O suicidio machista
Andrés Montero Gómez   
Xoves, 14 de Setembro do 2006

[Tirado Mujeres en Red. Traducido por altermundo.org]

O outono é a estación estrela para os xulgados de familia. Logo dun verán no que esposos e esposas están expostos a si mesmos, no que se decatan de que levan todo un ano, toda unha vida xunto á persoa equivocada, sucédense as demandas de divorcio. O outono trae a caída de moitas parellas de folla caduca. Algunhas destas separacións son decisións dunha muller que conseguiu poñer fin á violencia que sobre ela exercía un home. Outras son parellas frustradas.

Os asasinos de mulleres están tan activos no verán coma no resto do ano. Poden quitarlle a vida a unha muller en calquera intre, logo de sometela varios anos a tortura. Ás veces, logo dun intenso proceso de dor, de illamento, de profunda desorientación e vergoña, unha muller atopa unha saída. Non é necesariamente unha cuestión de valor. Todas elas teñen valor, as que escapan das poutas dun torturador e as que son desposuídas da vida por un asasino. A violencia produce, entre os seus efectos perversos, unha alteración traumática nos procesos de extracción de xuízos e toma de decisións nas persoas expostas a ela, sobre todo entre quen foron vítimas dunha violencia sistemática. As mulleres agredidas por homes son sistematicamente sometidas a violencia durante moitos anos. As que, de entre elas, conseguen iluminar unha saída á tortura fano sumando o valor que teñen todas elas a un instante de lucidez. Esa iluminación é o resultado de percibir que a saída é posíbel. E esta percepción, o corolario dunha combinación de factores que é única para cada muller. Ás veces é observar que os teus fillos están máis en perigo do que xa o viñeron estando ante o torturador; noutras ocasións, o desencadeante é unha conversación con alguén que non che autoculpabiliza nin che fai sentir pequena.

Algúns asasinos, tras dar morte a unha muller, intentan o suicidio ou o consuman. O suicidio dun agresor machista é interpretado, en certas ocasións, como o acto extremo ao que o vitimario recorre para evitar a sanción social logo de cometer un asasinato. Case sempre discrepo desta análise para casos particulares, pero dende logo é un erro como formulación xeral para explicar a conduta suicida dos agresores machistas.

Se tivera que argallar unha hipótese sobre por que algúns agresores se suicidan tras asasinar a unha muller, basearíame no que sustenta a violencia machista: a dominación. Case todos os agresores matan á muller despois de que ela decida abandonarlles. É a perda de control o que precipita o asasinato, e tamén o suicidio posterior. En violencias sistematicas, o agresor machista construíu o seu universo vital practicamente ao redor da dominación traumática dunha muller. Cando é prolongado, o sometimiento doutro ser humano acaba converténdose no centro da vida do agresor, é o referente que lle outorga significado primordial á súa existencia. Cando desaparece ese centro, a vida perde sentido para o torturador.

A quen lle pareza “demasiado” esta explicación, que pense se non é demasiado humillar, insultar, coaccionar, aterrorizar e mallar nunha muller á que aparentemente “amas”. E facelo durante anos, convencido ademais o agresor de que a violencia que exerce está perfectamente aplicada, porque se cre legitimado para someter e dominar a unha muller, á “súa muller”. O común dos agresores non ten demasiado reparo pola sanción social. Consideran que a sociedade vailles recriminar a súa conduta porque non lles comprende, que a violencia é algo que tiveron que empregar como necesario nunha relación íntima que dende fóra non vai ser entendida dabonso. O agresor sistemático dunha muller está convencido de que está facendo o correcto. Non teme especialmente o xuízo social, e non tanto a cadea, como para se suicidar.

Se tivésemos que suscitalo en xeral, o agresor de mulleres se suicida porque a súa vida deixou de ter sentido. O sentido da vida destes agresores era dominar a unha muller, facelo acotío. A ideoloxía de dominación que orixina e mantén a violencia machista cara á muller tamén explica o suicidio dos agresores. Asasinan por machismo e se suicidan por el. Non se sorprendan, Hitler tamén se suicidou ante a perda do seu mundo de totalitarismo fanático, non porque pensase que estaba trabucado ou temera ningún xuízo. O suicidio machista é unha expresión máis da violencia cara á muller.

*O autor é presidente da Sociedade Española de Psicoloxía da Violencia.
 
< Ant.   Seg. >