O reto da inmigración. Desmontar a Europa fortaleza
Ricardo Gómez Muñoz   
Martes, 12 de Setembro do 2006

[Tirado de Attac Madrid. Contribución ao Foro Social Mundial das Migracións. Rivas Vaciamadrid, Xuño 06. Traducido por altermundo.org]

Attac debería actuar contra a explotación financeira dos migrantes presionando á UE e aos gobernos nacionais para que se modifiquen os sistemas de transferencia de cartos dos migrantes aos seus países de orixe.

1. O crecemento dos fluxos migratorios.

Aínda que os movementos migratorios foron unha constante ao longo da historia, no periodo actual de expansión do capitalismo global estes fluxos migratorios adquiren unha particular entidade e un alcance planetario.

Durante o século XIX e primeira metade do XX houbo unha forte corrente migratoria desde Europa a América e outros continentes (máis de 50 millóns de persoas, das que a metade se dirixiron a Estados Unidos ) [1] e desde outros países asiáticos a Xapón, movementos estes vencellados aos procesos de industrialización ou de políticas demográficas locais. Pero entón a migración ou o desprazamento de persoas máis ou menos regulado, considerábase unha achega, unha necesidade para os países receptores.

Este fenómeno migratorio medrou de xeito significativo nas últimas décadas, a medida que se ía consolidando o proceso de globalización e vai seguir a medrar , sen dúbida, senón se toman as medidas necesarias para encauzar o problema da pauperización de inmensas zonas do planeta e se pon límite ás vergoñentas diferenzas de renda entre países. As avalanchas migratorias internacionais que se producen na actualidade non responden a opcións máis ou menos voluntarias das poboacións afectadas, senón que en moitos casos constitúen fenómenos provocados por situacións límites de supervivencia e de loita pola existencia diaria, que se ven facilitadas polo desenvolvemento dos medios de comunicación e de transporte internacional. Os fluxos migratorios seguen a responder á mesma lóxica do sistema, pero se volveron un fenómeno coercitivo unha “válvula de escape” sen saída, provocadas polo carácter dual e a expansión/concentración do proceso de globalización capitalista, que conduce a unha concentración e unha acumulación cada vez maior nuns poucos países, deixando fóra do sistema a numerosos países e cidadáns do mundo que non teñen outra saída que a emigración (ou a morte).

Segundo o estudo que acaba de facer público a ONU o número de emigrantes no mundo se cifra en 191 millóns de persoas, que na súa maior parte (75%) se concentran en 28 nacións. A tendencia observada é que cada vez son máis os países emisores de migrantes, que se en 1970 se cifraban en 29 e hogano superarían os 60 (OIT), países que pertencen ao mundo empobrecido. Algúns exemplos destacábeis son Ecuador e Marrocos, como grandes emisores de emigrantes cara a España e a Unión Europea; por outra banda México, xunto a varios países centroamericanos, é a gran fonte de migración cara aos EUA.

Para todos estes países pobres a migración actúa como unha válvula de escape fundamentalmente social e económica, aínda que nalgúns casos poden darse razóns de índole política (guerras , represións etc).

2. O fenómeno migratorio como contradición da globalización do capital.

Unha das grandes incongruencias da globalización neoliberal é que as propias regras que defenden a liberdade (aparente) de circulación dos distintos factores de produción, non se aplican á mobilidade da forza de traballo. Así, mentres existe un consenso xeralizado para evitar os controis (fronteirizos) de mercadorías, capitais e de todo tipo de bens e servizos, cando se trata de persoas (inmigrantes e refuxiados) os estados do chamado primeiro mundo péchanse, afirmando o seu dereito soberano a controlar as súas fronteiras.

En efecto , os países ricos impoñen fortes restricións aos desprazamentos da poboación, mentres que existe unha total liberdade de movementos para as mercadorías, o capital e os servizos. En definitiva, a globalización da economía non vén acompañada da expansión/difusión da riqueza e do benestar, senón que pola contra constitúe un proceso de carácter dual, que contribúe ao aumento das desigualdades entre os países ricos e os países pobres , así como ao incremento da marxinalización interna dentro de cada país de amplas capas de poboación ou de zonas xeográficas.

