Cara un novo status político (VII)
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 13 de Agosto do 2006

CONCIENCIA SOCIAL E PERCEPCIÓN CIDADÁ

[Tirado de Galicia Hoxe]

Propuña eu, no anterior episodio desta serie de matinacións, tres liñas de análise avaliativa do "estado da custión" da reforma do Estatuto. A terceira, que só deixei enunciada, debería examinar a perceición da cidadanía galega, ou o nível da conciencia social existente, verbo do autogoberno en relación cos seus proprios intereses e necesidades. Tentarei desenvolvela escuetamente agora.

Resulta obvio que a categorización, ou sexa, a tradución en categorías que faga un colectivo humán da perceición dos seus intereses estará, de primeiras, en función da conciencia que teña da súa propia identidade como grupo. Sexa grupo social ou povo, e trátese, portanto, de conciencia de clase ou conciencia identitaria -conciencia nacional. E sexa cal for, en principio, o nivel de racionalización e a forma de auto-representación desa conciencia. Noutras verbas: dependerá da existencia ou non de alienación e das formas que revista. Mesmamente, o núcleo da alienación consiste en tomar por proprios ou peculiares os intereses alleos- ou máis esactamente: os do seu oposto ou antagonista, sexa social ou político.

Tense dito moitas veces, e dende diferentes posicións ideolóxicas, que o galego é o povo peninsuar que ten máis arraizado anímicamente o "sentimento" da súa identidade peculiar diferenciada. Só que, polo xeral, non ten traducida esa perceición sensíbel e sentimental -afectiva- en categorías ideolóxicas de pensamento identitario. Nen tampouco en autoestima, disque. Levo escoitado adoito o relato da mesma anécdota expresiva desa disociación como feito acontecido no entorno familiar do relator. É a do emigrado en Madrid que non se afai, ten saudades da casa petrucial, da bisbarra de orixe, e di :"quero voltar para España". A expresión convirtiuse mesmo en paradigma tópico da vivencia alienada do sentimento de pertenza identitaria: quer vivir na súa Terra mais non sabe sequer denominala, ou sexa, denotala. Menos aínda poderá exercer como cidadán dela, esgrimir os seus dereitos, reivindicala, emanciparse con ela.

Mais a realidade actual dista moito deses tópicos. A historia do pasado século, e toda a estrítamente contemporanea, amóstranos un povo con ampla conciencia de seu verquida nunha prática social e política elocuente. O nacionalismo galego contemporán, sempre comparado desventaxosamente - e a miúdo pexorativamente- co catalán en magnitudes de apoio eleitoral e peso político, foi en troques ben por diante dil en movimentos e orgaizacións populares e de clase con matriz e ideario político nacionalistas, como o sindicalismo tanto obreiro coma labrego. Outra cousa é o nível de cultura política nas claves e códigos da democracia burguesa liberal do centro do sistema, europea para empezar. E máis, sobre todo, dos seus métodos, liturxias e práticas institucionais.

E inda así e todo, a só dez anos da lei da redención dos foros, os labregos votaron masivamente o Estatuto do 36, e após a longa noite de pedra, as candidaturas nacionalistas tiveran un extraordinario apoio eleitoral nos primeiros comicios municipais do postfranquismo, os do 1979. As formas de expresarse a conciencia identitaria son eiquí máis trambilicadas e atípicas: non podían ser as mesmas nesta sociedade subdesenvolvida, fisterrán no pleno sentido da verba, ca nas configuradas conforme a estrutura modélica europea do capitalismo desenvolvido, a cultura burguesa e o correlativo Estado liberal. Incluída a conceición e categorización -burguesa tamén- do nacionalismo como fenómeno ideolóxico-político.

Non dispoño de elementos abondo de certidume para unha diagnose obxetivamente certeira do degrau de perceición cidadá e nível da conciencia social galegas a respeito do lerio do Estatuto. No entanto, sinalarei un par de indicadores referentes á conciencia de identidade e máis ao avance no autogoberno.

Hoxendía, en números redondos, quince de cada cen cidadáns galegos síntense e considéranse só galegos en contraste con que, no outro extremo, só cinco se consideran só españois. A seguida, a porcentaxe dos que se sinten máis, ou antes, galegos ca españois, virtualmente duplica á da posición inversa. O resultado é que, mesmo sen contarmos cos que se consideran galegos e españois en equilibrada simbiose, a conciencia social de identidade própria prevalece en magnitude na cidadanía galega sobre a imbuída pola pertenza ao Estado español. E isto acontece despois dun longo período de intenso e sistemático bombardeo ideolóxico-mediático alienante -os dados sitúanse ao remate de tres lustros de fraguismo eiquí e dúas lexislaturas de involución aznarista nos poderes estatais. Pero, asemade, esa situación insírese nun proceso de constante avance na extensión da conciencia social identitaria ao longo dos dous últimos decenios -evolución correlativa, por certo, do veloz ascenso do apoio eleitoral ao nacionalismo progresista até hai cousa dun lustro, inda que parte considerábel dos continxentes cidadáns que foron cobrando esa conciencia identitaria se decantasen eleitoralmente por outras opcións partidarias: velaí outro indicio de persistencia da disociación entre perceición do celme identitario e articulación ideolóxico-política da conciencia nacional.

