| Entre Chávez e Chomsky |
| Miguel Anxo Fernán-Vello | |
| Xoves, 28 de Setembro do 2006 | |
|
[Tirado de Galicia Hoxe] O presidente de Venezuela, Hugo Chávez, recomenda a lectura dun libro de Noam Chomsky durante a súa intervención na 61 Asemblea Xeral da ONU e ás poucas horas a obra titulada Hexemonía ou supervivencia: a busca estadounidense do dominio global (2003) –estaba practicamente fóra de circulación– recolócase no mercado americano e mundial ocupando os primeiros postos nas listas de libros máis vendidos. E comezan as reedicións da obra: Metropolitan Books lanza de novo 25.000 exemplares, que son inmediatamente devorados. O presidente Chávez, en realidade, fixo unha apoloxía da lectura –discurso político incluído– e convidou ao pobo dos Estados Unidos a ler máis a Chomsky "en lugar de ver tantas películas de Superman e Batman". O certo é que Hugo Chávez ocupou grandes espazos nas edicións de The New York Times, The Washington Post e mesmo no Daily News, ao mesmo tempo que as canles televisivas daban conta do acontecido, facendo especial fincapé na retórica anti-Bush, xúlguena vostedes mesmos –na Asemblea foron bastantes os que bateron palmas–, do presidente venezolano. O propio Chomsky expresou horas despois –agradecendo a campaña a prol da lectura de Chávez– non estar moi de acordo co "ton" empregado polo mandatario caribeño no seu discurso –ou sexa, na forma–, mais si dixo que consideraba moitas das propostas e opinións do líder venezolano francamente interesantes e construtivas. Talvez Chomsky sexa hoxe o intelectual vivo máis importante do mundo, sendo ademais, sen dúbida ningunha, o lingüista máis destacado e influinte do século XX. E Hugo Chávez Frías –os dous apelidos de raíz galega– é un dos grandes líderes políticos indiscutíbeis de América Latina. Os dous, que dúbida cabe, son antiimperialistas. E saben que a súa posición a este respecto, cada un no seu ámbito, a reflexión e a acción, non é unha posición abstracta senón "concreta". Tamén Mark Twain –lembraba hai pouco Chomsky– escribiu ensaios antiimperialistas e se opuxo no seu día, con decidida participación, á guerra de Filipinas.• Visita a páxina persoal de Noam Chomsky. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