Se en 1960, antes de iniciarse o actual proceso de desenvolvemento do capitalismo global, o Produto Nacional Bruto (PNB) dos 20 países máis ricos do mundo era 18 veces o dos 20 países máis pobres ( Banco Mundial), en 1995 esta fenda se duplicou –chegando a 37 veces- e na actualidade medrou ata 52 veces, persistindo esta tendencia a medida que se consolida o proceso de globalización capitalista.

Esta tendencia contrasta marcadamente con anteriores descensos das diferenzas entre ricos e pobres que se rexistran entre 1950 e os mediados dos 70, un período de crecemento estábel na economía mundial.

Pero ademais, constátase un incremento das desigualdades internas dentro de moitos países: así entre 1980 e finais da década dos 90, as desigualdades acentuáronse en 48 países, incluíndo a China e os Estados Unidos.

No ano 2000 os Gobernos e Estados asinaron a Declaración do Milenio de Nacións Unidas, e comprometéronse co cumprimento dos 8 Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, como un primeiro paso para erradicar o fame e a pobreza.

Pero estes programas demostraron ser absolutamente ineficaces para resolver o problema da pobreza, xa que non abordan as verdadeiras causa do problema. Son solucións que se suscitan como parches e obras de beneficencia (a política da esmola para tranquilizar as conciencias), non de xustiza e igualdade.

Mentres perduren este tipo de contradicións e se sigan a aplicar as actuais políticas internacionais (políticas de loita contra a pobreza impulsadas polas NU, o FMI e o BM, políticas de cooperación ao desenvolvemento, do tipo do 0,7 %) está claro que non se vai a resolver este problema, nin a curto nin a longo prazo.

E é que ao longo destes últimos trinta anos de capitalismo global, o diferencial de renda e de desenvolvemento social entre países ricos e países pobres agrandouse e os movementos de poboación Sur-Norte pasaron a ter un alcance planetario.

Iso fai que empuxados pola fame e a desesperanza, millóns de seres humanos van seguir fluíndo cara aos países ricos intentando instalarse no mesmo sistema. Como consecuencia desta globalización, o número de inmigrantes pasou de 72 a 200 millóns nos últimos 30 anos, e en todos os casos as causas responden a esas enormes diferenzas de renda e de desenvolvemento social entre países, provocadas polo control das riquezas e as políticas de intercambio desigual que aplican os países ricos aos pobres, o que fai que os países ricos sexan cada vez máis ricos e os pobres cada vez máis pobres. “Os pobres son necesarios para que funcione o sistema”, como sosteñen “expertos” en desenvolvemento da Universidade de Hadvard, xa que o mundo globalizado é unha pirámide cuxa base é a pobreza e esa pobreza é necesaria para que todo se manteña e funcione. É o cinismo que sostén o pensamento único neoliberal, coa súa defensa da lei do máis forte e os seus postulados darwinistas.

Estas diferenzas veñen provocadas pola desigualdade internacional no acceso aos recursos derivados da política practicada polos países máis poderosos: imposición das leis do intercambio desigual nas relacións comerciais, aplicación de políticas de axustamento estrutural aos países menos desenvolvidos e expoliación dos seus recursos, medida esta que ten como secuela a destrución das bases de sustentación da sociedade global (contaminación, cambio climático, aceleración da deforestación, esgotamento de recursos enerxéticos e minerais, etc.).

3. Unha volta aos guetos e ás cidadelas medievais para preservar a riqueza?

Poñerlle valados á fame e pechar aos migrantes en campos de refuxiados son as medidas prioritarias adoptadas polos países ricos para preservar o seu status.

Cancelas protexidas para preservar a abundancia e o benestar dos países do chamado “primeiro mundo”, valados de triplo trazado na fronteira de Ceuta e Melilla para evitar a emigración subsahariana e marroquí; un muro metálico de 600 km na fronteira entre Estados Unidos e México para impedir a emigración mexicana; outro valado de seguridade de varios centos de quilómetros (tamén chamado “muro da vergoña”) para impedir a entrada de palestinos en territorio israelí. Estas son as respostas que están a adoptar os países máis ricos xunto á creación de campos de internamento (ou de concentración) de estranxeiros que se están programando nas fronteiras da UE ou que xa son operativas en zonas como Malta, de cuxo funcionamento chégannos relatos xornalísticos verdadeiramente arrepiantes.

