| Cinco anos despois |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Martes, 12 de Setembro do 2006 | |
|
[Tirado de Galicia Hoxe] O 11 de setembro de 2001, os EEUU eran vítimas da máis complexa acción terrorista xamais realizada: dous avións de liñas civís estreláronse contra dous dos rañaceos máis emblemáticos da cidade de Nova York, as torres xemelgas do World Trade Center; como consecuencia dese atentado morren preto de 2.750 persoas, entre as vítimas que se atopaban nos edificios e os pasaxeiros dos avións, e derrúbanse outros cinco edificios máis da que dende ese momento se deu en chamar zona cero. Nesa mesma acción terrorista, outro avión impactou contra o Pentágono e un cuarto avión, supostamente controlado por terroristas, foi derrubado polas forzas aéreas dos EEUU sobre Pensilvania, polo que o número total de vítimas ascendeu a case 3.000. Á marxe de que cinco anos despois, a versión da conspiración interior ten máis adeptos cá versión oficial, o certo é que o mundo actuou en consecuencia coa versión oficial dos feitos, pola que se facía responsable do atentado a Al-Qaeda, un grupo terrorista liderado por Osama Ben Laden. En tanto que o atentado fixo desaparecer o sentimento de invulnerabilidade que tiñan os norteamericanos, estaba claro que o obxectivo inmediato que había que satisfacer era o de recuperar ese sentimento de seguridade, polo que había que declarar a "guerra total contra o terrorismo". Hoxe, cinco anos despois, se facemos un balance serio e sereno dos resultados desa "guerra total contra o terrorismo", temos que concluír que o fracaso foi rotundo. Vexamos as razóns. Segundo un informe que publica anualmente o Departamento de Estado dos EEUU sobre o terrorismo no mundo (http://www.state.gov/s/ct/rls/crt/), no ano 2005 o número de atentados terroristas no mundo foi de 11.111, provocando 14.602 mortos (unha cifra que habería que elevar a 74.087 se incluímos xunto cos mortos os feridos -24.705- e os secuestrados -34.780-), un incremento significativo fronte á cifra do ano 2004, no que o número de atentados foi de 651 (unha cifra superada unicamente en 1987, cando o número de atentados cometidos en todo o mundo foi de 665). Os datos provisionais do 2006, auguran que este ano tamén será catastrófico, mostrando unha tendencia á alza completamente oposta ás cifras relativamente baixas dos anos anteriores, de feito, entre 1989 (logo dun período de cinco anos especialmente intensos, nos que a media anual de atentados terroristas era de 616) e 2003, a media de atentados terroristas no mundo (lembremos por exemplo que ETA ou o IRA mantiñan a súa actividade ao máximo) foi de 370, moi por debaixo das cifras en constante aumento dende o momento da ocupación de Iraq. Daquela, os resultados prácticos da loita antiterrorista dirixida dende Wáshington mostran que o mundo cada vez é menos seguro, lembremos os atentados do 11 de marzo en Madrid, os do 7 de xullo en Londres, os numerosos atentados realizados nos últimos anos en diferentes países do mundo contra o que xenericamente chamamos intereses occidentais (embaixadas, sedes comerciais, turistas...), etc. Lembremos, tamén, a violación de dereitos (Guantánamo, cárceres ilegais da CIA...) cometida ao abeiro desa loita contra o terror e non esquezamos, por último, o pánico nos aeroportos que se viviu nas últimas semanas primeiro en Londres e logo por todas as partes. En fin, cinco anos despois, parece que EEUU está a perder a guerra contra o terrorismo; non obstante, cinco anos despois, os EEUU lograron algo que doutro xeito non conseguirían: xustificar a invasión de Afganistán, vital para controlar o transporte de petróleo e gas dende as repúblicas ex soviéticas de Asia central cara ao mar, con destino ao mercado norteamericano, e cara a China, o principal rival dos EEUU, e a India (colateralmente, o desprazamento dos talibán do poder permitiu reactivar a produción de opio, un suculento negocio de centos de millóns de dólares anuais); gañar o apoio da cidadanía para invadir Iraq, vital para asegurar o control do seu petróleo e sobre todo para evitar que substituíse o dólar polo euro como moeda de referencia nos seus intercambios comerciais; reactivar o complexo industrial armamentístico e xustificar os elevados gastos en defensa; e, finalmente, xustificar a Patriot Act, unha lei que permite arrestos preventivos sen garantías xudiciais, as escoitas telefónicas de calquera conversa ou revisar todos os correos electrónicos e toda a información que circula polos EEUU, o que supón un retroceso das liberdades individuais que colateralmente permite un maior control da cidadanía.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

