| Cara un novo status político (X) |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 10 de Setembro do 2006 | |
|
CODA: PROTAGONISTA E ANTAGONISTA [Tirado de Galicia Hoxe] Conclúo hoxe esta serie de matinacións cara a un novo status político -da Galiza, claro é- só interrompidas o día pasado por unha ardente urxencia. E conclúo en forma de "coda". En composición musical, a coda vén ser unha recapitulación alusiva, en breve, aos temas principais do discurso sonoro. Non vou seguir o modelo ao pé da letra. Si metaforicamente. A releitura do xa escrito revélame que o meu discurso tivo -ten, mentras non se destrúa- unha estrutura moi sinxela. Desenvolve un proceso dialético, máis tácito que esplícito, antre dous temas. Máis ben debera dicir antre dous actores. En todo caso, eses dous elementos funcionan, nefeito, como tese e antítese nunha contradición. É sempre así, polo demáis, cando se trata dunha "custión nacional". Un dos temas éo a vontade de libre decisión -"self-determination"- dun povo con identidade sociopolítica de nación. O outro éo a forza gravitatoria centrípeta dun Estado unitarista, que succiona a ese povo e o mantén choído no perímetro da sua propria masa. A traslación deses dous temas aos termos dunha dialética sociohistórica fainos encarnar en dous suxeitos políticos que se disputan unha soberanía. E a sua tradución en persoaxes dun drama -ás veces, moitas, dunha traxedia- transvísteos en dous actores, protagonista ún, antagonista o outro. Mais vaiamos amodiño e con moito tino, para non confundirnos nen suscitarmos confusión. Primeiro: ¿a cál deses dous actores corresponde cada un deses dous roles, o protagonista e o antagonista? Noutras verbas: ¿cál das duas posicións representa a tese, e cál a antítese, nesa contradición? Segundo: ¿fica esclarecido xa quen é, en rigor, o auténtico actor, ou sexa, o lexitimado e o realmente actuante como cada unha desas duas persoaxes no singular e concreto drama do que estamos a falar eiquí? Vexámolo. Comecemos polo primeiro. Na nosa perspeitiva está claro quen é o povo con vontade de libre decisión política e cál é o Estado absorbente, e tamén que o primeiro encarna a tese e o segundo a antítese da "contradición nacional". Mais no escenario que abrangue os dous polos desa tensión dialética, e na ideoloxía alí dominante que atribue os roles no guión do drama, a cousa está plantexada esactamente ao revés. Aí, a tese é a existencia -mesmo intemporal, e portanto eterna- dun Estado constituído sobre o fundamento dunha soa nación, "patria común" de tódolos seus cidadáns -e, até hai pouco, súbditos. E a antítese é a emerxencia de anómalas tensións centrífugas "separatistas" que tentan crebar a harmonía da patria común e "romper" a unidade sacrosanta -tentado estou de dicir a "unión hipostática", en congruencia léxica coa indole teolóxica do tema- da nación indivisíbel: son separatismos "tribais", en expresión da linguaxe aznarista. A custión non é retórica. Menos aínda irrelevante. Porque, para empezar, invirte a cárrega da proba nese pleito político. Os defensores da unidade non teñen que probar nada: un axioma é un axioma, e non precisa demostración para ser certo. Mais, pola mesma, nada se pode avanzar sen desfacermos ese sofisma. Nen sequer pode haber dialética, e portanto non pode haber proceso histórico ningún, se non lle damos a volta a ese plantexamento para chantalo nos termos correctos -don Karl diría para pór sobre os seus pés a visión da realidade que está patas para riba. Mais velaí que non se está a facer iso. Pola contra: acéptase entablar o debate nos termos invertidos pola ideoloxía "españolista" dominante. De aí que se actue á defensiva: a ver qué se pode lograr, non menos que os cataláns, non está en xogo a constitución. En suma: non se actúa como encarnación da tese, non se leva a iniciativa, non se é protagonista, malia, se cadra, coidar sélo. Prosigamos polo segundo. Quén é, en rigor -e portanto quén compre que sexa na prática- o auténtico actor en cada un dos dous roles antitéticos do drama? O antagonista é o Estado, non un partido determinado, por moi chovinistas e integristas que sexan as suas posicións, como as da dereita española de hoxe. Non nos confundamos. Un partido pode mudar de posición verbo do deseño do Estado. O Estado non, agás que se descompoña. E o integrismo español actual non é patrimonio exclusivo dun só partido. Compre pórlle o cerco, con enerxía e talento. En troques, o Estado, compre remudalo. Canto ao rol protagonista, correspóndelle á nación galega -xa o dixemos- por constituir a tese da contradición plantexada. A nación encarna no povo, e o povo, en democracia, ten status de cidadanía. Semella unha obviedade. É unha obviedade. Daquela, semella moi sinxelo. Pois non é tan sinxelo. O povo expresa a sua identidade, como