Á súa vez a existencia de lugares de concentración de posíbeis inmigrantes constitúe unha vulneración de dereitos individuais que os propios países da Unión Europea recoñecen aos seus cidadáns.

Esta volta atrás, á Idade Media das murallas, carece de sentido e é unha das contradicións da expansión do sistema capitalista no momento actual.

Todas estas medidas forman parte dun proceso de involución crecente dos países ricos ou poderosos (desde o punto de vista económico ou militar) en relación ao terceiro mundo e ao feito migratorio.

É inadmisíbel que a UE patrocine a existencia dos campos de estranxeiros fóra das fronteiras de Europa e prosiga na súa política de externalización dos procedementos de asilo e de inmigración, xa que iso supón renunciar ás responsabilidades que lle incumben na aplicación dos acordos internacionais subscritos pola mesma Unión Europea.

A solución non son valados e policías ou campos de internamento. É cambiar drásticamente as regras do xogo económico mundial. É defender a política de distribución da riqueza, promover a xustiza social e facer valer os dereitos económicos, sociais e culturais entre todos os países e, en particular, entre os países pobres do mundo.

4. A migración move a economía mundial.

Os 200 millóns de inmigrantes que hai no mundo xeran unha riqueza de 1,67 billóns de euros e contribúen ao desenvolvemento do Terceiro Mundo tres veces máis do que fan todos os países industrializados xuntos nos seus programas de axuda ao desenvolvemento.

Os inmigrantes son unha das principais fontes de riqueza de moitos países . Co seu traballo, contribúen de xeito moi significativo ao desenvolvemento dos países de acollemento, e dos países dos que proceden [2].

Os inmigrantes non só ocupan os postos de traballo menos desexábeis, senón que estimulan a demanda e o crecemento económico nos seus países de destino, e axudan a financiar os sistemas de pensións das nacións con poboacións máis avellentadas, ademais de beneficiar aos países de orixe co envío de remesas.

Non deixa de ser contraditorio que ao mesmo tempo que os países europeos dirixen os seus esforzos a reforzar a "fortaleza europea" para evitar que chegue máis xente, o noso continente posúe a taxa de natalidade máis baixa do mundo. Segundo a Organización Mundial da Saúde, en Alemania, España, Suecia e Grecia o índice de nacementos caeu ata o 1,4%. Á súa vez o 89 % do crecemento da poboación europea débese á poboación inmigrante. Como só o 16 % da poboación en disposición de traballar vive nos países ricos, estes necesitan man de obra e reciben o 60 % da migración. Os inmigrantes fan traballos que os residentes do país receptor non queren facer e aumentan a demanda de bens e servizos e pagan impostos. En países como España ou Italia, onde a poboación non crece, os mozos e mozas traballadores do exterior axudan a manter os sistemas de pensións.

Así pois, os inmigrantes non son só man de obra senón tamén xeran riqueza: en forma de impostos (1,67 billóns a nivel mundial, máis de 56 millóns en Europa). Cada ano mandan ás súas familias en todo o mundo 125.000 millóns de euros, axudando a fortalecer as economías dos países con menos recursos. Así, as entre 2,5 e catro millóns de persoas que, segundo estimacións da Comisión Europea, viven en situación ilegal, poderían contribuír a un maior crecemento se fosen recoñecidos como cidadáns legais.

Estudos recentes poñen de manifesto os beneficios que xera a migración en países que ata hai pouco eran emisores netos de migrantes (Irlanda, España, a República de Corea ou Chile, entre outros) e que como consecuencia do fenómeno inmigratorio están experimentando un desenvolvemento importante e teñen agora economías prósperas que os converten en destinos atractivos para os migrantes.

