Taiwán: Azul, verde… e vermello
Xulio Ríos   
Venres, 15 de Setembro do 2006

[En La Insignia . Traducido por altermundo.org]

A política taiwanesa exprésase en cores. O azul foi adoptado polo Kuomintang (KMT), o Partido o Pobo Primeiro (PPP) e o Partido Novo (PN), mentres que o verde engloba ao Partido Democrático Progresista (PDP) e a Unión Solidaria de Taiwán (UST). Os primeiros controlan a maioría no Iuan legislativo, mentres que ao redor dos segundos (PDP) vira a presidencia da illa.

O pluripartidismo taiwanés reconducírase así a un mapa bicolor no que o principal elemento diferenciador das diferentes alternativas facíase depender non tanto dos programas de política estrictamente interna, onde os matices suxiren lixeiras diferenzas en materia económica, social ou cultural, senón no referente á posición a defender en relación a China. Mentres os azuis participan dunha estratexia de achegamento ao continente baseada no diálogo directo coas autoridades de Pequín para impulsar as relacións económicas e comerciais; os segundos, apostan por unha estratexia de corte soberanista, baseada na diabolización da política chinesa respecto de Taiwán.

Con todo, a irrupción de graves problemas de corrupción nos últimos meses e que afectan á contorna presidencial (á esposa e ao xenro de Chen Shui-bian), provocou un singular xiro na vida política taiwanesa. Dunha parte, favoreceu a urxencia dun movemento cívico en torno ao antigo disidente Shih Ming-teh [1], preso durante máis de dúas décadas nos cárceres do KMT e, noutro tempo, tamén presidente do PDP, evidenciando a vitalidade democrática da sociedade taiwanesa. Por outra, desprazou o principal eixe do debate na vida política da illa, convertendo a corrupción e a esixencia dunha moralidade elemental no desempeño público no asunto central.

Shih Ming-teh adoptou a cor vermella para o seu movemento, cuxo obxectivo consiste en lograr a deposición do presidente Chen. O pasado sábado, varios centos de miles de persoas concentráronse en Taipei para iniciar unha sentada de protesta que só se suspenderá, aseguran, cando Chen abandone a presidencia. Malia as choivas torrenciais caídas e da delicada saúde de Shih (recentemente tratado dun cancro de fígado), os manifestantes resistiron as inclemencias e amosáronse dispostos a manter a presión contra o presidente.

Chen rexeita calquera posibilidade de dimisión anticipada (o seu mandato finaliza en marzo de 2008) e lembra a súa axenda "imposíbel" para os 20 meses que restan: admisión de Taiwán na ONU, redacción dunha nova Constitución, e a organización dun referendo popular para esixir ao KMT a devolución dos bens públicos adquiridos de forma fraudulenta no pasado. Non dispón nin dos apoios parlamentarios nin da credibilidade social dabondo para levar a cabo con éxito ningún dos seus obxectivos.

Xurdido á marxe do sistema de partidos, o movemento de Shih Ming-teh logrou desprazar o protagonismo político dunha oposición un tanto timorata, especialmente a súa principal cabeza, Ma Jing-jeou, pero tamén condicionada polo exercicio do poder durante medio século, un periodo no que abundaron non poucos casos de corrupción. O movemento espontáneo de Shih, se chega a cristalizar nalgunha fórmula alternativa, pode facer perigar o retorno ao poder dun KMT conformado co desgaste sufrido polo PDP no poder. A coherencia demostrada por Shih Ming-teh na defensa sen concesións dunha democracia virtuosa é expresión dunha enerxía cívica que pode facilitar unha saída airosa para a maior crise política vivida en Taiwán nos últimos anos.

As vindeiras semanas poderían ser decisivas para o futuro político de Chen. A presión popular e os chamamentos aos principais "baróns" do PDP para que eviten o colapso político do país, poden atopar na vicepresidenta, Annette Lu, o punto de encontro que facilite un desenlace aceptábel non só para o PDP, que mantería o poder ata 2008 e afrontaría as eleccións municipais parciais de decembro en mellores condicións, senón tamén para o KMT, medorentos ambos de que unha nova cor se asente no mapa político da illa.

[1] Shih Ming-teh, disidente 25 anos preso polo KMT en tempos da lei marcial, cabeza do único movemento opositor que existiu en Taiwán durante a ditadura, líder do PDP entre 1993 e 1996, non puido gardar silencio por máis tempo. Na súa carta aberta dirixida a Chen e feita pública o pasado 10 de agosto, reclámalle a súa dimisión inmediata polos escándalos financeiros e políticos nos que se viu envolta a súa familia e contorna. Para reforzar a súa petición, lanzou un movemento social –dun millón de persoas– para forzar a dimisión de Chen. A combinación da autoridade moral de Shih, toda unha icona da vida política taiwanesa, e esta mobilización, de ter éxito, pode afectar seriamente á permanencia de Chen á fronte da presidencia da illa. (Nota extraída por altermundo.org do artigo Taiwán: la vuelta de Shih Ming-teh, de Xulio Ríos. Argenpress, 16/08/2006).
*Xulio Ríos é director do Observatorio da Política Chinesa (Casa Asia-IGADI).

Xulio Ríos
Sobre o autor ou autora:
Director do Igadi.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >