos lobbys que lles proporcionan fondos e apoios nos medios en épocas electorais.


4. Os “think tanks” do sistema

Os asesores e os aduladores que se achan detrás da economía orientada cara a guerra forman un rede entrelazada dos chamados “think tanks” con sé en Washington, financiados por ricas fundacións que están exentas de impostos e que teñen miles de millóns de dólares de activos, como, por exemplo, a Fundación John M. Olin, a Fundación Scaife ou a Fundación Coors, etc… Entre os “think tanks” máis influíntes e representativos, cuxa misión é orientar a política exterior estadounidense, atópase o American Enterprise Institute (AEI), a Heritage Fundation, o Middle East Media Research Institute, o neoconservador Washington Institute for Near Eastern Policy, o Center for Security Policy, o Jewish Institute for National Security Affaire, o Project for the New American Century (PNAC) e o Hudson Institute. Todos eses “think tanks” serven para un dobre obxectivo: proporcionan funcionarios gobernamentais para realizar informes políticos sobre diversos temas, normalmente cunha visión moi conservadora; e serven como incubadoras dos departamentos gobernamentais, fornecéndolles persoal que xa foi formado e proporcionando postos de traballo para funcionarios que están fóra do poder.

Obsérvase que a mesma porta xiratoria que existe entre o sistema militar e os contratistas de defensa, tamén se move entre os “think tank” con sé en Washington e os departamentos do goberno dos EUA.


5. O establishment da “propaganda”

Os propagandistas da economía a favor da guerra pódense atopar máis ca nada na dereitista industria dos medios de comunicación estadounidenses. Isto débese a que a venda de políticas orientadas cara á guerra require a pericia que só unha ben engrasada máquina de propaganda pode proporcionar. A ferramenta propagandística máis potente é a televisión. Aí a Rede Fox de Novas de Rupert Murdoch é invencíbel. Non hai un medio de comunicación estadounidense máis abertamente devoto da ideoloxía neocon e máis comprometido no apoio das novas guerras estadounidenses que a Fox News. A CNN ou a MSNBC poden intentar algunhas veces emulala, pero o seu profesionalismo impídelles achegarse de máis a Fox News, que está demasiado predisposta a favor da guerra e promove sen pudor algún a dominación global dos EUA. Os esforzos de propaganda da Fox están estreitamente coordinados con outro medio escrito propiedade de Murdoch, como é o Weekly Standard e o New York Post. O Washington Times, que está controlado polo Reverendo da Igrexa da Unificación Sun Myung Moon, o neoconservador New York Sun e outras publicacións neocon, como o National Review, The New Republic, The American Spectator, The Wall Street Journal, completan a infraestrutura máis importante de propagandistas a favor da guerra.


En conclusión, esa conxunción de cinco maquinarias para a guerra, i.e., o inflado establishment militar, a gran industria armamentística estadounidense, a administración neocon favorábel ás guerras, co Congreso de xeonllos ante os lobbys militaristas, a rede de “think tanks” favorábeis á guerra e os belicosos propagandistas dos medios constitúen o marco do complexo industrial militar, do que o Presidente Dwight Eisenhower, en 1961, hai 45 anos, xa temía sabiamente que puidese exercer unha influencia corrosiva sobre a sociedade estadounidense.

*Rodrigue Templay é profesor emérito de economía no Universidade de Montreal. Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
É autor do libro The New American Empire.
O seu blog: www.thenewamericanempire.com/blog
 
< Ant.   Seg. >