Con todo, os esforzos dos estados diríxense a atallalas e, en todo caso, a insertarlas en mercados laborais precarios cando non ilegais, como acontece nalgúns sectores como a construción e o servizo doméstico. Poucas veces a migración vai da man da integración social, política e cidadá, que poderían evitar os conflitos e enfrontamentos sociais que tivemos ocasión de ver recentemente en países como Francia ou Gran Bretaña. Con mercados laborais precarizados e con sistemas sociais en crise, o medo ao inmigrante e o odio entre residentes xa establecidos e inmigrantes medra de mais nos países de acollida.

5. España, Europa e o plan europeo para a inmigración.

Segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) o número de traballadores estranxeiros censados en España alcanza estes momentos os 3,5 millóns, un 8% do total, cando fai tan só cinco anos apenas representaba o 1,3%. Este incremento de poboación foi tan forte nos tres últimos anos (unha media anual de 600.000 emigrantes), que se desbordaron todas as previsións anteriormente realizadas, pensadas nun inicio en 35.000 anuais, e distorsionaron todas as estatísticas do mercado laboral. O problema da presión migratoria está empezando a desbordar as posibilidades de acollida por parte de España, tanto no eido estatal como dalgunhas comunidades autónomas, como está a acontecer nestes últimos meses con Canarias.

Un recente estudo da OCDE sinala que España figuraba en 2004 á cabeza mundial na recepción de inmigrantes (645.000) logo de Estados Unidos, tendo aumentado un 541% o emprego desempeñado por estranxeiros ao longo da última década (1994-2004). Pese a iso a porcentaxe de estranxeiros sobre o total da poboación activa é aínda relativamente baixo en España (o 11,2%) debido a que en relación a outros países, como Francia ou Alemaña, a inmigración foi masiva pero moi recente. Aínda así España xa supera ao Reino Unido e aos Países Baixos.

Este problema ten varias vertentes: a da acollida-integración; a de axuda-cooperación cos países emisores de migrantes e a comercial e económica, que require a desmontaxe e a revisión dos acordos comerciais que a UE defende fronte aos países en desenvolvemento. Os dous primeiros posicionamentos son aínda incipientes e comezan a ter corpo tanto no eido europeo como nalgúns países fortemente implicados no proceso, como é o caso de España [3]. A terceira precisa de cambios máis profundos no proceso de abolición das políticas neoliberais mantidas na actualidade pola Unión Europea.

O Consello Europeo de Tampere de 1999 establecía 4 grandes liñas da nova política migratoria común que se definiría no marco dun espazo de "Liberdade, Seguridade e Xustiza" común e dentro do respecto aos Dereitos Humanos e as Liberdades fundamentais. Estas liñas eran:

  1. A colaboración cos países de orixe
  2. O establecemento dun sistema europeo común de asilo,
  3. O trato xusto aos nacionais de terceiros países e
  4. A xestión dos fluxos migratorios.

Con todo, pasados máis de seis anos pouco se avanzou na resolución dos problemas migratorios en Europa. A migración estase a convertir é nun dos grandes “problemas” que ten que afrontar a Unión Europea como institución e cada un dos países que a integran, aínda que nestes momentos a maior parte dos países da UE prefire mirar cara outro lado e deixar que sexan os países fronteirizos do sur como é o caso de España ou Italia os que carguen co tema. Non debería ser así, xa que os espazos comúns esixen solucións comúns e a inmigración cara a Europa, máis que un problema debe verse como un reto, posto que é á vez fonte de problemas sociais e de seguridade como de diversidade e desenvolvemento. É dicir, máis que mellores controis, a Unión Europea debería emprender unha política coherente aceptando, de xeito realista, a migración como unha gran posibilidade e revisando as políticas de intercambio económico e comercial con terceiros países, ata agora baseadas na prepotencia, o proteccionismo e o intercambio desigual.

6. O posicionamento de Attac por unha Europa diferente e contra a Europa fortaleza.

O problema da inmigración é unha das asignaturas pendentes para a rede Attac. É un tema que a penas está contemplado nas súas múltiples implicacións: económicas, políticas, humanitarias. Só foi abordado en casos moi puntuais a raíz dos estoupidos e protestas dos suburbios en Francia ou do comportamento das autoridades españolas, marroquís ou de Malta, por citar algúns sucesos.

