O exame de Lula
Fran Sevilla   
Xoves, 28 de Setembro do 2006

[Tirado de Galicia Hoxe]

Jaime Paz Zamora explicáballe a un grupo de xornalistas o seu punto de vista sobre a situación en América Latina, con especial referencia a dous países que comparten fronteira, o seu propio País, Bolivia, e o seu poderoso veciño Brasil. Paz Zamora puña sobre a mesa o primeiro mandato de Luz Ignacio da Silva, Lula, para facer paralelismos sobre o inicio do seu goberno e o de Evo Morales en Bolivia. Segundo Paz Zamora, Lula logrou sobrepoñerse ós casos de corrupción que salpicaron ó seu goberno e ó seu partido, o Partido dos Traballadores, e á perda de popularidade entre os seus incondicionais de antano, defraudados pola lentitude ou escasa profundidade dalgunhas reformas, porque nos seus primeiros meses de mandato suxeriuse a disxuntiva entre gobernar para o Partido ou gobernar para o Brasil e escolleu esta última. Polo contrario, segundo Paz Zamora, Evo Morales aínda non realizou a elección entre gobernar para o seu partido ou para Bolivia, o que de seguir así se traducirá nun tremendo prexuízo para ambos os dous. Veñen ó caso estas reflexións toda vez que o propio Lula se enfronta o próximo domingo á reválida inexorable das urnas.

E faino, segundo as enquisas previas, con moitas posibilidades de gañar novamente as eleccións. A clave pode estar en que o logre con máis do 50% dos votos, facendo innecesaria así unha segunda volta. Do contrario, cabe a posibilidade de que che saia a sorpresa. Sobre todo, despois de que do seo do seu propio partido xurdise unha nova formación, o Partido Socialismo e Liberdade, liderado por Heloisa Helena, expulsada do PT no 2004 polas súas furibundas críticas a Lula e ós que o rodean e fixeron do Partido unha máquina de poder cego.

Helena é candidata á presidencia e aínda que as enquisas non lle dan máis dun 8% de intención de voto podería ser suficiente para obrigar a unha segunda volta. As críticas de Heloisa Helena e dos desafectos a Lula da Silva veñen do que consideran o abandono dos seus soños e promesas de xustiza social e igualdade en mans da voraz rapina dun neoliberalismo salvaxe que fai de Brasil un dos países con maiores e máis sangrantes desigualdades sociais e económicas. A cambio de deixar as cousas como estaban, Lula lograría garantías de que os poderosos sectores que controlan a economía brasileira non desestabilizarían o seu goberno e mesmo mirarían para outro lado ante a evidente corrupción. Só o tempo dirá se Lula gobernou realmente para todo Brasil, especialmente para os numerosos pobres, ou se ó final o seu rechamante discurso e o seu programa de "fame cero" quedou en pura retórica. De momento, a fame segue acudindo cada día á porta de millóns de brasileiros para os que nada cambiou nos últimos anos.•

 
< Ant.   Seg. >