| G-192 |
| Manoel Santos | |
| Domingo, 09 de Novembro do 2008 | |
|
Disque o vindeiro 15 de novembro reúnense en Wáshington vinte das economías máis poderosas do planeta humano, xunto ád dalgúns países emerxentes e, tamén, a do Estado español, que andou de xira choromicando aquí e acolá para ver se o invitaban. A xuntanza do G-20 realízase para "discutir sobre os mercados financeiros e a economía mundial", mais é claro que queren chantar a primeira pedra dun novo sistema monetario internacional ou, se queredes, dun Bretton Woods II. Ao cabo, refundar -ou reproducir- o capitalismo maquillando as estruturas das institucións que o fixeron dogma mundial, case relixión. Opio do pobo. A saber, FMI, Banco Mundial e outros bancos rexionais e OMC cando menos. Xa se sabe, o raposo a coidar, ou desta vez a reformar, o galiñeiro. O sistema non vai cambiar por moito Obama que chegue á Casa Branca. Adáptase para sobrevivir malia o seu fracaso, que é moito máis estrondoso có da súa antítese, o socialismo. Cito o meu admirado Frei Betto: "O escándalo da Inquisición non fixo que os cristiáns abandonasen os valores e as propostas do Evanxeo. Do mesmo xeito, o fracaso do socialismo no leste europeo non debe inducilo a descartar o socialismo do horizonte da historia humana. O capitalismo, vixente hai 200 anos, fracasou para a maioría da poboación mundial. Hoxe, somos 6.000 millóns de habitantes. Segundo o Banco Mundial, 2.800 millóns sobreviven con menos de 2 dólares por día. E 1.200 millóns, con menos de 1 dólar por día". Évos así. Tendemos a pensar que o capitalismo foi exitoso por mor da opulencia na que vivimos no Norte, mais esquecemos que os sistemas de Guinea-Bissau, de Serra Leoa, de Haití ou de Papúa Nova Guinea, xunto ás doutro cento de países mergullados na miseria, son unha parte importantísima do capitalismo -a das materias primas-, en gran medida grazas ás anteditas institucións, que poden ser todo menos democráticas. Tampouco é democrático o G-20, por canto Nacións Unidas conta hogano con 192 países membros. Non debería ser este foro -o da Asemblea e non o do nocivo e ditatorial Consello de Seguridade- onde se discutira o devir do mundo? Eu só vexo no panorama mundial dous países que están realmente a virarlle as costas ao capitalismo salvaxe con propostas constituíntes cara a un outro mundo posíbel. Son Bolivia e Ecuador. Ningún está no G-20. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|











.gif)









Ignacio Ramonet-. A apocalipse financeira non rematou. Estase transformando en recesión global. E todo indica que imos cara a unha Gran Depresión. Por espectaculares que sexan, as medidas adoptadas en Europa e en Estados Unidos non van provocar o final das dificultades. 