Entre os obxectivos fundacionales de ATTAC están os de frear a liberdade de circulación do capital, baixo as súas tres formas: financeira, produtiva (IDE) e comercial (intercambio desigual), pero aínda existen dúbidas para defender a liberdade de circulación e máis aínda a de instalación dos inmigrantes. Así pois, debemos superar esta contradición e avanzar na articulación de propostas nun período como o actual caracterizado polo aumento do racismo, a xenofobia e a exclusión social.

Para iso é preciso buscar alternativas e para iso poderían sinalarse algunhas liñas de actuación:

- Nos países de orixe: facer fronte á redución da pobreza, cun distinto enfoque. Non hai palabra mellor para designar a tendencia evolutiva da segunda metade do pasado século: a pauperización de numerosos países e sociedades. Este feito é reafirmado na nova linguaxe dominante: a "redución da pobreza" que se volveu un tema recurrente entre os obxectivos que as políticas gobernamentais din executar. Pero a pobreza é presentada só como un feito medido empíricamente, sen nin sequera levantar a cuestión das lóxicas e dos mecanismos que xeran esta pobreza.

- A condonación da débeda. É preciso insistir neste punto. O alivio ou condonación que prometeron os países ricos representados no Grupo G8 hai meses debe verse como un paso positivo, pero resulta claramente insuficiente para facer fronte ás necesidades que presentan os países pobres para saír da súa situación de miseria e estancamiento.

Os países moi pobres e moi endebedados criticaron e critican a arbitrariedade deste xesto e propuxeron que se estenda sen discriminación ao conxunto da comunidade internacional.

En todo caso a débeda cancelada nalgúns países a penas representa un 10% da contía necesaria para cumprir os Obxectivos do Milenio establecidos pola ONU de reducir á metade a pobreza e a fame no ano 2015.

O importante é analizar se a proposta de condonación se encadra dentro a política da esmola e a caridade preconizada polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e outros organismos das Nacións Unidas para tranquilizar as conciencias, ou se se pode atisbar un primeiro intento de recondución e reorientación dos mecanismos de intercambio económicos entre países.

Esta formulación esixe, sen máis dilacións, a anulación da débeda externa de todos os países en desenvolvemento, xa que, como recoñecen as Nacións Unidas no seu Informe 2005 sobre “Obxectivos de desenvolvemento do Milenio”, a débeda externa supón un dos maiores obstáculos para o desenvolvemento e non só para os países máis pobres, impedindo toda posibilidade de desenvolvemento sostíbel.

- O dereito ao desenvolvemento. Por outra banda o problema da cancelación da débeda externa debe reinsertarse dentro do contexto dun dereito humano inalienábel, recoñecido tamén solemnemente polas Nacións Unidas: o dereito ao desenvolvemento. En virtude deste dereito todo ser humano e todos os pobos están facultados para participar nun desenvolvemento económico, social, cultural e político no que poidan realizarse plenamente todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais. Este dereito inclúe o exercicio da plena soberanía dos pobos sobre todas as súas riquezas e recursos naturais.

- Desmontar os mecanismos actuais de mercado, así como os mecanismos de control. O mercado impón relacións de desigualdade á sociedade civil. Os grupos dominantes, o capital financeiro e as multinacionais, actúan mundialmente utilizando aos estados, non co fin de redistribuir as riquezas ou protexer aos mais débiles, senón para aumentar os seus beneficios. É por iso polo que marcan as políticas e pautas do mercado de traballo e dos movementos de poboación (migracións, movementos sociais, desregulación do mercado de traballo, flexibilización, deslocalización…). A progresiva concentración de capital unida á descentralización produtiva permite que as grandes corporacións poidan negociar directamente cos diferentes gobernos e impoñer en moitos casos as súas regras de actuación e mecanismos de control.

Estes mecanismo son diversos e van desde as políticas monetarias aos tratados de libre comercio e á imposición de reformas para desmontar ou deteriorar os servizos públicos (ensino, saúde, etc) ou impoñer a privatización da seguridade social.