Conviría aprofundar na análise destes fenómenos, mais non é posíbel eiquí. Con todo, cedo á tentación de sinalar o contraste, e aparente contradición obxetiva, co retroceso cuantitativo no uso do idioma proprio -chave de bóveda da construción identitaria no pensamento e a praxe histórica do nacionalismo galego, e medularmente no galeguismo culturalista piñeirán. Se digo contradición aparente é porque aí temos, por exemplo, a Irlanda, onde a regresión do gaélico foi o reverso da medalla da autodeterminación irlandesa que acadou o cume da plena independencia política en forma de estado soberán.

E qué pensa ese común cidadán, a cada pouco máis consciente de seu, da reforma estatutaria como avance no autogoberno? A restra de comparecencias de voceiros do tecido cívico no Parlamento galego, durante os pasados meses, dános a posibilidade de tracexarmos un croquis - que non un mapa- dese estado de opinión. Veleiquí a miña leitura, esquemática, dese croquis.

Primeiro. A "sociedade civil" - no senso auténtico do conceito definido pola Ilustración a partir de Locke, e non nas versións adulteradas que hoxe proliferan- vai, nos seus pronunciamentos, ben por diante da "clase política": enuncia as custións sen preconceítos de "cociña política"; vai ao cerne social delas sen enredar nos enguedellos técnico-xurídicos; emprega cadanseu prisma ideolóxico sen autocensura; apunta ao trasunto efectivo das problemáticas sociais no seu diversificado abano; enuncia os seus intereses como razón de ser das fórmulas normativas propostas; pronúnciase sobre a custión "nación", a prol ou non, sen sucumbir ao fetichismo das palabras. Os cidadáns queren recoñecemento da súa identidade colectiva e instrumentos políticos para exercérena, resolveren os seus problemas e defenderen os seus intereses: queren autogobernarse como cidadáns galegos.

Segunda. O fenómeno faise máis patente no tecido asociativo e institucional construído de abaixo arriba polo común: asociacións cívicas diversas, culturais, profisionais, sindicais, Real Academia Galega. Museu do Povo Galego, fundacións autóctonas, e así seguido.

Terceiro. Existe unha correlación biunívoca antre nível de conciencia e mundo da cultura. Neste eido, trátase dun fenómeno transversal á diferente índole das asociacións e institucións culturais, sexan en orixe criación do común -RAG, Mesa pola normalización lingüística, etc.- séxano da administración -Universidades, Consello da Cultura, etc.

Cuarto. Hai unha disonancia rechamante: a cúpula da orgaización corporativa do empresariado -en aberto contraste, por certo, cos sindicatos e tamén cos colexios profisionais do ámbito socioeconómico, como os dos economistas. Temer que un afortalamento das institución políticas galegas fragmente e compartimente o mercado interno español, resulta tan pavero que induce a preguntármoslle se os poderes dos Länder na estrutura federal alemá compartimentan o mercado interno da Alemaña. Mais confesareivos que non me solprende nen chisco. Hai trinta anos que escribira eu, no "Atraso", esta diagnose: a burguesía galega "é o soporte local das forzas que exercen o colonialismo interior, e nesa mesma medida anda a botar as pedras sobor do propio tellado". Semellan seguir na mesma: en boa lóxica o empresariado autóctono debera ser o primeiro interesado no afortalamento dun poder político galego, mais seica prefire pór os seus intereses en mans de poderes alleos. Así lle vai.

Finalmente. Hai un desafine estridente no poder xudicial -en contraste coa asisada posición dos orgaísmos da avogacía. Resulta increíbel- e democráticamente inadmisíbel- que a máis alta maxistratura do poder xudicial na Galiza antepoña os seus privilexios corporativos aos dereitos lingüísticos dos cidadáns, e nada menos que para a administración da xustiza. Faime relembrar as "fazañas" dos xuíces ingleses na Irlanda sometida de antano, acedamente denunciadas por Jonathan Swift hai xa case trescentos anos. Mais tampouco isto me pilla de novas: encaixa na "insolidaridade institucional" que retratei en pleno franquismo, e máis na peculiar maneira de entenderen o principio da "independencia" do poder xudicial -exercida, olímpicamente, a respeito da soberania popular. E porén -diría Galileo- o centro soberano do universo democrático é o común cidadán que, na Galiza de arestora, ten as cousas moito máis claras que os inquilinos dos tres andares do edificio estatal. Pesia todo.•


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >