| Chávez, O Lexítimo |
| Manoel Santos | |
| Domingo, 11 de Decembro do 2005 | |
|
[ Publicado en Galicia Hoxe ] Venezuela. Domingo 4 de decembro. Eleccións á Asemblea Nacional. A décima vez que se consulta ao pobo mediante o voto dende a chegada de Hugo Chávez a Miraflores. Sétimos comicios en seis anos. Case que nada para o que chaman un “réxime”, para non ser unha democracia aos ollos do mundo capitalista, para o proxecto dun “exgolpista populista”, un demócrata de escuro pasado –como aquí o son Fraga e media cúpula do PP–, pero demócrata ao cabo. Gustaríame saber se algún país do mundo fixo tantas consultas ao pobo nos últimos anos como Venezuela. Poucos tiveron plebiscitos con tantos observadores internacionais. Desta vez máis de 500, entre eles 160 da Unión Europea, 60 da OEA e moitos doutras organizacións públicas e privadas, dende ONG até o prestixioso Centro Carter. Resultado: o de sempre, eleccións limpas. Dende o punto de vista formal o sistema estivo ben cuberto e ninguén suxire a posibilidade dunha fraude. Chávez arrasa en boa lid, só que desta vez sen oposición, sen a minoritaria e suicida oposición que nos vindeiros cinco anos será extraparlamentaria por vontade propia. Xa que logo, está fóra do xogo democrático. Estará tamén por riba das decisións que o pobo poida tomar? Abandona definitivamente a corredoira da democracia para ir na procura dunha autoestrada cara o poder? A resposta, ao norte do Caribe. Si, Chávez arrasou. O seu Movemento V República (MVR) obtivo 114 dos 167 deputados. Hainos tamén doutras cinco formacións que integran o Bloque do Cambio (que apoian a Chávez) e a estes hai que sumar as organizacións indíxenas –parlamentos andino e latinoamericano– que, según a constitución bolivariana, escollen os seus representantes por dereitos históricos, por xustiza. Quen se retirou? Pois AD e COPEI, xunto a outras miniformacións coma Proyecto Venezuela ou Fuerza Liberal. Os partidos dereitistas que se repartiran o poder dende a caída da ditadura de Pérez Jiménez en 1958 até a chegada de Chávez en 1998. Etapa que cheirou máis ca nada a corrupción e terrorismo de estado. E porque se retiraron? Porque non podían gañar, as súas espectativas eran ridículas. De 4 millóns de votos no referendo de 2004 baixaran a un millón nas municipais de 2005. De xuntar o 93% do electorado en 1998 pasaron ao 1% nas presidenciais de 2000. Se o pobo vota, AD e COPEI padecen. Aquí, a lexitimidade democrática gáñase votando cada catro anos. Logo nada se cuestiona. Descoñezo se Chávez é un revolucionario moderno que constitúe, xunto a outros líderes latinoamericanos, a esperanza do Sur, ou o demo que nos queren vender. Pero cóntanme que en Venezuela a lexitimide, ademáis de nas urnas, gáñase coa acción política. Aí é onde Chávez leva ventaxa ao mundo, co porcentaxe de PIB que adica a gasto público, coa alfabetización universal que a Unesco pon como exemplo, coa rede de escolas bolivarianas, cos plans de atención sanitaria, co recoñecemento dos dereitos indíxenas e da propiedade aos desposuídos, coa esixencia e mantemento dun prezo do petróleo xusto para o seu pobo e co seu pular pola integración latinoamericana. Dobremente lexítimo pois.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