Un exemplo a seguir neste proceso comercial de intercambio igualitario é o que se está a desenvolver entre países ou zonas como a que constitúe a actual ALBA, asinado entre Venezuela, Cuba e Bolivia, denominado “Tratado de Comercio entre os Pobos” e que substitúe aos ben coñecidos tratados de libre comercio impostos pola OMC ou pola mesma UE e os seus gobernos nos seus tratados multilaterais e bilaterais cos países do terceiro mundo.

Neste senso, o modo 4 dos acordos AGCS (así como a Agricultura e o NAMA) gardan unha relación estreita coa problemática da migración e deberían ser tratados por Attac.

- Contra a explotación financeira dos migrantes. Finalmente, e a curto prazo, Attac debería actuar contra a explotación financeira dos migrantes presionando á UE e aos gobernos nacionais para que se modifiquen os sistemas de transferencia de cartos dos migrantes aos seus países de orixe, facilitando a redución de custes e introducindo sistemas de control democrático.

Como se recoñece no recente informe do BM “Global Economic Prospects 2006”, as comisións aplicadas polos proveedores de servizos de remesas ás pequenas trasferencias habitualmente efectuadas por migrantes pobres adoitan chegar a niveis de ata 10% a 15%, superando con fartura o custe real de realización das transaccións respectivas. Neste informe sinálase que unha maior competencia no mercado de transferencia de remesas daría lugar a menores comisións, co conseguinte medre dos ingresos dispoñíbeis dos migrantes pobres e dos seus incentivos a remitir máis diñeiro aos seus países de orixe.

[1] En torno ao 40 por 100 do crecemento anual da poboación europea, segundo Carr Saunders. Entre as causas desta emigración europea de fai un século estaban a presión demográfica e a sobrepoblación existente en varios países, a miseria e a fame grande noutros (Italia e Centro Europa), así como o exilio provocado polas dúas grandes guerras mundiais. Estes fenómenos desenvolvéronse en paralelo á necesidade de poboamento dos países de destino, e ás oportunidades de vida que ofrecían os países receptores (“facer as Américas”) ,como consecuencia en moitos casos da existencia de recursos sen explotar ou escasamente explotados, tanto na agricultura coma noutros sectores económicos.
[2] Esta situación é recoñecida e defendida non só por organismos como as Nacións Unidas, cuxo secretario defendía recientemente que: "Non é cuestión de poñer freo á migración, senón de xestionala mellor e con maior cooperación e entendemento, para que beneficie a todos. Desde hai algúns anos, o diñeiro enviado polos emigrantes aos seus países de orixe é obxecto de vivos debates en todas as organizacións internacionais. Iso explícase polo feito de que se descubriu que se trata en realidade dun fluxo financeiro bastante importante e moi estable en dirección aos países en desenvolvemento. Cada ano estes fluxos financeiros aumentan.
[3] A Comisión Europea presentou hai algúns meses á Unión Africana (UA) un plan de axuda para África que pretende atacar directamente as bases do subdesenvolvemento na rexión. ("Non é só unha cuestión de valores, de xenerosidade ou de solidariedade. É no noso propio interese", dixo Barroso cando pediu aos países membros que contribúan ao desenvolvemento do continente africano dobrando as súas achegas ás Nacións Unidas.). Tamén España acaba de aprobar o “Plan África 2006-2008” de loita contra a pobreza e axuda ao desenvolvemento da África subsahariana, dotado dun orzamento que supera os 300 millóns de euros ao longo do período.

BIBLIOGRAFÍA:

  • - Nacións Unidas: Informe sobre as migracións 2006
  • - World Bank: Global Economic Prospects 2006
  • - Word Bank: International migration, remitancesand the brain drain
  • - OCDE: The comparability of international migrations statistics July 2005
  • - Ministerio de Asuntos Exteriores: Plan África: 2006-2008. Resumo executivo
  • - Javier Lucas: Inmigración e globalización
  • - Carlos Pereda e M.A. Prada: Migracións internacionais entre o capitalismo global ILDIS 2004
 
< Ant.   Seg. >