Corrubedo, cabo meu
Manoel Santos   
Domingo, 22 de Xaneiro do 2006

[ Extraído de Galicia Hoxe ]

Digo eu, que se Uxío Novoneyra fora de Corrubedo no canto do Courel, cantaría ao cabo aquilo de "no mesmiño bicarelo do bico do brelo…", da Barbanza neste caso, pois para min e os meus sempre foi a derradeira lingua de terra, fin de Galicia, comezo do mar e atracadoiro de mil ventos. E máis alá do horizonte? América meu amigo, a Galicia de ultramar.

Póñome hoxe un chisco localista un pouco por paixón –a que teño por ese desleixado pobo de ventos eternos e mais o seu cabo verde– e un pouco por medo, por angustia, por arrepío, por terror ao monstro. Á dita ameaza chámanlle Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria na costa galega, ou o que é o mesmo, sen xiros intencionadamente ocultos, proxecto polo que se contempla a instalación no litoral dos galegos e das galegas de xigantescas piscifactorías (8 novas e 13 ampliacións).

O maquiavélico plan foi aprobado polo Goberno da Xunta en funcións, xa que logo a traizón, o 30 de xuño pasado de 2005, grazas a un promotor de excepción, o ex conselleiro de Pesca López Veiga. Foi o derradeiro agasallo –algo envelenado, rancoroso quizais– que nos deixou o mesmo individuo, biólogo pero non conservacionista, que nunca veu no do Prestige unha marea negra.

Mais o abominábel non é o feito de instalaren piscifactorías, nin sequera a súa concesión a empresas transnacionais insensíbeis co noso patrimonio ambiental e cultural, que é o que é a nosa costa e a pesca artesanal (que hai máis sustentábel?) que sempre foi da man dela. O máis grave, aínda séndoo, tampouco é a dubidosa capacidade que teñen as industrias de derivados mariños para xerar emprego de calidade, nin a incidencia supramunicipal de tal aberración, que supón esganar a soberanía popular que reside en primeiro termo nos gobernos locais, nin as obrigadas expropiacións, nin o aproveitamento de algo que, por sorte para a natureza, sempre se lle negou á xente.

O que máis amola son as dimensións das explotacións e o seu emprazamento, máis que incompatíbeis co desexábel desenvolvemento sostíbel da nosa vizosa costa, expresión esta que sae pola boca dos políticos acotío sen que saiban ben de que se trata. O futuro emprazamento destas macrofábricas de peixe coincide case que sempre con senlleiros lugares –moitos protexidos por leis ambientais e urbanísticas varias, de aí o da supramunicipalidade– da categoría de Touriñán, Baldaio, Rinlo, Aguiño (na esnaquizada beleza de Couso, a escasos 100 metros dun Parque Natural) e o meu querido cabo do mundo, aínda hoxe virxe de atentados urbanísticos –non coma o pobo que lle dá nome–, aínda coa súa inocente nudez acariñada só por salseiros e aires de vendaval.

No cabo Corrubedo, o mesmo que terra adentro acubilla os meirandes montes de area do noroeste peninsular, está prevista a construción da maior destas granxas acuícolas. Alí, ao pé do Outeiro dos Corvos, alguén quere cubrir máis de 350.000 metros cadrados de cemento, xusto no único lugar entre Sálvora e o Castro de Baroña que o anterior goberno deixou fóra (agora sabemos por que) do Lugar de Interese Comunitario –LIC– denominado Complexo Húmido de Corrubedo, máis de 9.000 hectáreas que deben integrar a rede europea de espazos protexidos Natura 2000. Corresponde agora ao novo goberno decidir –e non mirar e calar– se a cousa segue adiante ou se lle facemos un par de caneos legais antes de que sexa tarde e de que o urxente plan de ordenación do litoral que Galicia precisa xa non teña sentido.

Pregúntome se a contorna mareira do meu virxinal cabo poderá soportar o bombeo de millóns de toneladas das súas augas de sal; se os seus fondos batidos darán evacuado os lodos que o monstro regurxite; se os habitantes do noso mar de estrelas sobrevivirán ao vertido de deterxentes e antibióticos. Pregúntome se nos seguirán a visitar araos dos cons e papagaios, se seguiremos a ver o voo das pardelas, o pasar acelerado de mascatos e carolos, o brincar zigzagueante dos coellos ou os baños de sol dos escintilantes lagartos arnais. Pregúntome se os corvos mariños que dan nome ao antedito outeiro seguirán a secar as ás ao Océano, abríndoas coma quen aperta a vida.

Aló, ao pé daquel faro choroso, que vén de perder o seu derradeiro torreiro, Aquilino; a rentes dos baixos que levaron os 280 tripulantes do Salier, os 24 do Palermo e decenas de fillos da terra sobre a que ergue o seu ollar largacío, viro a mirada cara ó Outeiro dos Corvos, na procura da negra silueta dos paxaros gorxudos. Aínda seguen aí, cabo meu.•

 


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo, director e fundador de Altermundo

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >