A crise do dólar
Acsur   
Mércores, 30 de Agosto do 2006

[Tirado de Galicia Hoxe]

Nos últimos meses algúns dos homes máis ricos do planeta, entre eles Bill Gates, Warren Buffet e Georges Soros, declararon que perderon a confianza no dólar; de feito, todos eles anunciaron a súa intención de orientar os seus investimentos cara á compra de ouro e prata en detrimento do "billete verde". A pregunta é, ¿por que os principais homes de negocios e especuladores bolsistas dos EEUU están a facer pública a súa desconfianza no dólar? A resposta é evidente: porque o dólar está en crise, pero ¿que é o que determina a crise do dólar?

Aparentemente, semella contraditorio que a divisa da principal potencia mundial, os EEUU de América, poida estar en crise; porén, hai evidencias que mostran o contrario e explican moitas das actuacións políticas e militares da Administración Bush nos últimos anos, vexámolas.

A primeira causa da crise está na enorme débeda pública e privada dos EEUU, estimada en 38 billóns de dólares, case o PIB mundial, polo que o xigante americano precisa atraer diariamente 2.500 millóns de dólares para financiar o seu déficit, o que até agora lle resultaba doado porque posuía a fábrica emisora da divisa internacional na súa casa.

Porén, esa situación está a mudar por dúas razóns principais: primeira, tanto China como Xapón ou as monarquías do Golfo –os principais acredores dos EEUU–, que non cobran as súas exportacións a EEUU en moeda constante senón que manteñen o diñeiro nese país como préstamo, están a modificar esa estratexia; segunda, en tanto que os EEUU xa non avalan o valor do dólar nin co seu equivalente en ouro (tal cousa deixou de ser así en 1971) nin coa súa capacidade produtora, o valor do dólar depende enteiramente do feito de ser a divisa de reserva en todos os países do mundo porque é a divisa coa que se compra o petróleo, unha situación que está a mudar nos últimos meses e que ameaza a supervivencia da economía norteamericana nos seus parámetros actuais.

Efectivamente, se os EEUU se financian cos ingresos que realizan a conta de por en circulación a moeda coa que se realizan as transaccións petrolíferas mundiais, ¿que pasaría no caso de que o petróleo comezase a ser negociado nunha moeda diferente ao dólar, en euros ou en rublos? Substraeríase unha grande cantidade de dólares da circulación, o que suporía un duro golpe á economía dos EEUU; pois ben, ese panorama xa se comeza a albiscar no horizonte: o Irán, actual obxectivo militar dos EEUU coa falsa escusa de que se está a armar nuclearmente, China, Rusia, Venezuela e outros produtores e consumidores de petróleo anunciaron a súa intención de establecer as transaccións petrolíferas en euros ou noutra moeda que non sexa o dólar. Con todo, se ben isto abondase para explicar a crise do dólar, cómpre sinalar que tamén hai outros factores que agravan máis a situación.

Algúns destes factores, que merece salientar, son os seguintes: o feito de que moitos países, entre eles, e principalmente, Rusia e China, pero tamén Xapón, Venezuela ou Irán, están a cambiar as súas reservas en dólares por outras moedas, como euros ou iuans (a moeda chinesa) e, por suposto, ese é o caso particularmente de China, en ouro e outros minerais fundamentais (uranio, ferro, cobre, aluminio, manganeso, cromo e potasio). Como sinalaba lucidamente en La Jornada Alfredo Jalife-Rahme, ¡resucitaron as materias primas!

Razóns sobradas, daquela, para falar de crise do dólar e que explican o feito de que a Reserva Federal dos EEUU suspendese en marzo de 2006 a publicación do índice M-3, polo que a cantidade de dólares en circulación se converteu nun segredo, facendo imposible avaliar con precisión o seu valor e posible imprimir cantas divisas sexan precisas para manter a débeda tanto tempo como sexa posible: ¡unha perigosa burbulla que acabará por arrastrarnos a todos!

Para referirse ao colapso producido pola crise do dólar, os banqueiros adoitan empregar a expresión "axuste súbito desregulado"; atentos, daquela, a ese eufemismo, pois mostrará que a crise entrou nunha nova fase, a que Soros, Buffet e outros moitos, como Stephen Roach, da Morgan Stanley, prefiren chamar "Armaxedón económico", unha expresión bastante máis elocuente. •


Acsur
Sobre o autor ou autora:
Axencia de Comunicacións do Sur - Acsur Colombia
 
< Ant.   Seg. >