nación, na sua conciencia social. Mais raramente a conciencia identitaria impregna a totalidade da conciencia social, que nunca é uniforme, senón diversa e plural -multiforme, pois. Ningún dos fenómenos reflexos da estrutura social e das condicións materiais de existencia que se proxectan, como ideas e valores, no espello cóncavo que é a bóveda da conciencia social, ningún diles, digo, sexan estéticos, morais, ideolóxicos ou relixiosos, ningún impregna o espazo enteiro desa bóveda especular. Nen sequer nas realidades totalitarias máis consumadas -séxano a Alemaña nazi ou a URSS estalinista, por recurrir a dous arquetipos xa tópicos. Pois o mesmo ocorre coa conciencia identitaria. Ocorre mesmo nos Estados-nación máis consolidados. Máxime, xa que logo, alí onde a nación é unha realidade sociopolítica non dotada dun Estado peculiar que consolide de arriba abaixo a conciencia nacional xestada de abaixo arriba. Nas nacións sen Estado, a conciencia de séreno aflora inicialmente só en segmentos minoritarios da sociedade -nos primeiros en desalienarense a respeito da identidade do povo ao que pertencen. Eis os nacionalismos, primeiro como conciencia identitaria desalienada, e a seguida como idearios -ideoloxías- e prática política na sociedade. Non en van os nacionalismos emancipadores son ideoloxías e movementos con ingredientes libertarios no seu cerne. Análogamente aos revolucionarios. E nunca as revolucións aconteceron cunha previa impregnación do conxunto da conciencia social pola ideoloxía revolucionaria -nen moito menos. Nen a francesa, nen a soviética, nen a chinesa, nen ningunha outra. ¿A ónde vou? Podo ir a moitos destinos por este carreiro discursivo. Mais, eiquí, vou a que o protagonista auténtico do que se trata éo o povo no que encarna a nación. Mais ese povo exprésase identitariamente e exerce como protagonista a traveso do ideario emancipador, do ideario nacionalista -e do seu combate social e político nesa clave, nesa matriz ideolóxica. Non o son as institucións políticas nas que logre ter presencia e voz -mentras non sexan as suas soberáns proprias. Ou sexa, mentras non chegue ao cabo do seu camiño e cese a razón de ser dun ideario e unha prática nacionalistas -non da conciencia identitaria, que seguirá a ter sentido a condición de non derivar en chovinismo, xenofobia, expansionismo ou imperialismo. Ora ben. Na actualidade, o povo galego non chegou aínda á meta da sua andaina emancipadora. Ten institucións de autonomía política outorgada que xa analisei. Nada máis -e nada menos, tamén: nunca as tivera anteriormente. Está ben que, nese marco, a sua expresión identitaria máis xenuina forme parte da maioría parlamentar e do Governo autónomo que se sustenta nela. Pero convén ser consciente de que, nese marco, o nacionalismo pode desenvolver unha alternativa de goberno autónomo, mais non pode levar adiante o seu proxecto político emancipatorio -o que tracexa as coordenadas e o norte da sua loita identitaria cara a emancipación, é dicir, da sua expresión como protagonista. E compre telo presente. Inda que só sexa para non confundirse nalgo moi elemental para a prática institucional na tentativa de cambio de status político que se está a encetar. É isto: que o protagonismo, se pode entenderse delegado polo seu titular no marco das institucións actuais, corresponderálle en tal caso aos grupos que integran a cámara galega de representantes -non ao goberno autónomo, non á Xunta. A ésta incúmbelle gobernar, non reformar o status político da Galiza. Pode estimulalo, non debe tentar protagonizalo. Sería un erro -de método, para empezar, mais non só. A cidadanía articúlase coa instancia política meiante partidos, pola vía representativa, e meiante o tecido asociativo cidadán, pola vía participativa. O goberno ten a iniciativa lexislativa sobranceira para desenvolver a sua acción dentro do marco xurídico-político existente. Para modificalo, a iniciativa -o protagonismo delegado- debe corresponderlle aos representantes eleitos na cámara lexislativa e, nese eido, o motor non pode ser outro que o activado por aqueles que asuman e expresen a conciencia identitaria do povo galego. Por iso o foron sucesivamente, na nosa historia, as Irmandades, o Partido Galeguista, ou o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG), cando nen sequer existía parlamento galego, ou mesmo nen tan sequer existía cámara democrática no Estado español. Iles botaron os alicerces. Á altura de hoxe, a construción continúa: "work in process", estílase dicir agora. Estamos en obras -disculpen as molestias. E a partir de aí, o convite de Castelao: hai sitio para tódolos que queiran contribuir á obra do común. Só para iso, para traballar nela. Que a obra non é diles: é do común galego -do auténtico protagonista.• | |
| < Ant. |
|---|

